
O imperio ianqui da rapiña e o seu Calígula, Trump.
Camaradas,
Roma non é Washington.
De cando en vez, alguén compara os Estados Unidos co Imperio romano. A comparación é unha inxustiza, e cométese contra Roma. Foi un imperialismo brutal, de lexións, escravitude e saqueo; niso non hai discusión. Pero tamén deixou calzadas, acuedutos, dereito, urbanismo e unha lingua común. Os pobos conquistados sufriron a espada e, aínda así, recibiron unha achega cultural e técnica que permaneceu durante séculos despois da caída do Imperio. En Galiza sabemos algo diso.
Roubo, espolio e destrución cultural.
O imperio norteamericano é doutra natureza. É un imperio construído sobre o roubo, o espolio e a destrución cultural. Non constrúe: arrasa. Alí onde intervén, sexa con bombas, bloqueos, golpes de Estado ou «axuda humanitaria», condena esas nacións á involución, á destrución ou, directamente, ao xenocidio. Convérteas en cemiterios ou en manicomios. Preguntádello a Iraq, a Libia, ao Afganistán, a Haití ou a Chile. Ningún deses países deixou de ser un laboratorio do saqueo para converterse nun país mellor.
Trump, o Nerón da decadencia.
Donald Trump non é un accidente. É a demostración de que o imperio da rapiña tocou fondo e de que a súa degradación anuncia o final. É o seu Nerón, o seu Calígula, pero coa intelixencia política do cabalo ao que, segundo conta a tradición, o emperador desequilibrado quixo nomear senador. O espectáculo grotesco, a ignorancia como bandeira, o desprezo por calquera norma e a vulgaridade convertida en método de goberno non son o problema do imperio. Son o seu síntoma.
Os imperios nacen, medran, dexeneran e morren.
A historia non fai excepcións. Os imperios nacen, medran, dexeneran e morren, e a todos lles chega a súa hora. O que veña despois non o escribirán os emperadores de feira nin os banqueiros de Wall Street, senón os pobos. Nós, a clase traballadora de todos os países, temos que estar organizados para cando o xigante con pés de barro remate de caer, para que o que naza das súas ruínas sexa un mundo de cooperación entre nacións libres e non outro amo cunha bandeira distinta.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández





