O monstro de tres cabezas: sionismo, nazismo e fascismo, fillos putativos do capitalismo
Camaradas:
Ser radical é ir á raíz dos problemas. E a raíz do noso problema ten nome e apelidos: chámase capitalismo e, hoxe, en plena descomposición, está a parir de novo as súas criaturas máis monstruosas.
Unha esquerda desnortada fronte a unha ultradereita que avanza.
Vivimos nunha sociedade radicalizada, cunha esquerda, como mínimo, desnortada e desclasada. Unha esquerda que deixou de crer na clase traballadora, que chega a negar a vixencia da loita de clases e que se autoengana pensando que a moderación é a solución. Mentres tanto, o futuro vese cada día máis negro.
A nosa mocidade non ve horizonte, e é lóxico: despois de estudar e prepararse, non pode nin sequera independizarse. E non son só os mozos: traballadores con emprego non chegan a fin de mes, esmagados por alugueiros que se levan boa parte do salario, con soldos insuficientes para pensar nun presente e, moito menos, en formar unha familia.
Esa gran masa de xente esmagada polo sistema e pola súa avaricia ten hoxe como único referente «antisistema» a ultradereita. E a ultradereita, coa esquerda desaparecida, ocupa sen esforzo un espazo que non lle corresponde, azuzando o descontento coas vellas receitas de Goebbels: repetir a mentira mil veces ata convertela en verdade, buscar bodes expiatorios e prometer un cambio radical que, en realidade, é unha estafa, porque o fascismo é o can de guerra do capitalismo e come da man dos oligarcas.
Nin a socialdemocracia nin a esquerda moderada están preparadas para frealo. Non combaten o sistema e os pobos vénas como parte do problema, entendendo a moderación e as medias tintas como a antesala da traizón.
O monstro de tres cabezas.
Sionismo, nazismo e fascismo son fillos putativos do capitalismo. Radicalizan o seu discurso movidos polo medo a un cambio real que poña límites aos privilexios do IBEX 35, da banca e das oligarquías que os financian e controlan. Ese monstro de tres cabezas é o verdadeiro inimigo da clase traballadora, dos servizos públicos, da xustiza social, das liberdades, da educación e da sanidade universal.
O pensamento do pobo elixido para dominar, a idea dunha raza superior destinada a mandar sobre as demais, é un pensamento inhumano e intolerable, chámese como se chame quen o enarbore.
O racismo como cortina de fume.
En tempos de crise sistémica, o capitalismo recorre sempre aos seus vellos pantasmas para sobrevivir. O racismo non é un fenómeno illado nin unha cuestión de prexuízos individuais: é unha ferramenta política e económica para fracturar a unidade de quen só temos a nosa forza de traballo para subsistir.
Dinnos que o inmigrante vén quitarnos o traballo ou saturar os servizos públicos, mentres ocultan que son os recortes, a precariedade e a evasión fiscal das grandes fortunas quen desmantelan o noso benestar.
Como sabemos ben en Galicia, pobo historicamente emigrante, ninguén abandona o seu fogar por capricho. Faino empurrado polo espolio dos recursos do Sur Global, por guerras financiadas desde Occidente ou pola falta absoluta de futuro.
Mentres o obreiro local mira con recelo o obreiro estranxeiro, ambos deixan de mirar cara arriba, cara a onde de verdade se toman as decisións que nos empobrecen. É a vella estratexia de dividir para vencer. A nosa loita non é contra quen chega en patera, senón contra quen nos desafiuzа, quen nos explota e quen utiliza o medo para gañar votos.
¿Corrupción ou sistema?.
Existen distintos niveis de corrupción segundo o grao de degradación das institucións burguesas, pero non esquezamos que a corrupción é inherente ao capitalismo. Quen fale dun «capitalismo bo» mente: é un sistema baseado na explotación e na acumulación.
O capitalismo non ten futuro. Vivimos unha crise de sobreprodución e de escaseza de recursos naturais que xera novas guerras polo seu control. Baséase nun crecemento infinito que chega ao seu fin. As alternativas, hoxe como onte, son socialismo ou barbarie.
A vida encarecida, os dereitos arrebatados.
Perdemos capacidade adquisitiva mentres soben os produtos básicos. Electricidade, auga, gas, combustible, alugueiro ou alimentar unha familia son xa artigos de luxo. Á pobreza do desemprego súmanse agora a pobreza enerxética e a pobreza salarial: pódese ter emprego e vivir na miseria.
Os pensionistas sobreviven con pensións miserables mentres algúns políticos as chaman esmolas estatais.
Roubáronnos dereitos coa escusa dunha crise que engordou a fortuna dos máis ricos. Lexislaron contra o dereito de folga; os traballadores pagan con multas e ata co cárcere a defensa dos seus dereitos na rúa.
Os empresarios conseguiron unha reforma laboral á medida. A sanidade pública perde medios para beneficiar o seguro privado, poñendo a nosa vida á venda como mercadoría. A educación pública retrocede porque a oligarquía non quere que estude o fillo do obreiro.
A clase obreira, vítima e verdugo do sistema.
O capitalismo ten na clase obreira a súa vítima e o seu verdugo á vez. Somos os piares do sistema e, se nos movemos xuntos, derrúbase. Por iso as oligarquías se dotan de ferramentas para manternos desunidos e confundidos, negando a vixencia da loita de clases como motor da historia.
Ser militante comunista, ou militante de esquerdas en xeral, obriga a ser tan realistas coma utópicos, a entender o contexto e a correlación de forzas, a saber perder parte da nosa razón cando faga falta, pero xamais o primeiro dos nosos principios.
Hai pouco discutiamos se mil euros ao mes abondaban para vivir con dignidade; hoxe discútese se un becario debe cobrar, e eses insuficientes mil euros pasan por salario de privilexiados.
Ese caldo de cultivo, feito de salarios degradados, dereitos perdidos e leis que criminalizan a protesta, é o que alimenta un discurso fascista disfrazado de antisistema, que se serve da desesperación da clase traballadora para os seus propios fins.
Non hai tanto, un dos pobos máis «cultos» de Europa respondeu a unha crise do capitalismo elixindo un fanático racista como líder. Aquel país era Alemaña; aquel elixido, Adolf Hitler.
Vivimos tempos interesantes, como reza a maldición chinesa: tempos de descomposición do capitalismo, unha crise sen saída cara adiante dentro deste sistema.
Ou a esquerda recupera a súa esencia e pon os pés no chan para chamar as cousas polo seu nome, ou viviremos tempos de fascismo.
Non cantemos vitoria aínda.
Como advertía Bertolt Brecht no epílogo de A irresistible ascensión de Arturo Ui, que o mundo enteiro se erguese e derrotase a besta non significa que a súa matriz deixase de ser fértil: o ventre que a xerou segue vivo e segue en condicións de volver parila.
O fascismo nunca foi unha anomalía nin un accidente histórico pechado en 1945; é unha posibilidade sempre latente mentres subsista o capitalismo en crise que o xera.
Non abonda con ter vencido unha vez o monstro: hai que impedir que a súa nai volva estar en celo.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

