Felipe González: a biografía dunha traizón
Hai personaxes na historia recente deste Estado que non precisan que ninguén os caricaturice, porque a súa propia biografía xa é a mellor caricatura da traizón. Felipe González é un deles, e Alfonso Guerra, o seu fiel escudeiro en cada xiro, en cada renuncia, en cada venda. Un home cunha distorsión evidente da realidade e da súa propia persoa: preséntase como estadista e non é máis ca un cadáver político que a dereita pasea polas tertulias cando lle convén.
Repasemos, sen medo á memoria.
O terrorismo de Estado e a cal viva
Baixo o Goberno de Felipe González montouse o GAL, a guerra sucia disfrazada de razón de Estado, con secuestros, torturas e asasinatos, algúns deles con cal viva polo medio. Houbo ministros e altos cargos condenados por iso. E moita xente segue sinalándoo como o «señor X», o que mandaba e non asinaba, o que gobernou amparando o terrorismo de Estado contra un pobo. Os tertulianos de hoxe empéñanse en branquealo, pero para isto non hai prescrición moral, camaradas.
O «de entrada, NON» que se converteu en SI
«De entrada, non á OTAN». Iso dicía quen despois, xa no poder, defendeu o si cun entusiasmo sen complexos. Así se goberna cando se goberna para o imperio e non para o pobo: prometendo soberanía desde a oposición e entregándoa desde o Goberno.
O traidor do Sáhara Occidental
Viaxou aos campamentos de refuxiados saharauís para prometer o apoio de España á autodeterminación e á independencia do Sáhara Occidental. Hoxe defende Marrocos e veranea no reino que ocupa ese territorio. Non hai palabra máis baleira ca a que se pronuncia ante un pobo que leva medio século agardando xustiza.
A porta xiratoria
Denunciou as portas xiratorias cando lle conviña e cruzounas el mesmo en canto deixou o poder: conselleiro de Gas Natural, asesor de multimillonarios, co seu prestixio institucional posto ao servizo das grandes empresas. Hoxe, Aznar, Rajoy e Felipe González son compañeiros de conferencias e tertulias. Cambian as siglas, pero a clase á que serven é a mesma.
O que reescribe a historia de América Latina
Só un vendido pode afirmar que a ditadura de Pinochet respectou máis os dereitos humanos ca o Goberno de Hugo Chávez. Esa frase, por si soa, retrata un home que nunca estivo do lado dos pobos, senón do lado de quen se reparte o poder no taboleiro imperial.
A reconversión industrial
O PSOE de Felipe González é o que desmantelou os estaleiros, o que privatizou empresas públicas rendibles e o que entregou ao capital privado o que era patrimonio da clase traballadora. Aquí, en Ferrolterra, sabemos ben de que falamos: a reconversión naval levou por diante miles de empregos e deixou unha comarca ferida que aínda non se recuperou. Ese é o legado que hoxe reivindica García-Page, herdeiro ideolóxico daqueles «varóns da Transición» que nunca deixaron de ser xestores da orde establecida.
Unha función moi concreta
Moitos pensamos, e non sen fundamento, que Felipe González e Alfonso Guerra cumpriron unha función moi concreta: garantir que no Estado español, tras o franquismo, non cambiase nada esencial; que a esquerda real nunca chegase a gobernar e que a Transición fose unha operación de continuidade disfrazada de ruptura. A dereita e a ultradereita sábeno e por iso aplauden, citan e abrazan nas tertulias. Can non come can.
Dúas almas no PSOE
Dentro do PSOE conviven hoxe, incómodamente, dúas almas: a de quen aínda cre en algo parecido á xustiza social e a de quen, como Page ou o propio Felipe González, poderían militar sen ruborizarse no Partido Popular ou en Vox. Non o fan porque son máis útiles ao poder disfrazados de socialistas. Ese é o seu verdadeiro partido: o da xestión tranquila do capitalismo, con carauta progresista cando toca e con carauta patriótica cando convén.
Vinagre do malo: a súa irrelevancia é un favor á esquerda
Hai viños que avellentan mal e se avinagran. No caso de Felipe González, é vinagre puro, e do malo. Hoxe por hoxe, que pida o voto para a dereita, que diga que votará en branco ou que se poña en contra do Partido Socialista actual dálle votos ao PSOE, non llos quita. Felipe González xa non é un referente para a militancia socialista nin para os votantes de ningún partido; non é referente de nada. Tivo o seu papel neste país, sen dúbida, pero, se o poñemos todo na balanza, incluído o seu papel actual, queda un personaxe máis próximo á ultradereita ca á esquerda, e máis traidor ca heroe.
O máis curioso é que non é consciente da súa irrelevancia, nin como personaxe nin como opinador. E así, coma con Milei, cada vez que defende a dereita e ataca a esquerda, Felipe González fainos un favor a todos: axuda a que a esquerda pare a ultradereita.
Non fai falta inventar nada, camaradas. Abonda con non esquecer.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

