A epidemia da saúde mental no traballo é ignorada polo goberno do PP de Rueda na Galiza.
A “epidemia de saúde mental” é ignorada por todos os gobernos desde hai moito tempo: a Seguridade Social só recoñece 203 casos psiquiátricos como accidente laboral fronte ás máis de 627.000 baixas. Non importa quen goberne, ninguén quere recoñecer a terrible realidade.
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, anuncia unha ofensiva en Galicia para dificultar o dereito á baixa laboral por saúde mental e lesións musculares.
Na empresa privada hai máis traballadores traballando enfermos que de baixa sen motivo; tamén cómpre lembrarlles a personaxes como Rueda, o presidente da Xunta de Galicia, que as baixas dánnas os médicos: nin as collen os traballadores, nin debería ser cousa de políticos ou cuestión de economía; debe de ser unha cuestión estritamente médica e de saúde, nin da patronal, nin de políticos que non saben usar nin unha pala ou un martelo.
Ambientes laborais tóxicos, trato denigrante, salarios insuficientes, acoso laboral, persoas que se ven obrigadas a traballar enfermas e fano ata que non poden máis e a súa enfermidade se cronificou; non foron ao médico para que lles puideran dar unha baixa por medo a perder o traballo. Ao final, a ansiedade, a depresión e os distintos problemas mentais destrúen a estes traballadores.
O INSS trata aos traballadores peor que ao gando nun matadoiro: falta de empatía, inhumanidade… o importante é quitar importancia ás doenzas do traballador e aforrar diñeiro ao Estado. Parece como se lles desen unha prima por obxectivos e que o obxectivo é foder aos traballadores.
A función do INSS, da sanidade e das institucións debería ser coidar a saúde da poboación e facer o seu traballo con seriedade, sendo xustos e tratando aos enfermos como a seres humanos.
Un goberno de «esquerdas» humanizaría as institucións, traballaría con empatía e cambiaría todo o que sabe perfectamente que non funciona. Pero todo segue igual ou peor porque segue primando a economía moi por riba do benestar das persoas.
André Abeledo Fernández

