Migración, explotación e a prostitución da linguaxe
Camaradas:
Paréceme surrealista, case incrible. Hai só uns anos pareceríanos imposible chegar ata aquí. E, porén, aquí estamos: vendo como Feijóo, como Abascal, como o PP e Vox ao completo, definen como «invasores» a persoas que foxen dunha ditadura sátrapa, a marroquí, e da miseria e da necesidade. Nenos, mulleres, mozos e mozas que creron a historia de que, chegando a Europa, terán un futuro mellor. Unha historia que, por desgraza, case nunca é certa.
O negocio da mentira.
Esta mesma xente que chama invasores a criaturas é a que despois lanza bulos en internet, dicindo que a quen chega ao Estado español se lle entregan «paguitas» e axudas sen fin. Hai maior reclamo para a inmigración irregular que enganar a estes migrantes, facéndolles crer que, con só pisar chan europeo, a súa vida quedará resolta?
Cada bulo que lanza esta ultradereita alimenta precisamente a migración que di combater. Buscan o conflito, buscan que o problema medre para poder explotalo politicamente despois. As súas mentiras son o mellor reclamo para esa inmigración desesperada, e son mentiras porque, por desgraza, o chamado Estado do benestar é xa, máis ben, un Estado do malestar.
Case non queda xustiza social. O escudo social é un decorado. Non hai axudas de verdade nin para as familias españolas que as precisan, e moitísimo menos para os estranxeiros.
Para os migrantes sen papeis non hai absolutamente nada: só explotación laboral, traballo sen contrato e unha vida enteira de obstáculos por non ter a documentación en regra. Iso si existe. Todo o demais é bulo, é sementar odio, é aproveitar a frustración e a ignorancia para colleitar violencia que lles achande o camiño ao poder. Para iso, todo vale.
A verdade, primeira vítima desta guerra.
Dise que a verdade é a primeira vítima de calquera guerra. Tamén o é nesta guerra da mentira. Mátaa Feijóo cada día, mátaa Abascal, mátaa toda a dereita e tamén o PSOE en non poucas ocasións.
Pero o que fai a ultradereita con estas vidas humanas non ten nome nin ten pase: persoas que morren, usadas como pezas pola ditadura sátrapa marroquí, que non é máis ca un títere do sionismo de Netanyahu e do trumpismo estadounidense, aos que eles mesmos lles lamben as botas cada día.
Sinalan o Goberno, sinalan Marrocos, pero nunca terán a valentía de sinalar os verdadeiros responsables: os Estados Unidos, Donald Trump, Israel e Netanyahu. Ao amo non se lle sinala.
Chamar ás cousas polo seu nome.
Gustaríame que volvésemos a chamar migrantes a quen tenta entrar en España e en Europa buscando unha vida mellor. Que, en lugar de bulos sobre axudas millonarias e vidas resoltas sen traballar, lles chegase a verdade: o durísimo que é chegar aquí sen coñecer a ninguén, o durísimo que é vivir sen papeis.
Porque a moitos dos que chegan, ao pouco tempo, náceslles o arrepentimento de telo vendido todo para acabar vivindo peor ca no seu país de orixe. Se se fixese ese traballo honesto de información, en lugar do traballo de intoxicación, quizais moitos o pensarían dúas veces.
Outros foxen de guerras civís, de torturas e de abusos: para eles, chegar aquí é a única forma de conservar a vida, e a esa xente debémoslle, como mínimo, empatía.
A memoria que nos falta.
Cando se nos di que os españois que emigraron o fixeron con contrato e papeis en regra, fálase dunha época concreta: a da emigración a Alemaña e Suíza, que precisaban man de obra barata e a sacaban dunha España onde, segundo o resto de Europa, «África empezaba nos Pirineos».
Pero houbo unha emigración anterior, sen papeis, sen contrato, á aventura, na que moitos perderon a vida fóra do seu continente. Unha emigración que saíu antes da Guerra Civil por fame e necesidade, que saíu durante a guerra e na posguerra por medo a ser asasinados e que seguiu saíndo despois, porque a pobreza e a falta de oportunidades non desapareceron.
Foron a América.
Cantos de nós non temos familia en Cuba? Eu tiven un bisavó vinte anos en Cuba para volver sen nada. Outro bisavó meu morreu en Río Grande do Sul, en Brasil, e o seu corpo nunca volveu. Fora alí traballar.
É a historia de moitísimos galegos, estremeños e andaluces que cruzaron o océano sen saber que lles agardaba, confiando en que alí atoparían futuro.
Á xente que hoxe chega ata nós pásalle exactamente o mesmo. Son seres humanos. Non son invasores, non son bestas. Algúns son nenos.
Un futuro escuro se non o impedimos.
Cando vexo a ese personaxe de Vox, cos seus lentes de cu de botella, chamando a cazar o inmigrante, retrotráome a outros tempos: á Alemaña nazi, onde tamén se cazaba a persoas; á España franquista, onde tamén se cazaba a persoas.
Cando escoito hoxe chamamentos á cacería, sinto que esta involución nos empurra cara a un futuro moi escuro. E non só dá medo: dá moita mágoa. Dá mágoa saber que ás próximas xeracións lles imos deixar un futuro peor ca o que temos.
Sempre pensei que unha xeración incapaz de deixarlle á seguinte un futuro mellor é unha xeración de fracasados e de covardes.
- Porque, se o perdemos todo, se non defendemos os nosos dereitos e os nosos intereses, se nos deixamos enganar, serán os nosos fillos e os nosos netos quen teñan que loitar, suar e sangrar para reconquistar o que hoxe entregamos sen dar a máis mínima batalla.
Terrible.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

