Revolución ou barbarie: non hai termo medio.
Camaradas,
Vivimos tempos de conta atrás. Non é unha metáfora nin unha esaxeración retórica: o capitalismo na súa fase de descomposición entrou nunha involución que ameaza con arrastrarnos a todos. E fronte a esa involución só hai dous camiños posibles, por moito que nos queiran vender que existe unha terceira vía cómoda e tépeda: ou revolución, ou fascismo.
A espellismo da vía intermedia.
Durante décadas repetíronnos que existe un camiño de xestión «razoábel» do sistema, unha socialdemocracia capaz de humanizar o capitalismo desde dentro. A historia xa ditou sentenza sobre esa promesa: onde debía haber transformación só houbo administración da crise, e onde debía haber conciencia de clase só quedou desmobilización. A socialdemocracia non foi un freo ao fascismo: foi a súa antesala, a súa rampla de lanzamento.
A falsa esquerda como instrumento de división.
Non é casualidade. Cada vez que a clase traballadora estivo a piques de recoñecerse como suxeito histórico, apareceu unha esquerda institucional disposta a canalizar esa enerxía cara ao parlamentarismo baleiro, cara á xestión do posíbel, cara á traizón organizada. Esa esquerda de despacho cumpriu unha función precisa: apagar a conciencia de clase xusto cando comezaba a acenderse, fragmentar a unidade obreira en identidades sen proxecto común, substituír a loita pola representación.
O resultado témolo diante: un proletariado desorientado, atomizado, sen ferramentas para nomear o seu inimigo de clase. E nese baleiro, o fascismo atopa terreo fértil.
O fascismo non é un accidente, é unha alternativa do capital.
Cando o sistema non pode sosterse pola vía do consenso, recorre á vía da forza. O proxecto que nos preparan non é unha simple regresión democrática: é a construción dunha arquitectura de dominación mundial onde os pobos deixen de ser suxeitos políticos e pasen a ser man de obra sometida, poboación desbotábel, servos dunha nova orde brutal. Quen hoxe xestiona a «normalidade» democrática é, moitas veces sen sabelo ou sen querer recoñecelo, quen está a abrir ese camiño.
Só a esquerda antisistema pode pechar o paso.
Non hai atallos. Nin as políticas de contención progre, nin o xestionismo institucional, nin as alianzas co capital «menos malo» van deter o que vén. Só unha esquerda que rompa co sistema, que recupere a conciencia de clase como arma política e que organice aos traballadores como suxeito revolucionario pode cortar o paso ao fascismo.
Non se trata de escoller entre orde e caos: trátase de escoller entre a revolución dos pobos ou a ditadura xenocida do capital. A historia non admite espectadores.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

