Feijóo non gañou ningún debate: mentir, enlamar e deshumanizar é todo o que ten.
Para alguén como Feijóo, e para a ultradereita en xeral, nun debate vale todo. Os datos invéntanse, as mentiras sóltanse sen pestanexar, a educación sobra e non deixar falar o contrario é o normal. Iso é debater para esta xente: o mesmo que fai un borracho nunha taberna, que non escoita, berra máis forte e cre que ten razón porque o outro calou.
Gañar é mentir?
Despois de cada cita deste tipo aparece o coro de sempre preguntando se Feijóo gañou. E eu pregúntome que clase de vitoria é esa. Mentir, dar datos falsos, ser maleducado, interromper e non cumprir as normas pactadas… Parece que para algúns iso é gañar. Se gañar consiste en saltar as regras, entón tamén gaña quen fai trampas ao tute e queda co bote. Pero non, iso non é gañar: iso é non ter vergoña.
Un debate é un intercambio de argumentos, datos e propostas ante a cidadanía. Quen mente, interrompe e atropela o seu adversario non debate: foxe do debate, porque sabe que, con argumentos e coa verdade por diante, non ten nada que ofrecerlle á clase traballadora.
O porco no seu lamedo
Feijóo é como os porcos: séntese cómodo chafurdando na lama. O seu é xogar sucio, enlamar o de enfronte para que todo o escenario quede perdido e ninguén saiba xa quen di a verdade. É un político de esterqueira e na esterqueira móvese coma na casa. Canto máis baixo é o nivel, máis a gusto está; canto máis limpo é o debate, máis se lle notan as carencias.
A dor allea como munición
E cando non queda máis lama, tira da dor dos demais. O uso e a deshumanización das vítimas de accidentes e catástrofes, dos migrantes ou da familia do contrincante é o único que alguén como Feijóo ten para ofrecer. Unha traxedia non é para el un motivo para axudar as familias, senón unha oportunidade para rendibilizala: as vítimas serven de arma arroxadiza contra o Goberno e, cando deixan de servir, esquécense.
Cos migrantes, o mesmo. Xente que foxe da guerra, da fame, da miseria e das ditaduras é presentada como unha ameaza ou un problema de seguridade. Deshumanizar o máis débil é a vella receita da dereita e da ultradereita para que os de abaixo se pelexen entre si mentres os de arriba seguen cobrando e mandando. E cando se lles acaban os argumentos, que é sempre, tiran da familia do adversario, porque quen precisa meterse coa muller ou cos fillos do outro non ten nada que dicir sobre o traballo, a vivenda, as pensións ou a sanidade.
Sen empatía, sen honestidade e sen dignidade
O seu proxecto baséase no peor do ser humano e nunha absoluta falta de empatía, honestidade e dignidade. Non é un accidente nin unha mala noite: é un método. E é o método de todo o seu partido. O PP sempre se salta o pactado e fai trampas; non coñece a honestidade. Cando acorda unhas regras é para incumprilas; cando asina un pacto é para rompelo, e despois vai de vítima. Son uns auténticos senvergoñas, do primeiro ao derradeiro, e convén dicilo sen rodeos, porque a educación que eles non teñen non nos pode servir de escusa para calar o evidente.
Quen trata así as vítimas, os migrantes e as familias dos demais non nos vai tratar mellor aos traballadores e ás traballadoras cando lle toque recortar os nosos dereitos.
O meu voto está decidido: xamais serei un fachapobre
Eu téñoo claro e o meu voto está decidido. Xamais serei un fachapobre: ese traballador que vota a quen o despreza, lle recorta os dereitos, o despide barato e o manda traballar enfermo mentres aplaude a quen o insulta desde un atril. Non me engano: a democracia burguesa non é a solución, e os que militamos na esquerda de clase sabémolo mellor ca ninguén. Pero que non sexa a solución non quere dicir que dea igual quen goberne. A ultradereita é o desastre, un suicidio para os traballadores e as traballadoras: a sanidade, as pensións, os salarios e os dereitos laborais pagan sempre a factura.
Primeiro hai que frear o fascismo e os que lle abren a porta; despois, organizarse e construír a alternativa que esta clase traballadora merece. Pero que ninguén espere que dea por gañador a quen fai trampas, mente e berra. Nin nun debate, nin nas urnas, nin na vida.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

