Os dereitos non son obrigatorios: carta aos traballadores que votan á dereita
Hoxe quero dirixirme a unha parte concreta da nosa clase. Non aos banqueiros, nin aos donos das grandes superficies, nin aos fondos voitre, que votan á dereita sabendo perfectamente o que fan. Diríxome a eses traballadores e traballadoras que, cobrando unha nómina e madrugando coma o que máis, van votar o PP ou VOX e que, ademais, se molestan cada vez que se aproba un novo dereito para a clase traballadora. A eles quérolles dar unha noticia que, polo visto, ninguén lles contou: os dereitos non son obrigatorios.
Dez días para despedir a túa nai
O Goberno aprobou este martes, no último Consello de Ministros antes das eleccións, a ampliación do permiso por falecemento dun familiar, que pasa de dous a dez días laborables e que agora se denomina permiso por loito. Unha medida que levaba máis dun ano enriba da mesa, que a patronal recibiu coa cara longa de sempre e que o PP xa ameaza con derrogar, despachándoa como «papel mollado».
E xa oio algúns compañeiros no vestiario, na máquina do café ou no grupo de WhatsApp: que se é electoralismo, que se é outra paguiña, que se así non hai quen levante este país. Pois tranquilo, compañeiro. Ninguén te vai obrigar a coller eses días. Se mañá morre a túa nai e ti prefires fichar á hora de sempre, ficha. Nin sequera tes por que ir ao enterro. Ninguén vai ir buscarte á casa para obrigarte a gardar dez días de loito. O dereito está aí para quen o precise e quen non o queira, que non o use.
O que non podes facer é negarllo á compañeira que acaba de perder o seu fillo nin ao compañeiro que ten que cruzar media península para enterrar o seu pai e volver coa alma esnaquizada a repoñer lineais. Dous días non dan nin para o tanatorio, o enterro e a papelada. Calquera que pasase por iso sábeo. E cando non hai tempo para o loito, o que chega despois é a baixa por puro esgotamento emocional, que ao final pagamos todos.
Un dereito non che quita nada: dáche unha opción
Esta é a trampa na que a dereita leva décadas facendo caer unha parte da clase traballadora: presentar cada dereito coma se fose unha imposición. Un dereito non é unha obriga. É unha porta que se abre. Podes cruzala ou non, pero pechárllela aos demais é unha canallada.
Pasa exactamente o mesmo co dereito ao aborto. O dereito ao aborto non obriga ningunha muller a abortar. Quen teña unhas crenzas relixiosas que non llo permitan, que as siga con total liberdade: ninguén llo vai impedir nin lle vai chamar á porta para obrigala a facer o contrario. O que non pode é impoñer a súa fe ás demais. O dereito ao aborto permítelle a quen queira exercelo decidir sobre o seu propio corpo e a súa propia vida, con garantías e na sanidade pública. Non nunha clínica clandestina nin cruzando a fronteira, como tiveron que facer moitas das nosas nais e avoas cando podían pagalo, mentres as mulleres pobres se xogaban a vida.
E pasa o mesmo co divorcio, que tanto combateron os mesmos de sempre: ninguén está obrigado a divorciarse. E co matrimonio entre persoas do mesmo sexo, que o PP levou ao Tribunal Constitucional: a ningún heterosexual se lle obrigou a casar con alguén do seu mesmo sexo. Ningún deses dereitos lle quitou nada a ninguén. Só fixeron a vida un pouco máis digna a quen os precisaba.
O que de verdade é obrigatorio
Saben que si é obrigatorio? O que nos impoñen sen preguntarnos. É obrigatorio volver traballar cunha hernia porque a mutua che dá a alta antes de tempo. É obrigatorio aceptar un salario que non chega a fin de mes porque, se non, hai cola na porta. É obrigatorio traballar ata caer rebentado e, se os deixamos, ata os setenta anos, como soña Aznar. É obrigatorio pagar un aluguer abusivo porque os fondos voitre converteron a vivenda nun casino. Iso si que son imposicións. E, que casualidade, aí a dereita nunca fala de liberdade.
A liberdade, para eles, é a liberdade do patrón para despedir barato, a do fondo voitre para desafiuzar e a da mutua para mandar o enfermo traballar. Nunca a liberdade do traballador para enterrar a súa nai con dignidade.
Quen vota contra os seus dereitos vota contra si mesmo
Que ninguén se engane: se mañá gobernan o PP e VOX, eses dez días corren perigo. Xa o advertiron. E non só eses. Irán contra os permisos, as baixas, as pensións e o salario mínimo. Catro anos dan para desmantelalo todo.
Ao compañeiro que pensa votalos dígolle, con todo o respecto: ti non tes por que usar ningún dereito que non queiras. Pero non lle quites á túa compañeira, á túa filla ou ao teu veciño o que algún día tamén vas precisar ti. Porque a vida dá moitas voltas e o día que che toque despedir os teus vas agradecer eses dez días, aínda que hoxe digas que non os queres.
Os dereitos non se regalan: conquístanse. Conquistounos a loita obreira con folgas, con cárcere e con sangue. O mínimo que podemos facer é non lle entregar a papeleta a quen nolos quere arrincar.
Até á vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

