O mentireiro e o ignorante: Feijóo, Abascal e a involución que chaman alternativa

Publicado:

Noticias populares

O mentireiro e o ignorante: Feijóo, Abascal e a involución que chaman alternativa

Hai días nos que un non sabe se está a ver o telexornal ou un programa de humor de sobremesa. Levo toda a vida a patear a política, da rúa ao pleno municipal e do pleno outra vez á rúa, e dígovolo coa man no peito: nunca vira un político tan burro como Santiago Abascal nin un tan mentireiro como Alberto Núñez Feijóo. Xuntos forman PPVOX, e PPVOX non é unha alternativa. É involución.

Feijóo, políglota da mentira

Feijóo non sabe inglés, en galego desenvólvese como quen camiña sobre xeo e en castelán cústalle rematar unha frase sen tropezar. Pero hai un idioma que domina coma un nativo: a mentira. Minte sen poñerse colorado, sen pestanexar e sen que lle trema a voz. É o único político capaz de contradicirse na mesma rolda de prensa e saír convencido de que gañou o debate.

Este señor opina de todo. Se se fala de fútbol, fala do Mundial coma se fose seleccionador. Estou á espera do día en que nos explique que non foi o pichichi do torneo porque non quixo, que el podería selo, pero que tiña cousas máis importantes que facer. Con Feijóo todo é así: o que non fai é porque non quere, e o que fixo mal é culpa doutro.

Votar con memoria: a Galiza que deixou Feijóo

Feijóo pídenos que votemos con memoria. Pois fagámoslle caso, camaradas, porque os galegos temos memoria de abondo. Cando chegou á Xunta en 2009, a débeda da Administración autonómica rondaba os 4.000 millóns de euros. Cando marchou para Madrid en 2022, deixouna en máis de 11.800 millóns. Case a triplicou. Ese é o «bo xestor» que nos venden.

E mentres a débeda medraba, a sanidade pública desangrábase: listas de espera interminables, centros de saúde sen médico, prazas que non se repoñen, urxencias colapsadas e servizos cada vez máis en mans privadas. Ese é o seu modelo de xestión, o que quere exportar ao conxunto do Estado: mentiras, amiguismo, recortes no público e negocio para os de sempre. Se votamos con memoria, Feijóo non gaña nin na súa casa.

Marcial Dorado e a honestidade como meme

Cada vez que Feijóo fala de honestidade, de dicir a verdade e de exemplaridade, en Galiza óese unha gargallada colectiva. Marcial Dorado e milleiros de galegos escachan coa risa. Todos lembramos as fotos do daquela alto cargo da Xunta paseando no iate dun contrabandista condenado. Que ese señor nos dea leccións de moral é, simplemente, un meme. Un deses que se comparten nos grupos de WhatsApp coa emoticona da risa con bágoas.

Abascal: con el, a intelixencia naceu morta

En 1936, no paraninfo da Universidade de Salamanca, o xeneral Millán-Astray berrou aquel «Morra a intelixencia!» fronte a Unamuno. Abascal nin sequera precisa berralo. Con el, a intelixencia naceu morta. É o exemplo vivo de que, na ultradereita, a ignorancia non é un defecto: é un requisito.

O ignorante de Abascal ataca a axuda ao desenvolvemento destinada aos países empobrecidos e quere acabar coa inmigración. Non entende, ou non quere entender, que a xente non se xoga a vida nunha patera por gusto, senón que foxe de guerras, fame, miseria e ditaduras que moitas veces provocaron ou sostiveron os mesmos poderes aos que el aplaude. Atacar a quen foxe e recortar a axuda a quen fica é a receita perfecta para xerar máis dor. Iso non é patriotismo: é crueldade e mesquindade. Un anano político con complexo de xigante.

Os señores das paguiñas

PP e VOX son dous partidos liderados por dous inútiles que viviron toda a súa vida do diñeiro público. Feijóo leva desde novo encadeando cargos na Administración, de despacho en despacho, sen coñecer o que é unha quenda de noite nin unha nómina que non chega a fin de mes.

E Abascal, o gran azoute dos «chiringuitos» e das «paguiñas», é o campión olímpico de ambas as dúas cousas. Esperanza Aguirre colocouno á fronte da Axencia de Protección de Datos da Comunidade de Madrid e, despois, da Fundación para o Mecenado e o Patrocinio Social, onde cobrou máis de 82.000 euros en 2013, nunha fundación sen actividade coñecida. Máis do que cobraba daquela o presidente do Goberno. E estes son os que nos chaman lacazáns aos que madrugamos, aos que repoñemos estantes e aos que rompemos o lombo por un salario que non dá para vivir.

Fanatismo climático? Que llo expliquen a Valencia

Abascal fala de «fanatismo climático», coma se o cambio climático fose unha invención de catro ecoloxistas. Que llo vaian explicar ás familias das vítimas da DANA de Valencia, aos labregos que perden colleitas por mor das secas e das inundacións e ás aldeas que arden cada verán. Negar a evidencia científica cando hai mortos enriba da mesa non é unha opinión: é unha irresponsabilidade criminal ao servizo das grandes empresas contaminantes que non queren que ninguén lles toque o negocio.

Garriga e a hipocrisía máis mesquiña

Ignacio Garriga Vaz de Conceição, secretario xeral e vicepresidente de VOX, é fillo de Rafael Garriga Kuijpers, de ascendencia belga, e de Clotilde Vaz de Conceição Morlay, nada en Guinea Ecuatorial. A súa propia familia é o retrato dos pobos que se mesturan, que se moven e que constrúen a súa vida lonxe de onde naceron. Que haxa persoas que cheguen de fóra e acheguen algo a un país é algo marabilloso, e a familia de Garriga é un exemplo diso.

O miserable é que, con esa historia familiar, se dedique a sinalar os inmigrantes e a pecharlles a porta a outros. Iso é VOX: a hipocrisía máis mesquiña, sen unha pinga de empatía. Subir a escaleira e despois darlle unha patada para que ninguén máis poida subir.

O debate a catro: o retrato en directo de PPVOX

O debate a catro deste xoves, a tres días das eleccións do 29 de novembro, foi o retrato en directo do que son. Cando Ada Colau lle reprochou que mantivese a Carlos Mazón como deputado nas Corts valencianas despois de que a DANA deixase máis de 230 mortos, Feijóo non tivo argumentos. Tivo machismo. «E vostede, caladiña», soltoulle. Mandar calar a unha muller nun debate electoral, diante de millóns de persoas, na mesma semana do 25N, cando outra muller acababa de ser asasinada por violencia machista. Ata o propio Sánchez lle preguntou nese momento que machismo era ese. Feijóo intentou despois disimular, pero o dito, dito está. Nin educación, nin respecto, nin argumentos: o señorito de sempre, convencido de que unha muller está para escoitar e asentir mentres el fala.

Abascal, pola súa banda, fixo o único que sabe facer: atacar os inmigrantes. Botoulles a culpa ata da crise da vivenda, coma se fosen os migrantes os que compran edificios enteiros para especular e non os fondos voitre aos que el e Feijóo protexen votando contra calquera lei que lles poña límites. Soltou datos falsos un tras outro, coma se mentir na televisión non tivese consecuencias, ata o punto de asegurar que nunca votara contra as familias numerosas. E cando se lle acabaron os bulos, recorreu ao insulto contra o presidente do Goberno. Colau preguntoulle se expropiaría os fondos voitre e Abascal, no canto de contestar, sinalou a Pedro Sánchez e chamoulle «o gran voitre». Pregúntanlle polos voitres de verdade e responde cun insulto para non mollarse. Xa sabemos de que lado está.

PPVOX é involución

Na miña opinión, nese debate tanto Abascal como Feijóo demostraron que non teñen nivel político para gobernar. Nin nivel, nin preparación, nin proxecto de país. Un só sabe mentir e enlamar; o outro só sabe odiar e insultar. E dío alguén que non é nin será nunca socialdemócrata, pero que sabe distinguir entre un adversario político e un perigo para a clase traballadora. Que dous personaxes así aspiren a gobernar é, en si mesmo, unha vergoña.

Camaradas, non nos deixemos enganar polas bandeiras, os berros nin os memes. Detrás de Feijóo e Abascal están os de sempre: os grandes empresarios, os fondos voitre, os que queren privatizar a sanidade, as pensións e a educación, os que soñan co despedimento libre e gratuíto. O mentireiro e o ignorante son só a cara visible dun proxecto que nos quere devolver décadas atrás.

A clase traballadora non pode permitirse votar a quen a despreza. A memoria, a organización e a conciencia de clase son as nosas armas. Fronte á mentira, a verdade. Fronte á ignorancia, a cultura. Fronte ao odio, a solidariedade.

 

Até a vitoria sempre!

 

André Abeledo Fernández

DEJA UN COMENTARIO (si eres fascista, oportunista, revisionista, liberal, maleducado, trol o extraterrestre, no pierdas tiempo; tu mensaje no se publicará)

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Últimas noticias

Os dereitos non son obrigatorios: carta aos traballadores que votan á dereita

Os dereitos non son obrigatorios: carta aos traballadores que votan á dereita  Hoxe quero dirixirme a unha parte concreta da...

Le puede interesar: