A ignorancia como bandeira.
VOX é o partido onde unha panda de ignorantes que apenas saben falar castelán se senten superiores a quen somos bilingües e, en moitos casos, ata trilingües. Xente que confunde a incultura co patriotismo e que é alérxica a calquera cousa que cheire a cultura ou a saber. Unha investigación publicada en Trends in Cognitive Sciences déixao claro: falar máis dun idioma tradúcese nunha mellor saúde mental, protexe fronte aos síntomas da demencia e demostra que a diversidade lingüística enriquece o cerebro adulto. A ciencia, unha vez máis, desmonta o discurso rancio da ultradereita.
Monolingües que se cren superiores.
A España da dereita, e tamén a dalgúns «progres» de salón, xunto cos Estados Unidos de Trump, son dos poucos lugares do mundo onde un monolingüe se cre superior a un bilingüe. Teñen a ignorancia como bandeira, e non me resisto a lembrar a Unamuno, home profundamente de dereitas, cando dixo aquilo de que «o que máis odia o fascismo é a intelixencia». Son capaces de tatuar o nome dos seus fillos en chinés ou en élfico, pero indígnanse cando os galegos falamos galego, os cataláns catalán ou os vascos éuscaro. A estupidez levada á súa máxima expresión.
Un galego pode falar o seu idioma, ademais do castelán, e entenderse perfectamente cun portugués grazas á irmandade histórica entre ambas as linguas, cunha mesma raíz común. Pero o facha que apenas domina o castelán chámanos paletos desde o seu Españistán particular.
Un idioma perseguido por acción e por omisión.
O noso idioma segue en perigo, sobre todo pola acción e a omisión dun Goberno da Xunta de Galicia que o menospreza en vez de defendelo como o tesouro que é, como parte imprescindible da identidade do pobo galego. O galego foi sempre o idioma da clase traballadora, do campesiñado, da casa humilde, o idioma do pobo e non dos señoritos, falado como acto de rebeldía a pesar das prohibicións e das humillacións que sufriu durante décadas.
O PP, tanto en Galicia como en Madrid, viu sempre o feito de ter un idioma propio, en Galicia como en Cataluña ou Euskadi, como un perigo para a sacrosanta unidade de España, como unha agresión ao españolismo rancio que representan. Agora VOX, partido nado do propio PP, non fai máis que amosar sen disimulo a ignorancia e o verdadeiro rostro dunha dereita herdeira directa da ditadura franquista.
Pero sexamos xustos tamén co PSOE, que ten como ministro do Interior a un xuíz, Fernando Grande-Marlaska, que na súa etapa na xudicatura se atreveu a dicir que o galego é un dialecto, menosprezándoo como idioma.
Ningún idioma é de segunda categoría.
Non existen idiomas de primeira e de segunda; todos deberían ser patrimonio da humanidade, porque son moito máis ca un modo de comunicarse: son o froito da evolución dos pobos, séculos de construción de comunidade lingüística. Que no Estado español convivan catro idiomas —castelán, catalán, éuscaro e galego— debería vivirse como un tesouro, como unha fonte de enriquecemento mutuo.
Por desgraza, non é así. Segue habendo quen pensa que falamos galego para molestar, por ignorancia ou por atraso. É xente que non entende nada, e dá igual explicárllelo en galego, en castelán ou en chinés mandarín, porque non queren entender.
Á ultradereita móvena o odio e o medo ao diferente, sostidos pola herdanza do nacionalcatolicismo e do franquismo daquela «España una, grande e libre» que nunca foi ningunha das tres cousas nesa etapa escura da nosa historia.
Resistencia en cada palabra.
Debemos seguir loitando para que se entenda dunha vez que non hai idiomas de primeira nin de segunda, que o idioma de Galicia é o galego e que iso non é unha agresión nin unha ocorrencia, senón unha realidade de séculos de historia. Os idiomas non separan, abren fronteiras na terra e na mente.
Usar o galego na nosa vida diaria é un acto revolucionario e de resistencia. Non o facemos por molestar a ninguén nin como opción política: facémolo porque estamos en Galicia, porque o galego é o noso idioma, porque nos dá a gana e, sobre todo, porque é necesario defender un patrimonio do noso pobo tan valioso como este.
A nosa obriga é recuperar e salvagardar o noso idioma para as xeracións futuras. Para seguir existindo como pobo.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

