Trump, o aprendiz de meigo que xa non controla o seu propio incendio
Donald Trump anuncia agora que «deterá» os ataques contra Irán porque, segundo el, é un Estado fallido que «caerá só». A boas horas chega esta ocorrencia, despois de meses de guerra ilegal, de miles de mortos, de magnicidios políticos e dun bloqueo do estreito de Ormuz que puxo de xeonllos a economía enerxética mundial. O inquilino da Casa Branca descobre agora, co arsenal de mísiles do seu Pentágono baixo mínimos, que quizais non facía falta desatar o inferno. Que xenerosidade a súa.
Non nos enganemos: isto non é un xesto de contención nin un arrebato de lucidez tardía. É o recoñecemento, disfrazado de estratexia, de que o imperio quedou sen munición —literal e politicamente— para soster unha guerra que nunca debeu comezar. Trump non «detén» nada por humanidade. Detén o que xa non pode financiar nin soster.
Este mesmo home, que agora se permite o luxo da displicencia xeopolítica, é o que sostivo sen fisuras o Israel xenocida de Netanyahu mentres Gaza era arrasada baixo a mirada cómplice das chancelerías occidentais. É o mesmo que bendiciu un ataque covarde e ilegal contra Irán en pleno proceso de negociación diplomática, rebentando calquera posibilidade de paz para satisfacer o seu ego imperial e os intereses do complexo militar-industrial que o sostén. E é o mesmo cuxa aventura bélica provocou unha crise enerxética e económica que golpea, como sempre, os pobos traballadores do mundo, non os accionistas de Lockheed Martin nin os fondos de investimento que especulan co petróleo mentres arden cidades.
Trump non é simplemente un mentireiro compulsivo nin un ancián errático que confunde rodas de prensa con espectáculos de variedades. É a cabeza visible —grotesca, si, pero funcional— dun sistema imperialista que precisa guerras permanentes para soster a súa hexemonía en declive. Cada bomba lanzada sobre Irán, cada nena asasinada baixo os cascallos dunha escola primaria, cada buque afundido en Ormuz, non é un «erro» nin un «exceso»: é a lóxica mesma do capitalismo na súa fase máis depredadora, a do imperialismo que precisa sangue alleo para financiar a súa decadencia.
Fronte a isto, a clase traballadora do mundo non pode limitarse a contemplar o espectáculo. A solidariedade internacionalista co pobo iraniano, como co pobo palestino, non é unha opción retórica: é unha obriga de clase. Quen cala ante o xenocidio, cala ante o imperio. Quen non denuncia a Trump e os seus socios —Netanyahu e toda a internacional reaccionaria que os sostén— é cómplice por omisión.
Non hai «estadista» en Trump. Hai un perigo para toda a humanidade, un home que xoga con arsenais nucleares e bloqueos económicos coma quen xoga ao póker con fichas alleas, sen medir que cada ficha é unha vida humana. Que agora fale de Irán como «Estado fallido» que «caerá só» non é senón a confirmación do seu cinismo: primeiro bombardéase, asasínase, bloquéase e, cando o custo se volve insostíbel, disfrázase a retirada de sabedoría estratéxica.
A historia, con todo, non esquece. Nin esquecerá as vítimas desta guerra imperialista nin a complicidade de quen, desde os despachos europeos, mirou para outro lado mentres Oriente Medio ardía. A única saída real pasa polo fin das agresións imperialistas, o respecto á soberanía dos pobos e a solidariedade internacionalista da clase traballadora fronte a quen, desde o poder, xoga coa vida de millóns coma se fosen pezas de xadrez.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

