O españolismo rancio tamén vive nunha parte da esquerda.
O nacionalismo de esquerdas como o BNG na Galiza conta con boa saude e enfronta a ultradereita entre as xuventude, unirse a un lastre como SUMAR ou calquera dos nomes que agora lle poidan poñer sería un erro histórico e fatal.
BNG na Galiza, BILDU en Euskadi, ERC en Catalunya, non están na caída libre dos partidos que tentan volver a salvar os mobles cambiando de nome unha vez máis, xa non se sabe ben nin cantos van, a cidadanía perdeu a conta.
De ser verdade que o obxetivo dos de sempre fose combater o fascismo non presentarían candidatura onde son pouco máis que residuais según as últimas eleccións e pedirian o voto para o BNG na Galiza ou para BILDU en Euskadi, non o farán.
En 2017 sendo aínda concelleiro de Esquerda Unida sentinme na obriga de contestar a Alberto Garzón que chegou a decir que ser nacionalista e comunista é algo incompatível. Para o meu punto de vista un argumento errado digno do españolismo máis rancio, como o foi ver a Frutos compartindo acto coa ultradereita.
«Pódese ser independentista e comunista, o que non se pode é ser comunista e estar contra o dereito de autodeterminación dos pobos.
Outra cousa é antepoñer o feito nacional por enriba da loita de clases ou entender que a loita pola liberación nacional está ao marxe da loita de clases, neste caso existe unha contradición. Pero o feito de sentirse parte dun pobo, dunha nación, e de defender o dereito a decidir non é incompatible coa militancia comunista consecuente.
É verdade que existen contextos en que o feito nacional pode ser usado pola burguesía para dividir a clase obreira. Pero é un erro plantexar a incompatibilidade de independentismo e comunismo, sobre todo cando o Goberno da metrópole é totalitario. Parece que non é sinxelo para unha parte da esquerda nacional entender a realidade plurinacional do Estado español. Nesa incomprensión comeza un grave problema de convivencia dentro do Estado.
O Estado español non é unha nación de nacións, nin é unha nación. O Estado español é en todo caso unha unión de nacións. Pero para que exista unidade e coexistencia, ten que existir respeto e comprensión. A unidade ten que ser entre iguais. Non poden existir nacións de primeira e de segunda categoría. Esta unidade ten que ser voluntaria, debe ser unha unión de nacións libres que deciden camiñar xuntas.
De non ser así o Estado español será sempre máis unha prisión de pobos que a casa de todos, será un Estado fallido. É preciso abrir un debate necesario sobre o modelo de Estado, República e monarquía e o dereito de autodeterminación dos pobos dentro do Estado español.»
Sego as pensar o mesmo.
André Abeledo Fernández

