Ao mono que acapara plátanos, os humanos chamámolo multimillonario.
O capitalismo bo non existe.
Levamos décadas escoitando que existe un capitalismo bo, un que «crea riqueza» e a reparte por goteo. A realidade desmentiuno unha e outra vez: a riqueza concéntrase, as desigualdades medran e quen di creala, en realidade, acapáraa, coma urracas que rouban todo o que brilla. Nin a crean nin a reparten. A riqueza créaa quen traballa; acumúlaa quen manda.
Keynes equivocouse no único que importaba.
Keynes, nada sospeitoso de bolxevique, previu que, cara a 2030, o desenvolvemento económico nos permitiría traballar moito menos e dedicar máis tempo á cultura, ao lecer e á vida. O problema, dicía, xa non sería producir o suficiente, senón distribuír a riqueza e o tempo libre.
Cumpriuse a primeira parte: producimos máis ca nunca. A segunda nunca chegou. Despois de dezaoito anos traballando no comercio, podo aseguralo: a produtividade aumentou, pero non se traduciu en menos horas para quen traballa, senón en máis beneficios para quen posúe. Porque a xornada non a decide a tecnoloxía, senón a distribución da riqueza, as decisións empresariais e as políticas laborais. É dicir, a correlación de forzas entre clases.
O mono que acapara.
Se un mono acumulase máis plátanos dos que pode comer mentres o resto da manda pasa fame, estudariámolo como unha rareza do comportamento animal. Pero cando un ser humano acumula unha fortuna que non podería gastar nin en mil vidas, chamámolo multimillonario, admirámolo e mesmo o convertemos nun referente social.
Normalizamos a acumulación ilimitada nun mundo onde millóns de persoas carecen do máis básico. Confundimos o éxito económico co valor humano e a riqueza co mérito. E mentres discutimos quen merece máis plátanos, ninguén pregunta por que uns teñen tantos que xamais poderán comelos e outros non teñen ningún.
O paradoxo do traballador que aplaude o amo.
O verdadeiramente paradoxal é que haxa traballadores que admiren a quen se enriquece co seu esforzo, defendan os seus privilexios e xustifiquen un sistema que os condena á precariedade. A estupidez, dicía a frase atribuída a Einstein, é infinita, aínda que do universo non estaba seguro. Os fachapobres son a proba vivente: incapaces de entender o que acontece ao seu redor, votan os seus inimigos de clase, e esa falta de conciencia convérteos en persoas facilmente manipulables e controlables polo poder.
Cando un traballador vota o mesmo partido que o dono da empresa, polo xeral, é o traballador quen se equivoca e bota pedras contra o seu propio tellado.
Quizais o problema non sexan os plátanos.
Quizais o problema non sexa que existan persoas con moitos plátanos, senón que construísemos unha sociedade na que acumulalos sen límite se considera unha virtude e cuestionar esa acumulación se presenta como unha ameaza. Esa inversión de valores non é natural: é ideoloxía, e combátese con conciencia de clase, organización e loita.
A verdadeira medida do progreso dunha sociedade non é canto pode acumular unha persoa, senón como vive o conxunto de quen a fai posible.
Ata que iso se entenda nos centros de traballo, nas caixas, nos almacéns e nas urnas, seguiremos alimentando monos alleos.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

