Os xemelgos xenocidas: Trump, Netanyahu e a barbarie disfrazada de paz
Camaradas:
Hai liñas que non se poden cruzar sen perder algo esencial. Quen apoia o xenocidio en Palestina perde o dereito a chamarse humano, igual ca quen apoiou o Holocausto xudeu en Europa. O mesmo vale para quen sostén o bloqueo contra Cuba ou calquera política que pretenda someter os pobos mediante a fame, a enfermidade e a asfixia da axuda humanitaria. Non hai termo medio ante o exterminio.
O eixo do mal ten nome e apelidos
Estados Unidos, Israel e os seus mamporreiros forman hoxe, ao meu xuízo, un auténtico eixo da barbarie. Benjamín Netanyahu está sinalado pola Corte Penal Internacional, que emitiu unha orde de detención contra el por presuntos crimes de guerra e crimes de lesa humanidade. Donald Trump, pola súa banda, é un dirixente cuxa responsabilidade política ante a Historia será imposible de borrar, por moito que el mesmo se presente como merecente dun Nobel da Paz mentres mantén un papel decisivo no apoio a Israel.
Un personaxe tan ridículo coma perigoso para a humanidade.
O pretendido «acordo de paz» entre ambos sobre Palestina non é, en realidade, unha paz entre iguais: é unha ameaza de máis sufrimento e máis sometemento para o pobo palestino. Trump falou en termos de ultimato e castigo, chegando a ameazar con «desatar o inferno» se as súas condicións non eran aceptadas.
Non houbo unha negociación equilibrada. Houbo unha proposta elaborada desde posicións de enorme desigualdade e imposta a un pobo que, unha vez máis, non ocupaba un lugar real na mesa.
Un emperador sen imperio moral.
Trump non busca a paz: esixe submisión. Goza humillando o mundo enteiro e trata de esmagar os pobos que se resisten aos seus designios. Quere lacaios, servos e subordinados; nunca iguais.
Crese emperador do mundo enteiro: un Nerón capaz de incendialo todo, un Calígula sen empatía, un home que se considera superior á costa dos demais.
O seu desprezo alcanza mesmo os seus propios aliados. Ameazou Dinamarca, membro da OTAN, con facerse con Groenlandia polas boas ou polas malas, apelando á «seguridade nacional» e ao interese estratéxico estadounidense nun territorio de enorme importancia xeopolítica e con importantes recursos naturais.
Estados Unidos actuou historicamente como unha potencia imperial: interveu noutros países, participou en golpes de Estado, apoiou gobernos afíns e defendeu os seus intereses económicos e estratéxicos alí onde considerou que estaban en xogo.
Dous xemelgos, un mesmo crime.
Cando Netanyahu e Trump aparecen xuntos, a imaxe resulta especialmente inquietante. Representan dúas caras dunha mesma concepción do poder: a forza por riba do dereito e os intereses estratéxicos por riba da vida humana.
Un atópase perseguido pola xustiza internacional; o outro continúa exercendo o máximo poder político nos Estados Unidos.
Trump encheu de eloxios a Netanyahu, presentándoo como un home forte e atribuíndolle un papel central na historia do Estado de Israel.
E aquí aparece unha das grandes traxedias do noso tempo: despois do Holocausto sufrido polo pobo xudeu en Europa, o pobo palestino está a sufrir unha devastación de dimensións extraordinarias.
A ensinanza debería ser exactamente a contraria: nunca máis para ninguén.
Porque o supremacismo, veña de onde veña, acaba convertendo unhas vidas en máis valiosas ca outras. E cando unha vida humana deixa de valer o mesmo ca outra, a barbarie xa comezou.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

