O Brasil, ante o cuarto asalto: Lula contra a herdanza do odio.
O Brasil votou e o resultado non admite complacencias. Con practicamente o 100 % das urnas escrutadas, Flávio Bolsonaro, fillo do expresidente ultradereitista, encabeza a primeira volta co 47,03 % dos votos, fronte ao 45,16 % de Lula. Ninguén supera o 50 %, así que o vindeiro 25 de outubro haberá segunda volta. Tres semanas para decidir se o país máis grande de América Latina segue o camiño da xustiza social ou volve ás mans de quen sempre o quixo vender por pezas.
Un aviso que non se pode ignorar.
As enquisas daban a Lula unha vantaxe de varios puntos e a realidade foi outra. Convén dicilo con claridade: a dereita brasileira non é un pantasma do pasado; está viva, organizada e ten diñeiro, medios e púlpitos. O voto do sur e do centro-oeste, o dos grandes facendados, o agronegocio e boa parte das igrexas evanxélicas, chegou ás urnas cunha disciplina que a esquerda non pode permitirse subestimar.
E os nomes que nos deixa a noite electoral din todo. Tarcísio de Freitas, aliado de Bolsonaro, arrasa en São Paulo. E Sergio Moro, o xuíz que encarcerou a Lula nun proceso que acabou anulado, é elixido gobernador do Paraná. O mesmo que serviu de ariete xudicial contra o PT recibe agora o seu premio. Quen queira entender como funciona a guerra xurídica e mediática contra os gobernos populares de América Latina non precisa máis manuais.
Os de sempre, cos mesmos métodos.
Xa o vivimos en 2016, cando Dilma Rousseff, reelixida con 54 millóns de votos, foi apartada por un Congreso dominado por banqueiros, facendados e pastores, moitos deles con causas pendentes por corrupción. O que moitos vivimos daquela como un golpe vestido de legalidade abriu a porta a Temer, que prometeu privatizalo todo e se puxo mans á obra cos recortes e as entregas.
Esa dereita non cambiou. Cambiou de cara e de apelido. Jair Bolsonaro foi condenado por tentar un golpe de Estado, cun plan para subverter a orde institucional, e aínda así a súa familia segue ocupando o centro do taboleiro. Mentres tanto, Washington non disimulou a súa preferencia: os aranceis de Trump contra o Brasil e a súa presión pública en defensa de Jair amosaron quen quere un Brasil de xeonllos e quen se beneficia diso.
O que está en xogo.
Falemos do que importa, que é a vida da xente. Cos gobernos de Lula e Dilma, millóns de brasileiros saíron da miseria con programas como Fame Cero e Bolsa Familia. Chegaron as universidades federais e as bolsas para estudantes pobres e negros que nunca pisaran unha aula universitaria, con programas como o Prouni. Chegaron as vivendas de Minha Casa Minha Vida e a Farmacia Popular, con medicamentos gratuítos para quen non podía pagalos. Chegou unha política exterior propia, con Mercosur, Unasur e Celac, cos BRICS e un mundo multipolar, cunha voz firme do Brasil contra o xenocidio en Gaza en lugar da submisión ao imperio.
Cada unha desas conquistas está na mira. Quen chegue ao poder co apoio do mercado e de Washington sabe o que lle toca facer: recortar, privatizar, entregar o petróleo e os recursos e volver someter o país aos ditados do capital estranxeiro. Non fai falla adiviñalo: está escrito no seu programa e nos seus amigos.
Soberanía ou patio traseiro.
Na segunda volta das eleccións do Brasil xógase moito máis que a vitoria da ultradereita de Bolsonaro ou da socialdemocracia de Lula: xógase a soberanía do Brasil e que a primeira potencia de América do Sur pase a formar parte do patio traseiro dos EUA. Sería a claudicación absoluta ante o trumpismo e o imperialismo ianqui, para volver converter o Brasil, como ao resto de América, en repúblicas bananeiras ao servizo e ás ordes dos Estados Unidos.
O Brasil xógase ser a Arxentina de Milei ou un referente en América que pode chegar a ser unha potencia mundial, algo que os Estados Unidos, coa súa inxerencia, tratan de evitar a todo custo.
Sen idealizar, pero sen dubidar.
Non vou dicir que os gobernos do PT o fixeron todo ben. Houbo erros, houbo corrupción e promesas históricas como a reforma agraria quedaron a medias. A esquerda que non se critica a si mesma deixa de ser útil. Pero tampouco vou participar no xogo de poñer no mesmo plano a quen alimentou os famentos e a quen os quere devolver á cola da miseria. Esa falsa equidistancia é a escusa favorita dos que xa elixiron bando.
Díxeno moitas veces: o que pasa no Brasil tócame de preto. Coñecín alí a fame e a desigualdade, e tamén a dignidade das nais solteiras que conseguiron unha casa e unha escola para os seus fillos grazas a esas políticas. Ese Brasil traballador, negro, mestizo, do Nordeste e das favelas é o que decide o 25 de outubro. E é o que máis ten que perder.
Tres semanas para organizarse.
Non hai tempo para lamentos. Hai que mobilizar o voto dos que se quedaron na casa, tender pontes con quen votou a terceiros candidatos e desmontar a mentira que repiten a todas horas os medios das familias que controlan a comunicación. A clase traballadora brasileira demostrou que sabe resistir. Agora toca gañar.
E desde Galiza, desde a solidariedade internacionalista, témolo claro: a derrota de Lula non sería só a derrota do PT; sería un golpe a todos os pobos que loitan pola súa soberanía. Un Brasil en mans da ultradereita é un Brasil aliñado con Trump, con Israel e cos fondos voitre.
Que ninguén se engane: no Brasil decídese moito máis que unha presidencia.
Até a vitoria, sempre!
André Abeledo Fernández

