Se morre o galego, morre Galiza

Publicado:

Noticias populares

Se morre o galego, morre Galiza

Hai quen pensa que o futuro dun pobo depende do seu Produto Interior Bruto, das exportacións ou do número de autovías. Eu non. Un pobo comeza a desaparecer moito antes de perder a súa economía. Empeza a morrer cando deixa de falar a súa lingua, cando esquece quen é, cando acepta que a súa identidade é un estorbo e non un orgullo.

Por iso digo con absoluta claridade que precisamos medidas urxentes para salvar o galego e, polo tanto, para salvar Galiza.

Porque cando un idioma deixa de transmitirse de pais a fillos, cando deixa de escoitarse nas rúas, nas escolas, nos centros de traballo e nas institucións, non estamos diante dunha evolución natural. Estamos diante dunha derrota política, cultural e nacional.

O galego sobreviviu durante séculos grazas ao pobo traballador. Non foron os reis nin os gobernos quen o mantiveron vivo. Foron os campesiños, os mariñeiros, os obreiros e as familias humildes que seguiron falando a súa lingua malia as persecucións, as humillacións e o desprezo.

Mentres desde o poder se identificaba falar galego con ser ignorante, o noso pobo resistía.

Non hai que esquecer que durante o franquismo podía lerse nos xornais aquel infame «No sea animal, hable castellano». A miña propia nai contábame como na escola rural da parroquia de Anca os nenos que falaban galego eran ridiculizados. Non pasou hai cinco séculos. Foi onte no reloxo da historia.

Por iso resulta especialmente hipócrita que hoxe algúns pretendan presentarse como grandes defensores de Galiza mentres continúan aplicando políticas que aceleran o retroceso do galego.

O Partido Popular de Galicia leva anos disfrazándose de galeguista. Entrega medallas co nome de Castelao mentres esquece que o seu fundador, Manuel Fraga, prohibiu dedicar unha rúa ao pai do nacionalismo galego e que o seu partido votou contra o recoñecemento de Castelao como primeiro presidente da Xunta de Galicia. O mesmo partido que se opuxo ao uso do galego nas institucións europeas.

As palabras poden ser fermosas. Os feitos son infinitamente máis importantes.

O resultado está á vista de todos. Cada xeración fala menos galego ca anterior. E cando unha lingua perde a mocidade, entra nunha situación de auténtico perigo.

Xa non abondan campañas publicitarias nin declaracións institucionais unha vez ao ano.

O galego necesita unha auténtica política de discriminación positiva. Non para perseguir ningunha outra lingua, senón para compensar séculos de discriminación contra a nosa.

O idioma propio de Galiza debe ocupar o lugar central na administración, no ensino, nos medios públicos e na vida social. Ao mesmo tempo, quen chegue de fóra debe atopar todas as facilidades para aprender galego e incorporalo como unha ferramenta de integración. Defender o galego nunca significou atacar o castelán. Significa garantir que a lingua propia da nosa nación poida seguir existindo.

Porque todas as linguas son patrimonio da humanidade. Cada unha delas representa unha forma distinta de entender o mundo. Cando desaparece unha lingua, empobrecémonos todos.

Pero a defensa de Galiza non remata na lingua.

Tamén se libra no territorio.

Mentres nos falan de transición ecolóxica, a nosa terra convértese nun inmenso parque eólico pensado para abastecer intereses alleos. Non se planifica pensando no futuro do rural galego, nin na soberanía alimentaria, nin na conservación da paisaxe. Planifícase para satisfacer as necesidades da metrópole e das grandes multinacionais.

Galiza produce moita máis enerxía da que consume. Xa cumpriu de sobra coa súa achega.

O que hoxe vivimos non é unha planificación ao servizo do país. É un novo modelo de extracción colonial no que os beneficios marchan fóra mentres aquí quedan os impactos ambientais, o despoboamento e a destrución do territorio.

Por iso doe tanto comprobar como ás veces cada quen defende unicamente a súa leira sen comprender que a verdadeira leira que debemos defender chámase Galiza.

A nosa terra non pode seguir sendo o patio traseiro onde outros deciden que facer cos nosos montes, cos nosos ríos, coa nosa paisaxe e coa nosa xente.

Todo isto conduce inevitablemente a unha reflexión máis ampla.

Galiza é unha nación.

Temos unha lingua propia, unha historia común, unha cultura diferenciada, un territorio e unha conciencia colectiva construída durante séculos. Negar esa realidade non resolve absolutamente nada.

Como tampouco resolve negar a realidade nacional de Catalunya ou de Euskadi.

A convivencia entre pobos só pode construírse desde o respecto e desde a igualdade.

Sempre defendín unha unión voluntaria entre pobos libres. Un Estado federal ou plurinacional onde cada nación poida decidir libremente a relación que quere manter co resto. Recoñecer o dereito a decidir non rompe a convivencia. Ao contrario, fortalecea porque elimina a imposición.

Os Estados convértense en cárceres cando pretenden reter pola forza aquilo que deberían conservar mediante o respecto.

A defensa da identidade galega nunca foi incompatible coa solidariedade entre pobos. Ao contrario. Só quen respecta a súa propia identidade pode respectar verdadeiramente a dos demais.

Hoxe falar galego continúa sendo, en demasiados ámbitos, un acto de resistencia.

E iso debería avergoñarnos como sociedade.

Precisamos recuperar o orgullo de sermos galegos. Precisamos deixar de pedir permiso para existir. Precisamos comprender que defender a nosa lingua non é unha cuestión folclórica nin sentimental.

É unha cuestión de supervivencia.

Porque, como nos lembrou Castelao, «Se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma.»

E mentres haxa unha persoa que siga falando galego con orgullo, seguirá existindo a esperanza de que Galiza continúe sendo dona de si mesma.

 

André Abeledo Fernández 

DEJA UN COMENTARIO (si eres fascista, oportunista, revisionista, liberal, maleducado, trol o extraterrestre, no pierdas tiempo; tu mensaje no se publicará)

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Últimas noticias

Si muere el gallego, muere Galicia Hay quien piensa que el futuro de un pueblo depende de su Producto Interior...

Le puede interesar: