Queren asfaltar o camiño cara á privatización das pensións.
Figaredo, de VOX, di que o sistema de pensións está quebrado e que é insustentable. Non é unha análise, é unha estratexia: a dereita comeza a asfaltar coas súas mentiras o camiño para privatizar as pensións e converter a nosa vellez nun negocio. E dío claramente, sen agocharse. O máis incrible é que, despois de escoitalo, haxa xente que non é multimillonaria, que algún día terá que xubilarse e que, aínda así, pensa votarlles.
Votar contra un mesmo.
Traballadores e autónomos dispostos a votar unha dereita que, se logra os seus obxectivos, os condenará a unha vellez miserable, a vivir e morrer na pobreza e sen a axuda dun Estado que lles dea as costas. Non podo entender que razoamento leva alguén a votar contra os seus propios intereses. Se algo está roto, non contratas unha cuadrilla de demolición. E PP e VOX veñen a iso: a destruír o pouco que queda do chamado Estado do benestar, o pouco, moi pouco, que hai de xustiza social e equidade no Estado español.
Minten moito, pero tamén din verdades.
Lanzan bulos a todas horas, pero entre tanta mentira tamén soltan verdades: o que de verdade pensan. E os seus votos no Parlamento demóstrano. Votaron contra a suba do salario mínimo; para esta dereita nin sequera debería existir. Nun país cun paro tan alto, a súa solución é o despedimento libre e gratuíto. Mentres a Unión Europea, gobernada pola dereita europea, advirte de que despedir en España é demasiado barato, a dereita española, a peor de Europa, considera que o traballador segue demasiado protexido. Case habería que lle dar as grazas ao empresario polos días que nos puidese explotar.
Os votos, non as palabras.
Que ninguén se quede co discurso: miremos as votacións. O 2 de outubro caeron os decretos de vivenda, o primeiro con 172 votos a favor e 178 en contra, e o segundo con 166 a favor e 184 en contra. PP e VOX votaron en contra, e Junts tamén. O 27 de xaneiro caeu o decreto ómnibus do escudo social, con 179 votos en contra: PP, VOX e Junts. O 10 de setembro de 2025, a xornada de 37,5 horas foi vetada por 178 votos fronte a 170: outra vez PP, VOX e Junts. Na reforma da dependencia, PP e VOX votaron en contra na comisión, onde o ditame saíu adiante por 20 votos a 17. E nunha proposición de Podemos sobre a Lei de Familias, en setembro, houbo 177 votos en contra, 147 abstencións e 19 a favor.
Hai que ser xustos: no Pleno da dependencia, o 14 de xullo, o PP abstívose (137 abstencións) e só VOX votou en contra (33), con 179 votos a favor. O PP tamén se abstivo nas axudas ao transporte e votou a favor da suba salarial aos funcionarios, onde VOX foi o único voto en contra. Pero cando se trata de frear a vivenda, o escudo social ou a redución de xornada, aí están, xuntos e na mesma fila.
A hipocrisía dos que nunca colleron unha pa.
Son os mesmos que din que os traballadores enfermos se queixan de vicio. En Galiza, Rueda quere dar incentivos aos médicos que dean menos baixas e máis altas. E isto dío o partido de Feijóo, que colleu unha baixa en plena campaña electoral por un pinzamento nas costas. Coidado, que este é o nivel. Xente que leva media vida vivindo da política, que non sabe o que é traballar de verdade, vén dicirnos que temos que traballar enfermos e que, se nos escangallamos o corpo e xa non servimos, somos unha carga. A idea de fondo é esa: que somos substituíbeis e que non é o mesmo un deles que un dos nosos.
Sen sanidade pública, calquera pode arruinarse.
Moitos traballadores con bos salarios, se tivesen un cancro, non poderían pagar o tratamento. Nin vendendo o piso, como pasa nos Estados Unidos. E cando nos falan da mochila austríaca, co aplauso de sindicatos do sistema, sindicatos da patronal como a UGT, ou nos din que cobramos demasiado cando xa non chegamos a fin de mes, hai que lembrar quen sae gañando con todo iso.
Este Goberno non é de esquerdas, pero o que vén é peor
Serei claro: este Goberno, que se di o máis progresista da historia, non fixo o que tiña que facer porque non é de esquerdas. Maquillaxe e parches. A reforma laboral non se derrogou, a lei mordaza segue aí, os salarios seguen sendo insuficientes, o despedimento segue sendo igual de barato, a Inspección segue sen inspectores nin dureza coas empresas que incumpren o Estatuto e os convenios. E o INSS, que o mide todo como un negocio, só dá incapacidades a quen está practicamente morto. PSOE e Sumar forman parte do mesmo sistema que PP e VOX e defenden, de xeito distinto, os intereses dos mesmos amos.
Pero sexamos realistas. Nunca votei ao PSOE nin a Sumar, nin o farei. Son de esquerdas, de esquerdas de verdade, clase traballadora e orgulloso, fillo e neto de traballadores. E precisamente por iso téñoo clarísimo: o que propoñen PP e VOX é un desastre para a inmensa maioría, para nós, para os nosos pais e avós, para os nosos fillos, netos e bisnetos. Desmontalo todo para volver montar algo de xustiza social levará décadas, se o logramos, e custará sangue, suor e bágoas.
Ao bordo do precipicio, a solución non é tirarse.
A solución a algo que non funciona non pode ser rompelo de todo. Se estás ao bordo do precipicio, non te tiras. Iso non é unha solución, é un suicidio colectivo, como o da Arxentina con Milei. PP e VOX son as ferramentas dos señoritos, dos oligarcas, dos fondos voitre e dos especuladores: os que encarecen a vivenda, os que impiden que haxa vivenda pública e banca pública porque iso lles quita o negocio. Eles manexan os fíos. Poñer a raposa a vixiar o galiñeiro, pedirlle a un ladrón que che mude a pechadura ou, se es unha barata, votar o insecticida: boa idea non é.
O seu único idioma é o diñeiro.
E non nos esquezamos de que dá igual que a dereita fale en catalán, en galego, en éuscaro ou en castelán, en inglés, en francés ou en alemán. Non importa en que idioma fale, porque o seu único idioma é o diñeiro e o seu único obxectivo é defender os intereses de quen o ten. E por moito que ti teñas dous ou tres pisos ou dous coches, ti non es o multimillonario, campión. Ter dúas vacas e un monte non te fai terratenente. Os multimillonarios cuxos intereses defenden son outros, e os grandes empresarios tamén. Non es ti, autónomo. Estás moi equivocado: ti non formas parte dese grupiño. Cando votas o mesmo partido que vota esta xente e que financia esta xente, o equivocado es ti, non eles.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

