O azoute das paguiñas pedindo a súa paguiña: a vergoña de Abascal e o bono térmico

Publicado:

Noticias populares

O azoute das paguiñas pedindo a súa paguiña: a vergoña de Abascal e o bono térmico

Unha vergoña digna dun senvergoña.

Chámase bono social térmico, é unha axuda para pagar a calefacción e figura a nome da familia de Santiago Abascal. Unha familia numerosa que ingresa máis de 120.000 euros ao ano, con Abascal e a súa muller gañando máis de 10.000 euros ao mes entre os dous e que, ao parecer, necesita 210 euros para chegar a fin de mes. Que cadaquén saque as súas conclusións, pero que ninguén nos pida que nolo tomemos con calma.

A mentira do «é automático».

Agora, desde as contas e os bots ao servizo de VOX, esfórzanse en defender que, polo feito de ser familia numerosa, a axuda se concede automaticamente. É mentira ou, no mellor dos casos, unha media verdade moi interesada. O bono social térmico só se concede de forma automática a quen xa ten recoñecido o bono social eléctrico, e ese bono hai que solicitalo: cubrir o impreso, achegar o título de familia numerosa en vigor, o DNI, o libro de familia, o certificado de empadroamento e o resto da documentación. Ninguén llo regalou a Abascal mentres durmía.

Calquera que loitase coa Administración sábeo: as axudas non caen do ceo, hai que pedilas e, moitas veces, só chegan a quen sabe buscalas. Pedírono a conciencia e conscientemente, do xeito máis mesquiño.

Ninguén nega a legalidade. Denúnciase a inmoralidade.

Que non nos veñan co conto de que «é legal». Ninguén o discute. O que se denuncia é a inmoralidade e a hipocrisía. Unha cousa é o que a lei permite e outra ben distinta o que a decencia aconsella. Un patrimonio, un soldo e uns ingresos coma os seus non precisan dunha axuda social e, se a piden, demostran que para eles o público é unha barra libre, sempre que a barra sexa súa.

O señor das paguiñas.

Porque estamos a falar do mesmo que leva anos sinalando os pobres, os migrantes e os beneficiarios de axudas coma se fosen parasitos. O azoute das paguiñas é un home que viviu do diñeiro público toda a vida e que agora solicita unha axuda social pensada para quen non chega a fin de mes. Os que predican que o esforzo é todo e que as axudas son para vagos son os primeiros en facer cola cando hai un cheque que repartir.

Votan en contra das axudas e despois cóbranas.

E aquí está o máis mesquiño. Este mesmo VOX, xunto co PP e Junts, votou en contra do decreto do escudo social, que prorrogaba os descontos do bono social eléctrico e térmico para máis de tres millóns de persoas, ademais da moratoria antidesafiuzamentos e da prohibición de cortar a luz e a auga ás familias vulnerables. Tumbárono en xaneiro e volvérono tumbar en febreiro. É dicir: cando se trata de blindar as axudas para quen non chega a fin de mes, votan que non; cando se trata de cobralas na casa, pídenas. Para o pobo, o recorte. Para eles, o cheque.

As axudas son para quen as necesita.

Esas axudas deben ir destinadas ás familias vulnerables, ás que de verdade teñen que elixir entre acender a calefacción ou encher a neveira. Non a Amancio Ortega, non ao dono de Mercadona, non a políticos privilexiados como Abascal, que, xunto coa súa muller, gaña máis de 10.000 euros ao mes. Cada euro que cobra quen non o precisa é un euro que non lle chega a quen si o necesita.

E iso é a dereita: dureza co débil e agarimo co poderoso, sermóns para o pobo e paguiñas para eles.

 

Até a vitoria sempre!

 

André Abeledo Fernández

DEJA UN COMENTARIO (si eres fascista, oportunista, revisionista, liberal, maleducado, trol o extraterrestre, no pierdas tiempo; tu mensaje no se publicará)

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Últimas noticias

El azote de las paguitas pidiendo su paguita: la vergüenza de Abascal y el bono térmico

El azote de las paguitas pidiendo su paguita: la vergüenza de Abascal y el bono térmico Una vergüenza digna de...

Le puede interesar: