Cómplices por acción ou omisión: non é política, é humanidade.
Hai quen aínda intenta reducir o xenocidio de Palestina a unha cuestión de opinión política, coma se condenar o exterminio dun pobo fose unha postura ideolóxica máis, discutible nunha tertulia entre café e café. Non. O que acontece en Gaza non admite matices de tribuna nin equidistancias de manual de estilo. Non falamos de esquerdas contra dereitas, falamos de humanidade contra barbarie.
O crime non distingue entre acción e omisión.
O dereito internacional leva décadas advertíndoo e a ética máis elemental confírmao: a complicidade cun xenocidio pode cometerse tanto por acción coma por omisión. Quen fabrica e vende as bombas que caen sobre hospitais é cómplice. Pero tamén o é quen, podendo erguer a voz, escolle o silencio cómodo. Tamén o é o goberno que asina comunicados tibios mentres autoriza a venda de armamento. Tamén o é o medio de comunicación que normaliza a linguaxe do ocupante e disfraza de «operación militar» o que é unha masacre sistemática. Non existe a neutralidade perante o exterminio: existe a complicidade activa e existe a complicidade pasiva, pero ambas as dúas son complicidade, e ambas as dúas son crime.
Empatía, non cálculo político.
A quen insiste en despachar isto coma «un tema complexo» ou «un conflito con dúas versións», cómpre lembrarlles que a empatía non precisa dun mestrado en relacións internacionais. Abonda con mirar as imaxes de nenas e nenos entre os escombros, abonda con escoitar o pranto das nais de Gaza, para saber de que lado está a razón e de que lado está a infamia. A empatía non é unha ideoloxía, é a condición mínima para chamarse ser humano. Quen a perde, ou quen a subordina ao cálculo xeopolítico, renunciou a algo esencial da súa humanidade.
Non hai coartada posible.
Nin a escusa do «non me corresponde opinar», nin a do «é un tema moi delicado», nin a do medo a perder amizades, contratos ou votos, serven de coartada. A historia xulgará coa mesma dureza a quen apertou o gatillo ca a quen mirou para outro lado podendo impedilo. Por iso repetimos, unha vez máis, que a complicidade silandeira non é prudencia, é fascismo por omisión, e que quen non condena o xenocidio forma parte del.
Non é política. É humanidade. E a humanidade, hoxe, esixe plantarse sen ambigüidades do lado de Palestina.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

