A coartada da fraude: cando a dereita prepara a escusa antes das eleccións
Hai un patrón que se repite unha e outra vez nunha parte da ultradereita internacional. Un manual de instrucións, unha folla de ruta perfectamente recoñecible. Primeiro ponse en cuestión a lexitimidade do adversario político. Despois cuestionase a limpeza das institucións. Máis tarde sementase a sospeita sobre os procesos electorais. E finalmente, se chegan as urnas e o resultado non gusta, xa queda preparada a escusa para non aceptar a derrota.
Fíxoo Donald Trump nos Estados Unidos. Durante meses alimentou a teoría de que as eleccións podían ser fraudulentas, que existía unha suposta conspiración contra el e que o sistema estaba manipulado. O resultado foi coñecido por todo o mundo: unha parte dos seus seguidores acabou asaltando o Capitolio nun dos episodios máis graves da historia recente da democracia estadounidense.
Agora vemos como ese mesmo discurso, con matices locais, se reproduce tamén no Estado español. Feijóo, Ayuso, Abascal e outros dirixentes da dereita e da extrema dereita levan tempo cuestionando a lexitimidade do Goberno saído das urnas. Non lles chega con perder unha votación parlamentaria ou unhas eleccións. Precisan convencer aos seus seguidores de que, se non gobernan eles, é porque existe algún tipo de fraude.
Por iso resulta especialmente grave escoitar como comezan a insinuar que as próximas eleccións poderían non ser limpas ou que podería existir algún tipo de tongo. Porque cando alguén afirma isto sen probas non está atacando só ao Goberno de quenda. Está atacando a credibilidade de todo o sistema democrático. Está dicindo que as institucións non funcionan, que os funcionarios non son imparciais, que as garantías electorais non existen e que a vontade popular pode ser manipulada.
É dicir, están afirmando exactamente aquilo que din combater: que o sistema é corrupto.
A última ocorrencia consiste en sinalar que a concesión da nacionalidade a descendentes de emigrantes españois sería unha especie de operación electoral encuberta. Segundo esta teoría, permitir que netos e netas de quen tivo que abandonar España pola guerra, a ditadura, a represión ou a fame poidan recuperar un vínculo xurídico co seu país de orixe sería unha forma de fabricar votos para o Partido Socialista.
A afirmación resulta tan absurda como ofensiva.
En primeiro lugar, porque esas novas persoas cidadás teñen exactamente o mesmo dereito a votar que calquera outro español. En segundo lugar, porque ninguén pode saber que opción política escollerá cada persoa. Pensar que centos de miles de cidadáns van votar todos o mesmo non só é falso, senón profundamente paternalista.
Pero ademais hai algo que fai aínda máis chamativa esta polémica: moitos dos que hoxe critican esta medida defendérona durante anos.
O Partido Popular votou a favor de iniciativas similares. Feijóo, cando presidía a Xunta de Galicia, reivindicou en numerosas ocasións a necesidade de recoñecer os dereitos dos descendentes da emigración galega. Durante as súas viaxes á Arxentina e a outros países cunha importante comunidade galega, falou de xustiza histórica e da importancia de manter o vínculo con quen tivo que marchar.
Daquela era unha medida xusta. Agora parece que é unha fraude electoral.
A diferenza non está na medida. A diferenza está en quen goberna.
E esa é precisamente unha das maiores mostras de hipocrisía política que estamos a ver. Defender unha cousa cando che beneficia e atacar exactamente a mesma cando a impulsa o teu adversario.
Pero aínda resulta máis preocupante a campaña contra a regularización de persoas migrantes.
Estase difundindo deliberadamente a idea de que regularizar traballadores estranxeiros equivale a crear novos votantes para a esquerda. Unha mentira tan grande que se desmonta cunha simple lectura da lexislación española.
A residencia non dá dereito ao voto nas eleccións xerais. A residencia non é a nacionalidade. Unha persoa pode obter permiso para vivir e traballar legalmente en España e seguir sen ter dereito a participar nunhas eleccións estatais.
Sábeo calquera persoa minimamente informada.
Regularizar a quen xa vive e traballa aquí non significa fabricar votantes. Significa acabar con situacións de explotación laboral. Significa que quen xa está a desempeñar traballos esenciais poida facelo con dereitos, con contratos e con protección social. Significa combater a economía somerxida e evitar que miles de persoas sexan utilizadas como man de obra barata precisamente por carecer de documentación.
Por iso existe unha contradición evidente nalgúns discursos da ultradereita.
Non semella que teñan un problema coa existencia de inmigrantes traballando en España. O que semella molestarlles é que esas persoas traballadoras teñan dereitos.
Porque un traballador con papeis pode denunciar abusos. Pode esixir un salario digno. Pode cotizar. Pode acceder a protección laboral. Pode deixar de ser invisible.
E iso prexudica a quen se beneficia da precariedade e da explotación.
A inmensa maioría da sociedade debería defender exactamente o contrario. Que quen traballa o faga con dereitos. Que quen contribúe poida facelo legalmente. Que aumenten as cotizacións que sosteñen as pensións públicas. Que existan máis recursos para financiar a sanidade, a educación e os servizos públicos.
Iso non debilita o país. Faino máis forte.
O verdadeiramente preocupante de todo este proceso é que a dereita e a extrema dereita parecen estar construíndo desde hoxe o relato que utilizarán mañá se as urnas non lles dan a razón. Non preparan un programa mellor. Non fan autocrítica. Non reflexionan sobre por que unha parte da cidadanía pode non confiar neles.
Preparan a escusa.
E cando unha forza política comeza a desconfiar da democracia antes mesmo de que os cidadáns voten, o problema xa non é electoral. O problema é democrático.
André Abeledo Fernández

