A DEMOCRACIA DE PAPEL: POR QUE A CLASE TRABALLADORA VOTA PERO NON GOBERNA
Nunca me considerei un político. Nin o son nin creo que queira selo. Nunha ocasión aceptei encabezar unha candidatura municipal de esquerdas porque sempre defendín unha idea moi sinxela: os traballadores e as traballadoras debemos tomar as rendas das nosas propias vidas. Non podemos limitarnos a delegar o noso futuro en persoas que, demasiadas veces, nin comparten os nosos intereses nin coñecen de primeira man os problemas cotiáns da maioría social.
Aquela experiencia deixoume un ensinamento que aínda hoxe considero unha das grandes carencias do noso sistema democrático: todo parece estar deseñado para dificultar que un traballador participe activamente en política.
Non falo de teorías conspirativas. Falo dunha realidade material.
UNHA IGUALDADE QUE SÓ EXISTE SOBRE O PAPEL
Din que vivimos nunha democracia onde calquera pode presentarse a unhas eleccións. Formalmente é certo. Materialmente, non.
Quen traballa por conta allea ten que seguir cumprindo a súa xornada laboral, asistir a plenos, comisións e reunións, estudar expedientes, atender a cidadanía e, ademais, intentar manter unha vida familiar e persoal. En moitos casos, mesmo soportando presións ou o medo a represalias laborais por exercer unha representación democrática lexítima.
Mentres tanto, outros colectivos contan con mecanismos que facilitan esa participación pública. É lóxico que existan dereitos para garantir o exercicio de responsabilidades institucionais. O que deixa de ser lóxico é que eses dereitos non alcancen por igual a quen vive exclusivamente do seu salario.
Ao final, participar en política acaba sendo un luxo que moitos traballadores non poden permitirse. As leis poden dicir que todos somos iguais perante as urnas, pero a realidade demostra que non todos partimos das mesmas condicións para representar a cidadanía. E cando a igualdade só existe sobre o papel, deixa de ser igualdade para se converter en propaganda.
O CLASISMO QUE NINGUÉN QUERE NOMEAR
O resultado salta á vista. As institucións énchense de profesionais da política que hai anos deixaron de coñecer a vida cotiá dun traballador. Persoas que lexislan sobre salarios sen depender dunha nómina, que falan de conciliación mentres outros encadean xornadas interminables e que pontifican sobre a pobreza desde a comodidade dun despacho.
Existe un clasismo evidente. O económico, que todos coñecemos. Pero tamén un clasismo intelectual, aínda máis perigoso, que considera que a clase traballadora non está preparada para gobernar.
A dereita sempre defendeu que deben mandar as elites económicas. A ultradereita engade a ese discurso o autoritarismo e o nacionalismo excluínte. Pero unha parte da esquerda tampouco está libre de culpa. Hai quen fala constantemente en nome do pobo mentres impide que o propio pobo tome a palabra. Practican unha versión moderna do despotismo ilustrado: todo para os traballadores, pero sen os traballadores.
Quérennos para encher mitins. Quérennos para pegar carteis. Quérennos para repartir propaganda. Quérennos para votar. Pero cando un caixeiro de supermercado, unha limpadora, un albanel, unha dependenta, un condutor ou un operario pretende ocupar un escano ou un asento nun pleno municipal, comezan as incomodidades. Entón aparecen quen insinúa que faltan preparación, experiencia ou coñecementos. Curiosamente, nunca parecen cuestionar a preparación de quen leva décadas vivindo exclusivamente da política.
A realidade é moito máis sinxela: non queren que a clase traballadora teña voz propia. Prefiren falar por nós antes que escoitarnos. Porque un traballador organizado resulta moito máis difícil de manipular ca un traballador resignado.
MAIORÍA SOCIAL, MINORÍA INSTITUCIONAL
Con todo, somos nós quen erguemos este país cada mañá. Somos quen fai funcionar os hospitais, as fábricas, os supermercados, o transporte, a construción, a industria e os servizos públicos e privados. Somos quen xera a riqueza que outros administran.
Somos a inmensa maioría social. E, paradoxalmente, somos unha minoría nas institucións.
Iso non é casualidade. É a consecuencia lóxica dun sistema político que facilita a participación de quen xa dispón de tempo, recursos, estabilidade ou redes de poder, mentres converte a participación política da clase traballadora nunha auténtica carreira de obstáculos.
Unha democracia onde a maioría social apenas pode aspirar a votar cada catro anos é unha democracia profundamente limitada. Porque a democracia non consiste unicamente en introducir unha papeleta nunha urna. Esixe que calquera traballador poida representar os seus veciños sen se xogar o salario, o emprego ou a estabilidade da súa familia. E esixe tamén que ese voto conte de verdade: a confianza democrática require non só liberdade para votar, senón transparencia absoluta no escrutinio. A limpeza do proceso electoral é tan importante como o propio dereito ao voto.
O MUNICIPALISMO COMO TRINCHEIRA
Fálase moito de municipalismo desde os despachos, pero demasiado pouco desde a realidade cotiá de quen vive e traballa nas nosas vilas. O meu paso polo pleno municipal de Narón deixoume unha convicción que manteño intacta: un concello non vai cambiar por si só o sistema, pero si pode mellorar ou empeorar a vida da xente. Precisamente por iso, non podemos deixar a política municipal en mans de quen a entende unicamente como unha carreira profesional ou como un chanzo dentro da estrutura dun partido.
O municipalismo cobra sentido cando pon as institucións ao servizo da maioría social. Así o entendemos cando en 2016 defendemos no pleno a declaración de Narón como «cidade libre de desafiuzamentos», recuperando unha iniciativa cidadá impulsada pola Rede de Apoio Mutuo de Ferrolterra e STOP Desafiuzamentos que levaba meses esquecida nun caixón. A vivenda non pode seguir tratándose como unha mercadoría mentres miles de familias teñen dificultades para acceder a un fogar digno. Por iso defendemos tamén a creación dun parque público de vivenda en aluguer e o uso do patrimonio da Sareb para garantir ese dereito.
A mesma lóxica debe aplicarse aos servizos públicos. Propuxemos reducir de seis a tres meses o tempo de empadroamento necesario para acceder a determinadas axudas municipais, porque a pobreza non entende de trámites administrativos. Fronte a quen sempre sospeita do necesitado, cremos que a Administración debe facilitar o acceso aos dereitos e non convertelos nunha carreira de obstáculos.
Por esa mesma razón, defendín publicamente as traballadoras do Servizo de Axuda a Domicilio e reclamei que a concesión do servizo recaese nunha empresa que garantise condicións laborais dignas. Os coidados non poden sosterse sobre a precariedade. E por iso tamén apoiamos os traballadores de Electrorayma-Tecman en Navantia na súa reivindicación dunha subrogación en condicións de igualdade e dignidade. Un concelleiro non substitúe a loita sindical, pero pode poñer a institución ao servizo de quen a protagoniza.
ORGANIZARNOS, NON RESIGNARNOS
Estou convencido de que hoxe existe unha maioría silenciosa que non se sente representada nin polos gobernos municipais nin por moitas das oposicións. Ese descontento non debería conducir á resignación, senón á organización. Debemos recuperar un municipalismo nacido desde abaixo, construído por veciños e veciñas comprometidos co ben común, onde as persoas estean por riba das siglas e o servizo público por riba das carreiras políticas.
Os concellos foron sempre a institución máis próxima á cidadanía. É precisamente aí onde pode comezar tamén a rexeneración democrática que o noso país precisa. Non chegará desde os despachos nin desde as direccións dos partidos. Chegará cando a xente corrente decida volver tomar as rendas da política das súas vilas.
Porque cando quen lexisla descoñece a realidade de quen sostén o país co seu traballo, as leis deixan de responder ás necesidades da maioría e comezan a reflectir unicamente a visión dunha minoría. Só cando as institucións se parezan de verdade ao pobo ao que representan poderemos comezar a falar dunha democracia máis xusta, máis igualitaria e máis auténtica.
Está nas nosas mans facelo realidade.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

