A prima de Mercadona: a cenoria e o pau.
A Inspección Provincial de Traballo de Pontevedra propuxo unha sanción de 50.000 euros a Mercadona por unha infracción «moi grave»: negarlle a prima a unha delegada sindical da CIG nunha tenda da avenida de Madrid, en Vigo. A clave foi un audio, achegado polo sindicato, da entrevista de avaliación de 2024. Nel, a coordinadora do centro reprocháballa á delegada a súa participación en concentracións e o uso das súas horas sindicais, e recorría ao «modelo Mercadona» para xustificar que non superara a avaliación, sen sinalar un só incumprimento profesional. A nota suspensa supoñíalle á traballadora a perda do equivalente a tres mensualidades. Posteriormente, foi despedida xunto con outros tres delegados do mesmo sindicato.
Nada novo baixo o sol.
Quen coñece Mercadona por dentro sabe que isto non é unha anécdota. Leva décadas funcionando así. O que a empresa chama «prima» non é máis ca un complemento salarial que depende dunha valoración subxectiva: asígnaselle unha nota e, en función dela, decídese se se cobra ou non. É o vello sistema do pau e a cenoria, que xa aplicaba Henry Ford: nas súas fábricas, o famoso salario de cinco dólares só o cobraban aqueles que superaban a inspección de conduta da empresa. A cenoria é a prima; o pau, cada vez que lla quitan a alguén.
Para que o sistema funcione, non pode cobrala todo o mundo. Cóbraa quen traga con todo: quen traballa estando enfermo, quen renuncia ás súas vacacións, quen cambia a súa vida e os seus plans cada vez que a empresa llo pide. Quen reclama os seus dereitos, quen entende que, do mesmo xeito que ten obrigas, tamén ten dereitos, e quen pretende ter unha vida máis alá da tenda recibe o castigo: non cobra.
O castigo económico.
Se, ademais, es delegado dun sindicato que non é do agrado da empresa, moito peor. Nos meus 18 anos na empresa, cobrei esa prima moi poucas veces. Na miña categoría, coa máxima antigüidade, había que sacar un 8,1; eu case sempre sacaba un 7,9. É un castigo económico moi difícil de demostrar e de recorrer, que fai moitísimo dano, porque ese «bo salario» do que presume a empresa depende de cobrar ese diñeiro. Sen el, tes un soldo de comercio normal e corrente, coa maior parte do salario en complementos que, ademais, podes perder simplemente por estar de baixa. Iso de que se cobra o 100 % durante a baixa hai que explicalo ben: cóbrase o 100 % da parte do salario que non está suxeita a complementos, que é moi pouca.
Unha gravación para gañar.
Esta vez, por sorte, había unha gravación, como xa ocorreu na Coruña cunha delegada da CIG á que o seu coordinador lle dixo que non cobraría a prima por ser da CIG. Cunha gravación e un xuíz disposto a escoitala, é posible gañar. Sen ela, pásache como a min: perdes o xuízo unha e outra vez, aínda que todos saibamos que isto ocorre unha e outra vez. E é unha mágoa ter que depender de que un coordinador meta a pata, cando xa están máis que avisados do que poden e non poden dicir.
Ante o xuíz, a empresa sostén que non existe persecución sindical porque os delegados de CCOO e UGT si cobran a prima. O que ese xuíz non sabe é que non hai nada contra os sindicatos que traballan para a empresa, con delegados que, no fondo, fan de recursos humanos. Para quen defende de verdade os dereitos dos traballadores, denuncia os abusos e esixe que se respecten o convenio e o Estatuto dos Traballadores, a vida non é igual. E cando non se lles pode despedir nin conseguir que marchen facéndolles a vida imposible, o castigo máis doado é o que afecta directamente ao peto.
Cómplices e silencios.
Isto ocorre coa complicidade de CCOO e UGT, que aceptan e apoian unha valoración totalmente subxectiva para cobrar un complemento e, ademais, lle fan publicidade coma se fose algo positivo; co silencio dun Ministerio de Traballo que sabe perfectamente o que pasa; coa pasividade habitual da Inspección, que esta vez, polo menos, non foi pasiva; e co descoñecemento duns xuíces que, ao cabo, son persoas e non teñen por que saber o que ocorre en empresas cunha publicidade tan excelente, porque os medios están con elas e os gobernos non se atreven a dicir nada.
Alégrome pola compañeira. Pero 50.000 euros para Mercadona non son nada; o que importa é que se recoñeza que isto ocorre. O problema vén de moi atrás e continuará mentres exista unha «prima» que non o é, que depende dunha nota subxectiva e que permite castigar o traballador que non traga con todo, golpeándoo onde máis lle doe, xusto cando tanta xente o ten difícil para pagar o alugueiro ou chegar a fin de mes. Eles saben o dano que fan e o medo que teñen os traballadores a perdela, e asegúrovos que a espremen ata a última pinga.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

