Cinco mil dólares polo seu voto: a democracia estadounidense tocando fondo.
Donald Trump ofreceu publicamente, en plena precampaña das eleccións de medio mandato, cinco mil dólares a cada cidadán adulto estadounidense se o seu partido conserva o control do Congreso. Dixoo sen pudor, ante milleiros de seguidores, na convención republicana de Dallas: un «dividendo» que caería do ceo se os republicanos gañan. A isto non se lle pode chamar doutra maneira que tercermundismo político. E cómpre preguntarse até que punto os Estados Unidos poden seguir sostendo que son unha democracia.
Mercar votos á luz do día.
Nos países máis atrasados, ou máis corruptos politicamente falando, oímos falar moitas veces da compra de votos. Nalgúns lugares do chamado terceiro mundo falábase de sacos de arroz a cambio dunha papeleta. Mesmo no propio Estado español coñecemos episodios de compra de votos nalgunha ocasión puntual. Pero Trump foi máis alá: converteu a compra directa do voto no eixo central da súa campaña, nunha das súas ocorrencias públicas para asegurarse a aprobación popular. E fai isto, ademais, co propio diñeiro dos norteamericanos, porque ese diñeiro sairía das arcas públicas, do erario que pagan cos seus impostos os mesmos cidadáns aos que agora se pretende mercar.
O diñeiro que non está onde debería estar.
Ese diñeiro podería destinarse a unha cobertura sanitaria universal, a unha educación pública que chegase a todo o mundo, a acabar coa extrema pobreza que sofren millóns de persoas no país máis rico do planeta. Pero non: a Donald Trump ocórreselle que é mellor mercar o voto da xente de maneira directa e descarada. Dificilmente se pode caer máis baixo politicamente. Dificilmente se pode facer o ridículo dun xeito máis atroz. E porén aí seguirá, polo menos por agora, até que perda unhas eleccións, mentres toma decisións e pronuncia discursos que van completamente en contra de calquera idea minimamente decente de democracia.
Un patrón de comportamento: o imperio sen máscara.
Este personaxe, que hai pouco difundía un mapa no que toda Norteamérica —México e Canadá incluídos— aparecía como territorio estadounidense; que ameaza un país distinto cada vez que se lle pasa pola cabeza; que xunto a Israel se dedica a desestabilizar nacións enteiras; que sostén un Estado israelí que leva a cabo un xenocidio ante a mirada do mundo; que secuestrou o presidente lexítimo de Venezuela para poder secuestrar tamén o seu petróleo e a súa soberanía; que atacou Irán en plenas conversas de paz, sen previa declaración de guerra; ese mesmo personaxe dedícase agora a mercar votos no seu propio país co diñeiro do seu propio pobo.
Perder é facer trampa: o chamamento á violencia.
E non contento con ofrecer diñeiro a cambio de apoio electoral, xa avisa de que se non gaña será porque os demócratas fixeron trampas. É, outra vez, o chamamento á guerra civil, ao enfrontamento dentro dos propios Estados Unidos, sen que lle importe o máis mínimo que isto poida rematar por destruír o seu país, con tal de manterse no poder. É un novo aviso de que, se perde nas urnas, buscará gañar na rúa, a golpe de violencia e de mentira organizada.
Os Estados Unidos xa non poden venderse como exemplo de nada, e moito menos como exemplo de democracia. Trump encargouse de deixalo meridianamente claro: xa non son unha democracia exemplarizante, nin sequera homologable. Este é o presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, o novo Nerón da nosa era, disposto a incendiar o seu propio país con tal de non baixar do trono.
André Abeledo Fernández

