A palabra empeñada baixo a ameaza dun fusil non é palabra

Publicado:

Noticias populares

A palabra empeñada baixo a ameaza dun fusil non é palabra

 ¿Pódese chamar acordo ao que se asina cunha pistola na sen?

 Hai preguntas que incomodan. Preguntas que atravesan os despachos, que molestan aos poderosos e que, por iso mesmo, raramente atopan espazo nas grandes portadas. Esta é unha delas.

 ¿Pódese chamar acordo ao que se asina baixo ameaza? ¿Pódese considerar lexítimo un documento arrincado mediante a coacción, o medo ou a ameaza de morte? ¿Pódese falar de paz cando unha das partes negocia cun fusil apuntándolle á cabeza?.

 En Bruxelas prefiren non facer estas preguntas. Nalgunhas redaccións que se proclaman independentes, tampouco.

 Pero a pregunta segue aí.

 E a resposta debería ser elemental: a palabra empeñada baixo a ameaza dun fusil non é palabra.

 Un acordo asinado cunha pistola na sen non é un acordo. É unha imposición con membrete.

 Venezuela: cando o secuestro se converte en diplomacia.

 O caso venezolano debería abondar para comprender ata onde pode chegar esta lóxica.

 Tras o secuestro do presidente lexítimo, Nicolás Maduro; tras a ameaza aberta dunha intervención militar estadounidense sobre territorio venezolano; tras advertir ao resto da dirixencia chavista de que calquera resistencia tería consecuencias aínda peores, ¿que clase de liberdade existe para negociar?.

Ningunha.

Cando unha parte ten o poder de ameazar coa morte, coa invasión ou coa destrución dun país, mentres a outra intenta evitar que morran os seus cidadáns, non existe igualdade entre as partes. Non existe unha negociación libre. Existe coacción.

E cando un pobo asina para impedir que derramen o seu sangue, non está entregando a súa soberanía voluntariamente. Está intentando sobrevivir.

Asina para gañar tempo.

Asina para salvar vidas.

Asina porque ten un fusil apuntándolle á cabeza.

Iso non é diplomacia. Iso é chantaxe.

O método Trump: primeiro a ameaza, despois a firma.

E non estamos ante un accidente da historia. Non estamos ante unha anomalía. Estamos ante un método.

O método consiste en ameazar primeiro e negociar despois.

Sancións. Bloqueos. Aranceis. Presións económicas. Ameazas militares. Secuestros. Magnicidios. Intervencións.

E, finalmente, unha mesa de negociación para que o mundo poida contemplar o resultado e chamalo «acordo».

É unha vella fórmula imperial cun novo envoltorio.

Primeiro colócase o adversario contra as cordas. Despois ofréceselle unha saída. E, cando acepta porque non ten alternativa, preséntase a súa capitulación coma se fose unha decisión libre.

Así se fabrican algunhas das chamadas «paces» do noso tempo.

Primeiro sométese. Despois negóciase. Finalmente asínase.

E entón aparecen os diplomáticos, os tertulianos e os titulares para explicarnos que triunfou a paz.

 Non.

Cando unha das partes chega á mesa cun exército detrás e a outra chega intentando evitar que morran os seus fillos, non existe unha negociación entre iguais.

Existe unha relación de forza.

Palestina: a paz que se constrúe sobre as ruínas

E mentres algúns falan de paz desde os seus despachos, Palestina continúa sendo o recordatorio máis brutal do que ocorre cando a forza substitúe o dereito.

Washington respalda a Israel mentres sobre Palestina se acumulan morte, destrución e sufrimento. E despois fálasenos de negociacións, de acordos e de solucións.

Pero ¿que clase de paz pode construírse cando unha poboación chega á mesa despois de ter sido sometida pola forza?

A paz non pode consistir en esixir ao débil que asine a súa propia rendición mentres o poderoso conserva o fusil.

Iso non é paz. É a paz do vencedor. E a paz do vencedor non é xustiza.

Un mundo unipolar non é un mundo de dereito

Quixeron convencernos de que vivimos nun mundo baseado en regras.

Pero ¿que regras?.

¿As que se aplican aos pequenos e se esquecen cando o poderoso decide incumprilas? ¿As que serven para sancionar a uns Estados mentres outros actúan con impunidade? ¿As que converten o dereito internacional nunha ferramenta que se utiliza cando convén e se ignora cando estorba?.

Un mundo dominado por unha única potencia non é necesariamente un mundo máis seguro. Pode ser exactamente o contrario.

Porque cando unha potencia se acostuma a non atopar límites, remata confundindo a súa vontade coa lei.

E cando a lei deixa de ser igual para todos, deixa de ser lei.

Por iso, ningún pobo debería aceptar como lexítimo aquilo que lle foi arrincado mediante a ameaza.

A soberanía non se asina cunha pistola apuntando á cabeza. A dignidade non se negocia baixo coacción. E a liberdade non pode depender da vontade de quen sostén o fusil.

Trump: cando a crise se converte en método de goberno.

Donald Trump non inventou a política da forza. Pero representa unha concepción do poder na que a ameaza parece converterse nunha ferramenta permanente.

Aranceis. Sancións. Ameazas comerciais. Presións diplomáticas. Ultimatos. Conflitos. Crises.

Todo parece converterse nunha negociación baixo presión.

E mentres tanto, as consecuencias rematan chegando á cidadanía.

Chegan ao supermercado. Chegan á factura. Chegan á gasolineira. Chegan ás familias que non chegan a fin de mes.

Porque as guerras comerciais e as decisións económicas das grandes potencias nunca as pagan unicamente quen as deseña desde os seus despachos. Unha parte da factura remata caendo, inevitablemente, sobre quen vive do seu salario.

Sobre a clase traballadora. Sobre quen non pode decidir o prezo do petróleo, dos alimentos ou da enerxía, pero si sofre as súas consecuencias.

E ese é precisamente un dos grandes enganos do noso tempo: facer crer ao traballador que as decisións dos poderosos ocorren lonxe da súa vida cotiá.

Cada decisión económica ten consecuencias. Cada guerra ten consecuencias. Cada sanción ten consecuencias. Cada arancel ten consecuencias.

E cada vez que unha potencia decide xogar co mundo coma se fose un taboleiro, hai millóns de persoas que rematan pagando a partida.

Ormuz: provocar o incendio e despois pasar a factura.

E chegamos así ao estreito de Ormuz.

Aquí a contradición alcanza dimensións case grotescas.

Provócase unha crise, amézase cunha escalada militar, altérase o equilibrio dunha das zonas estratéxicas máis importantes do planeta e, despois, preténdese que sexan outros quen paguen o custo de manter aberto o estreito.

É dicir: provocar o incendio e despois cobrar por traer a auga.

Se isto non fose unha traxedia humana, podería parecer unha farsa. Pero non o é.

Porque detrás de cada decisión xeopolítica hai traballadores que pagan máis por encher o depósito, familias que pagan máis pola enerxía e pobos enteiros que poden acabar pagando con sangue as decisións tomadas en despachos situados a miles de quilómetros.

E sempre ocorre o mesmo. Os poderosos toman as decisións. Os pobos pagan as consecuencias.

Nin palabra nin confianza para quen converte a ameaza en política.

Estados Unidos demostrou, unha vez máis, que as relacións internacionais poden quedar subordinadas aos seus propios intereses. E cando unha potencia utiliza a ameaza económica, política ou militar como instrumento habitual de negociación, a confianza internacional deterioriase.

Porque a confianza non se esixe. A confianza constrúese.

Constrúese cumprindo os acordos. Respectando a soberanía. Respectando o dereito internacional. Respectando os pobos.

E, sobre todo, renunciando a converter a forza en argumento.

Quen chega a unha mesa de negociación cun fusil detrás pode conseguir unha firma. Pode conseguir un papel. Pode conseguir unha fotografía. Pode conseguir incluso que algúns gobernos o presenten como un gran triunfo diplomático.

Pero non pode conseguir aquilo que realmente importa: a lexitimidade.

Porque unha firma obtida baixo ameaza pode pechar temporalmente unha crise. Pero non pode converter a inxustiza en xustiza.

Pode silenciar unha voz. Pero non pode facer desaparecer a verdade. Pode impoñer obediencia. Pero non pode fabricar dignidade.

E moito menos pode decidir para sempre o destino dun pobo.

A historia está chea de imperios que creron que podían facelo. E todos remataron descubrindo, tarde ou cedo, que ningún poder é eterno.

Os pobos non son propiedade dos imperios

Venezuela non pertence a Washington. Palestina non pertence a Tel Aviv. América Latina non é o patio traseiro de ninguén. Oriente Medio non é un taboleiro para que as grandes potencias movan as súas pezas.

E ningún pobo do planeta naceu para obedecer eternamente a quen teña o exército máis poderoso.

Os pobos teñen memoria. Teñen dignidade. Teñen dereito a decidir o seu propio futuro.

E cando chegue o momento de xulgar esta época, non serán os comunicados oficiais nin as fotografías das cumes as que determinen quen tivo razón.

Serán os feitos. Serán as vítimas. Serán os pobos.

Porque a historia pode escribirse desde os pazos, pero, tarde ou cedo, remata sendo escrita tamén desde as rúas.

Por iso hai palabras que debemos recuperar.

Soberanía. Dignidade. Solidariedade. Internacionalismo. Paz. Xustiza. E liberdade.

Pero liberdade de verdade. Non a liberdade do poderoso para impoñer a súa vontade, senón a liberdade dos pobos para decidir o seu propio destino.

Así que digámolo alto e claro, camaradas:

Un acordo asinado baixo o fusil non é un acordo. Unha rendición arrincada mediante a chantaxe non é paz. Unha ameaza acompañada dunha firma non é diplomacia.

E a dignidade dun pobo non se vende, non se subasta e non se asina.

Porque os pobos poden verse obrigados a retroceder. Poden verse obrigados a resistir. Poden incluso verse obrigados a asinar.

Pero ninguén pode obrigalos a considerar xusto aquilo que lles foi imposto pola forza.

 

Até á vitoria sempre!

 

André Abeledo Fernández

DEJA UN COMENTARIO (si eres fascista, oportunista, revisionista, liberal, maleducado, trol o extraterrestre, no pierdas tiempo; tu mensaje no se publicará)

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Últimas noticias

La palabra empeñada bajo la amenaza de un fusil no es palabra

La palabra empeñada bajo la amenaza de un fusil no es palabra ¿Puede llamarse acuerdo a lo que se firma...

Le puede interesar: