Boxer ao matadoiro: a patronal quere despedir o traballador enfermo.
A patronal catalá propón o despedimento por absentismo dos traballadores con moitas baixas médicas. Primeiro rebéntannos e, cando enfermamos, descártannos, igual que o cabalo de Rebelión na granxa, de George Orwell.
As palabras delatan unha forma de entender o mundo.
Cando desde a dereita se presenta o absentismo laboral como un dos grandes problemas do país e se formula que quen está de baixa debería sufrir un maior castigo económico, a mensaxe non admite dúbidas: o enfermo deixa de ser unha persoa para converterse nun sospeitoso.
Para Alberto Núñez Feijóo e os seus, quen enferma é un problema que hai que combater, coma se a enfermidade fose unha falta e non unha desgraza. Coma se detrás de cada baixa houbese unha fraude e non un traballador cuxa saúde se quebrou despois de anos levantando este país co seu esforzo.
Enfermar xa se paga, e caro.
A realidade é ben distinta. Quen está de baixa xa perde poder adquisitivo. Xa paga un prezo económico por enfermar. Ninguén elixe unha lesión, un cancro, unha depresión ou unha enfermidade dexenerativa para cobrar menos e vivir na incerteza. Só quen nunca tivo que afrontar unha baixa prolongada pode pensar semellante disparate.
A saúde non é unha partida contable.
Os médicos fan un xuramento para protexer a saúde dos seus pacientes. A súa obriga é decidir con criterios clínicos, non con incentivos políticos nin orzamentarios. A saúde non pode converterse nunha variable contable nin o traballador enfermo nun obstáculo para cadrar as contas dunha Administración.
Cando un médico sente a presión de asinar unha alta antes de tempo porque existe un incentivo económico para facelo, quen perde non é o sistema. Perde o traballador, que terá que volver ao seu posto sen se ter recuperado, poñendo en risco a súa saúde e, en moitos casos, agravando unha enfermidade que se podería ter tratado como é debido.
Boxer, o cabalo que o deu todo.
Todo isto lembra inevitablemente a obra de Orwell. Boxer era o animal máis traballador da granxa. Nunca protestaba. Sempre repetía que traballaría máis duro. Entregou toda a súa forza e toda a súa vida ao benestar dos demais. Pero cando enfermou e deixou de ser útil, os porcos non lle mostraron gratitude ningunha: enviárono ao matadoiro para sacar proveito ata dos seus últimos días.
A metáfora conserva unha forza extraordinaria. O traballador produce riqueza durante décadas, sacrifica tempo coa súa familia e desgasta o seu corpo e a súa saúde para que outros enchan os petos. E cando enferma, algúns xa non ven unha persoa, senón un custo. Sabémolo ben os que levamos anos no comercio e na representación sindical: ao que aguanta sen protestar, espremeno; e ao que se rompe, sinálano.
Unha sociedade mídese por como trata a quen máis o necesita.
A diferenza entre unha sociedade decente e outra profundamente inxusta mídese precisamente por como trata a quen máis o necesita. Defender un traballador cando está san é fácil. O verdadeiramente importante é defendelo cando enferma, cando xa non pode producir ao mesmo ritmo e precisa que a sociedade lle devolva unha parte de todo o que entregou.
A saúde non pode ser un privilexio reservado a quen a poida pagar. A baixa médica non é un premio: é un dereito conquistado tras décadas de loita obreira.
Mañá pode tocarche a ti.
E convén non esquecelo: calquera traballador pode converterse mañá nese compañeiro ao que hoxe algúns sinalan como un problema. Ninguén está a salvo dun accidente, dun cancro, dunha enfermidade mental ou dunha lesión incapacitante.
Por iso, a resposta non pode ser castigar o enfermo. A resposta ten que ser protexelo. Iso é humanidade. Iso é xustiza social. E iso é o que sempre defendeu o movemento obreiro fronte a quen só sabe ver balances onde debería ver persoas.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

