O galego, arma de clase
Non son o único traballador de cara ao público que, nalgún momento da súa vida, se sentiu agredido por usar o seu propio idioma, o galego, na súa propia terra. No meu caso, xa son 25 anos traballando de cara ao público en distintas empresas, e tiven que soportar actitudes irrespectuosas e intentos de humillación en demasiadas ocasións. Sempre son demasiadas, porque isto non debería suceder nunca.
Cando falar galego se converte nun problema.
Cando un cliente me recrimina por falar en galego na Galiza, existe claramente un problema. Cando alguén se atreve a dicir que non me dirixa a el nesa «fala» e que o faga en español, o que está a facer é intentar denigrar o noso idioma, agredindo os galegofalantes na súa propia terra. E fano aproveitando, ademais, unha situación de vantaxe e superioridade, atacando a unha persoa que está a traballar e que non pode responder como sería debido.
Os galegofalantes atopámonos así cunha grande indefensión. Cando se vulnera o dereito fundamental a utilizar o galego na Galiza, non temos ferramentas legais reais para defendernos. É difícil manter a compostura cando alguén tenta humillar o teu idioma. Persoalmente, cando vexo que é xente de fóra, cambio ao castelán sen ningún problema —de feito, os estranxeiros adoitan ser os máis educados, e ata lles gusta escoitar a nosa fala—. O problema chega cando dás con algún talibán nacionalista español.
O idioma como trincheira de clase.
Mentres existan actitudes que tentan humillar o meu idioma e menosprezar a miña nación, dificilmente poderá haber convivencia. Mentres se vulneren impunemente os meus dereitos fundamentais como galego, se menosprece o meu idioma, o meu acento e a miña cultura, será imposible que me sinta parte do Estado español. E mentres teñamos un Goberno da Xunta que traballa para facer do noso idioma algo residual, e un españolismo que nos ve e nos trata como inferiores, a nosa mellor arma segue a ser falar galego para seguir sendo galegos.
Galiza é unha nación e un pobo con identidade propia: temos unha cultura, unha historia e un idioma propios, e son estas características as que nos fan galegos. O noso idioma é parte fundamental da nosa identidade. O galego foi sempre o idioma da clase traballadora galega, foi lingua de resistencia e continúa resistindo en condicións moi difíciles.
O peche dos centros de atención: un insulto a todo un pobo.
O peche dos centros de atención á clientela na Galiza, para centralizar este servizo en terceiros países, busca que as empresas consigan maiores beneficios mentres destrúen emprego na nosa terra. Pero isto é, ademais, un insulto a todo un pobo, un menosprezo inaceptable ao noso idioma, un xeito de pisar a nosa dignidade. Que alguén se imaxine que estas mesmas empresas farían o mesmo en Cataluña? Está claro que non. Pois as galegas e os galegos debemos facer valer o noso dereito a ser atendidos no noso idioma na nosa propia terra. Debemos esixir respecto.
Non hai «problema catalán», nin «problema galego»
Cando se fala do «problema catalán» ou do «tema catalán», faise sempre para instalar na cidadanía a idea de que o dereito á autodeterminación dos pobos non é un dereito, tentando criminalizar a quen o defende. Non existe un problema catalán, nin galego, nin vasco: existe, en todo caso, unha realidade ou singularidade á que temos que dar resposta política.
O dereito á autodeterminación dos pobos non debe verse como un perigo nin como unha ameaza para a clase obreira. A patria burguesa non é a mesma que a patria obreira: os oligarcas temen calquera cambio que poida afectar aos seus intereses, e cando defenden a centralidade ou a independencia fano pensando neses intereses, non no ben do seu pobo.
Unión voluntaria, non prisión de pobos.
Defendo a unión voluntaria de pobos libres, de nacións que deciden camiñar xuntas; iso fainos máis fortes e enriquécenos a diversidade de culturas, tradicións e historias diferenciadas. Pero converter o Estado nunha prisión de pobos é sempre unha decisión dos explotadores.
Precisamos cambiar o actual modelo de Estado, herdado do nacionalcatolicismo e froito dunha falsa transición, xa sexa mediante un Estado federal ou un Estado plurinacional onde cada nación —entendendo que falamos de nacións de pobos libres— poida decidir que tipo de relación quere ter co resto do Estado. Recoñecendo o dereito a decidir, poderemos construír un futuro en común. E eu defendo que ese futuro debe ser socialista, porque penso que é o único xeito de sermos capaces de construír, entre todas e todos, un futuro sen odios, unha unión de vontades onde impere a igualdade, a xustiza social e o respecto á diferenza.
A loita é de clases.
Parafraseando a Lenin, que resumiu maxistralmente a esencia do que trato de dicir: «non se pode falar de liberdade se antes non se recoñece o dereito dos pobos a separarse da súa metrópole cando o crean conveniente». Outra frase moi afortunada é a de Salvador Seguí: «o único inimigo que hai en Cataluña é o mesmo que en Madrid: o capitalismo».
Non consintamos que os miserables que se envolven en bandeiras para beneficio persoal, os que venden odio e mentiras, consigan enfrontar os pobos de España. A loita é de clases. O pobo traballador ten que estar unido para defenderse dos que só sementan miseria.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

