A «Doutrina Donroe»: o imperialismo non muda de máscara, muda de nome
Camaradas:
Cando a Casa Branca decide rebautizar os seus mapas estratéxicos, convén non distraerse coa etiqueta e mirar o que hai debaixo. Donald Trump e o seu secretario de Defensa, Pete Hegseth, volveron pór enriba da mesa, con nome novo, a vella Doutrina Monroe: aquela que, en 1823, proclamou América Latina como couto privado de Washington e que durante dous séculos xustificou golpes de Estado, bloqueos, invasións e espolios de recursos desde México ata a Patagonia.
Agora chámano doutro xeito. Algúns sectores do Goberno estadounidense evitan mesmo pronunciar «Monroe» e prefiren falar dunha «Gran América do Norte» que se estendería por zonas clave do continente. A maquillaxe terminolóxica non engana a ninguén que estudase a historia cos ollos dos pobos e non cos do Departamento de Estado: é a mesma vocación de control hemisférico, vestida con linguaxe de seguridade nacional para facela dixerible no século XXI.
O pretexto de sempre: China, Rusia e o «inimigo exterior»
A nova Estratexia de Seguridade Nacional de Trump sinala a China e Rusia como as ameazas que xustifican a reactivación do «patio traseiro». É o guión de manual do imperialismo: cando un pobo busca diversificar as súas relacións comerciais, financiar infraestruturas ou mercar vacinas sen pedir permiso a Washington, automaticamente convértese en sospeitoso de traizón xeopolítica. Non importa que eses vínculos con Pequín ou Moscova permitisen a países latinoamericanos escapar, aínda que sexa parcialmente, do xugo histórico da dependencia dos Estados Unidos. O que Washington non pode tolerar non é a influencia estranxeira en abstracto —a súa leva século e medio instalada na rexión—, senón a simple posibilidade de que América Latina decida por si mesma.
Comercio, migración e narcotráfico: as tres coartadas do garrote
A Casa Branca empaquetou o seu intervencionismo baixo tres etiquetas que soan razoables nun titular de prensa: presión comercial, control migratorio estrito e loita contra o narcotráfico. Pero quen traballou dezaoito anos no comercio, como quen isto asina, sabe recoñecer cando unha «negociación» é, en realidade, unha imposición coa pistola enriba da mesa. Os aranceis como arma política, a militarización das fronteiras como cortina de fume fronte ás causas reais da migración —a pobreza que o propio espolio imperialista produce— e a guerra contra as drogas como escusa recorrente para despregar tropas: non son políticas novas, son o mesmo cóctel de sempre, reformulado para unha época na que hai que disfrazar a dominación de cooperación.
Das palabras aos feitos: anexión, secuestro e bloqueoE para quen aínda dubide de que estamos perante algo máis ca retórica de despacho, aí están os feitos, espidos e sen precisar interpretación. Trump ameaza abertamente con anexionar Groenlandia e non descarta a forza para facelo; fala de converter o Canadá nun estado máis da Unión, coma quen discute a compra dun solar; e reclama para si o control da Canle de Panamá, soberanía centroamericana arrincada con sangue e suor tras décadas de loita popular, coma se fose unha propiedade que Washington nunca deixase de considerar súa. Non hai eufemismo de «Gran América do Norte» que disimule que isto é, lisa e chanamente, un discurso anexionista do século XIX reciclado para o XXI.
Á vez, este Goberno interfire sen ningún pudor na vida política interna dos países americanos, ditando quen pode gobernar e quen non, financiando oposicións e deslexitimando procesos electorais que non lle convén. Nicaragua recibe ameazas constantes por non se pregar aos ditados de Washington. Venezuela sofre o que non se pode chamar doutro xeito ca secuestro da súa soberanía e do seu petróleo, cun pobo enteiro pagando con fame e sufrimento o pecado de asentarse sobre as maiores reservas de cru do planeta sen as pór ao servizo das petroleiras norteamericanas. E Cuba, camaradas, Cuba leva máis de sesenta anos resistindo un bloqueo que organismos internacionais, a propia ONU e boa parte da comunidade académica cualifican sen ambaxes de xenocida, un castigo colectivo a todo un pobo polo simple delito de ter escollido un camiño soberano.
Aliñarse ou ser sinalado
O obxectivo último é claro e os analistas internacionais non se enganan: Washington presiona os gobernos latinoamericanos para que rompan vínculos con competidores globais dos Estados Unidos e subordinen as súas prioridades de seguridade aos intereses da superpotencia. É a vella lóxica colonial actualizada: «estás con nós ou estás contra nós», aplicada agora á política exterior de nacións soberanas que terían todo o dereito de manter relacións diplomáticas e comerciais con quen consideren oportuno, sen que iso supoña unha declaración de guerra encuberta contra Estados Unidos.
Fronte a esta «Doutrina Donroe», fronte ás ameazas de anexión, fronte ao secuestro de Venezuela, fronte ao bloqueo xenocida contra Cuba e ao acoso permanente a Nicaragua, a resposta dos pobos latinoamericanos e de quen, desde Galiza, sente como propia calquera loita contra o imperialismo só pode ser unha: a defensa intransixente da soberanía e da autodeterminación dos pobos, contra calquera potencia que pretenda decidir por eles que comerciar, con quen aliarse, quen debe gobernalos e como vivir.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

