A FIFA non quere política, agás a do poder

Publicado:

Noticias populares

A FIFA non quere política, agás a do poder

A FIFA leva anos repetindo que o fútbol debe manterse á marxe da política. É un discurso cómodo, repetido ata a saciedade por quen pretende presentar o deporte como un espazo neutral. Pero abonda con observar este Mundial para comprobar que esa suposta neutralidade non existe. Nunca existiu.

O que a FIFA chama neutralidade consiste, en realidade, en permitir a política dos poderosos mentres persegue a de quen cuestiona a orde establecida.

A selección arxentina mostrou unha pancarta reivindicando que as Illas Malvinas forman parte do territorio arxentino e denunciando a ocupación británica. Era unha reivindicación política, si. Tamén era unha reivindicación histórica. As Malvinas foron arrebatadas pola forza en 1833 polo Imperio británico e esa disputa continúa aberta desde entón. Milleiros de arxentinos entregaron a súa vida defendendo o que consideran parte da súa patria. Compartir ou non esa reivindicación é lexítimo. O que resulta ilexítimo é que a FIFA invoque o seu regulamento só cando a mensaxe incomoda ao poder.

Porque este Mundial estivo atravesado por decisións políticas desde moito antes do asubío inicial.

¿Non é política obrigar á selección iraniana a soportar unhas condicións de desprazamento que dificultan a súa participación mentres outras seleccións gozan de todas as facilidades? ¿Non é política impedir a entrada dun árbitro somalí alegando decisións unilaterais do Goberno estadounidense? ¿Non é política negar o visado a persoas convidadas ao torneo por razóns alleas ao deporte?

Por suposto que o é.

Tamén é política organizar un Mundial nun país cuxa política exterior condiciona quen pode entrar, quen pode traballar e quen pode participar con normalidade na competición. É política celebrar o maior espectáculo deportivo do planeta nun Estado que continúa apoiando guerras e intervencións internacionais, que apoia militarmente ao Goberno israelí mentres este destrúe Gaza e ataca outros países da rexión, que mantén unha política migratoria denunciada por numerosas organizacións de dereitos humanos e que converte o deporte nun instrumento máis da súa proxección internacional.

Pero diso a FIFA nunca fala.

A mesma organización que ameaza con sancións cando aparece unha bandeira palestina na bancada ou unha pancarta sobre as Malvinas garda un silencio absoluto cando as decisións políticas proveñen dos gobernos máis poderosos. A neutralidade desaparece en canto entran en xogo os cartos, a xeopolítica ou os intereses económicos.

E esa é a grande hipocrisía.

Se a política está prohibida, debe estalo para todos. Se, pola contra, o fútbol convive inevitablemente coa realidade política do mundo, entón ningún organismo privado debería decidir que reivindicacións son aceptables e cales deben ser censuradas.

Unha bandeira palestina, unha pancarta reclamando as Malvinas ou calquera outra reivindicación pacífica non lle fan máis dano ao fútbol ca as decisións políticas adoptadas por quen organiza o torneo. Pola contra, lembran que detrás dos millóns de espectadores seguen existindo pobos, dereitos, conflitos e inxustizas que non desaparecen porque bote a rodar un balón.

E despois de todo o sucedido durante este campionato hai unha conclusión difícil de discutir.

Gianni Infantino non pode continuar á fronte da FIFA.

O seu mandato converteu a organización no símbolo dun modelo no que o negocio pesa infinitamente máis ca o deporte. As arbitraxes polémicas, o funcionamento do VAR, a crecente sensación de falta de transparencia, a subordinación aos intereses económicos e políticos e o deterioro da credibilidade da competición forman parte dun mesmo problema.

A FIFA hai moito tempo que deixou de defender o fútbol. Hoxe protexe un negocio multimillonario no que os patrocinadores, os gobernos e as grandes corporacións parecen ter moita máis influencia ca os afeccionados, os xogadores ou as propias federacións.

Maradona dixo unha vez que «a pelota non se mancha». Tiña razón. O que si se manchan son as institucións que converten o fútbol nun instrumento do poder mentres intentan silenciar a quen utiliza ese mesmo fútbol para defender a xustiza, a memoria ou a dignidade dos seus pobos.

A pelota seguirá pertencendo á xente. A FIFA, mentres continúe actuando con esta dobre moral, pertencerá cada día un pouco menos ao fútbol.

 

André Abeledo Fernández 

DEJA UN COMENTARIO (si eres fascista, oportunista, revisionista, liberal, maleducado, trol o extraterrestre, no pierdas tiempo; tu mensaje no se publicará)

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Últimas noticias

La FIFA no quiere política, salvo la del poder

La FIFA no quiere política, salvo la del poder La FIFA lleva años repitiendo que el fútbol debe mantenerse al...

Le puede interesar: