A ignorancia como caldo de cultivo do odio
Camaradas,
Hai uns días vin unha entrevista que me deixou xeado, e non por sorpresa, senón porque confirma un diagnóstico que levamos tempo repetindo dende a esquerda de clase: a ignorancia é o combustible que alimenta o odio, e a ultradereita leva anos sementándoa a conciencia, sabendo perfectamente o que fai.
Unha muller, sen traballo, dependente dunha prestación pública para sobrevivir, pedía con vehemencia que se retirasen «todas as axudas» que —segundo ela, segundo a propaganda que ten interiorizada— reciben os inmigrantes e que os expulsasen «ao seu país». E rematou cunha frase que o di absolutamente todo: que lle quitasen a axuda a ela tamén, «se fai falta». Unha persoa que vive grazas a unha prestación prefire quedar sen nada antes que ver outro ser humano recibir o que ela cre, falsamente, que recibe. Non pide máis para si mesma. Pide menos para o de ao lado, aínda que iso a afunda tamén a ela.
Sementar ignorancia para colleitar odio.
Os informes internacionais levan anos deixándoo claro: a ignorancia embrutece e, cando se sementa de xeito sistemático, é moito máis doado colleitar odio. Iso é exactamente o que fai a ultradereita, camaradas: non ofrece solucións, non ofrece dereitos, non ofrece redistribución. Ofrece un inimigo doado, sinalado, estranxeiro, sobre o que descargar toda a rabia lexítima que produce vivir na precariedade. É máis cómodo odiar o migrante que esixir contas a quen realmente concentra a riqueza.
As axudas que si existen, e son unha vergonza.
E aquí toca dicir unha verdade incómoda: axudas de verdade, con criterio redistributivo, hai moi poucas neste país, e as que hai adoitan estar mal deseñadas. A Xunta destinou preto de oitocentos mil euros para o carné de conducir, un diñeiro dispoñible para calquera mozo ou moza de dezaoito a trinta anos con ingresos de ata corenta e dous mil euros anuais. É dicir, unha axuda que chega igual de ben a quen realmente a precisa que a quen non a precisa en absoluto.
O mesmo ocorre con outras axudas estatais para a mocidade, onde cobra o mesmo o fillo dunha familia que non chega aos setecentos euros ao mes que o fillo dun multimillonario. Iso non é xustiza social, camaradas: iso é lixo disfrazado de política social.
Mercar votos co noso propio diñeiro.
Esas axudas universais, sen criterio de renda, non buscan axudar a quen o precisa: buscan mercar votos co diñeiro de todos. É o mesmo mecanismo que Trump prometeu nos Estados Unidos co seu cheque de cinco mil dólares para cada cidadán adulto se gañaba as eleccións.
O diñeiro público, que sae dos impostos de todos nós e que é do Estado, debería servir para políticas realmente útiles e para chegar a quen de verdade o precisa. No canto diso, convértese nun regalo cosmético, en propaganda electoral, nunha forma de mercar o voto do «partido de quenda» co noso propio peto.
Tocar fondo.
E esa é a vergonza de todo isto: ver como o caldo de cultivo da ignorancia máis embrutecedora produce xente tan mesquiña que prefire estar peor con tal de que haxa alguén aínda peor ca ela. Non buscan igualarse por arriba. Non esixen dereitos para si mesmos. Piden que os de máis abaixo teñan aínda menos.
Iso é tocar fondo. Iso é unha involución social tremenda. Iso é a falta de empatía convertida en programa político, o chanzo máis baixo ao que pode caer a especie humana cando se lle arrebata a conciencia de clase e se lle entrega, a cambio, un cabeza de turco.
Non nos confundamos de inimigo, camaradas. O inimigo nunca foi quen chega fuxindo da miseria. O inimigo é quen deseña axudas lixo para mercar votos e sementa ignorancia para colleitar odio.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

