POÑER O DIÑEIRO POR RIBA DA SAÚDE É VIOLENCIA. PUNTO.
Hai cousas que non admiten eufemismos. Hai realidades que non poden envolverse na linguaxe aséptica da xestión orzamentaria nin ocultarse tras os tecnicismos da administración pública. O que fai a Xunta de Galicia coa sanidade non é mala xestión. Non é un erro. É unha decisión deliberada, calculada e criminal: poñer os intereses económicos duns poucos por riba da saúde e a vida dun pobo enteiro. E iso ten un nome: violencia. Violencia económica. Violencia de clase. Un ataque en toda regra aos dereitos humanos máis elementais.
O dereito á saúde non é unha prestación que o poder concede con xenerosidade cando as contas cadran. É un dereito humano fundamental, irrenunciable, que non pode estar subordinado ao superávit de ningún goberno nin aos obxectivos de aforro de ningún xestor sen escrúpulos. Cando unha institución pública converte ese dereito nunha variable de axuste económico, deixa de ser unha administración ao servizo do pobo e convértese nun instrumento de opresión contra él.
O que deseñou o goberno de Alfonso Rueda cos complementos de produtividade do Sergas é un mecanismo perverso, eticamente repugnante e profundamente antidemocrático.
Prémiase economicamente aos médicos que dan altas prematuras, que deniegan baixas a persoas enfermas, que reducen o gasto farmacéutico a costa da saúde dos seus pacientes. Convértese ao facultativo, que debe ser un garante da vida, nun contable ao servizo da patronal. Pónselle diante dunha disxuntiva abyecta: ou coidas ao teu paciente, ou cobras o plus. E iso non é xestión sanitaria. É corrupción do sistema desde arriba. É terrorismo institucional contra a clase traballadora.
Porque a mensaxe que manda o PP aos traballadores e traballadoras de Galiza é tan clara como brutal: non tes dereito a poñerte enfermo. A túa única función é producir. Se o teu corpo falla, es un sospeitoso. Se necesitas unha baixa, es unha fraude. Se a túa saúde rompe, o problema es ti, non o sistema que te esgota ata que xa non das máis. Obrigar a unha persoa a acudir ao traballo sen estar recuperada, baixo a ameaza implícita de perder ingresos ou o posto, é atentar directamente contra a súa integridade física. Iso custa vidas. Cronifica enfermidades. Destrúe familias.
E mentres tanto, os amigos de Rueda na sanidade privada celebran con champán cada recorte do sistema público.
Isto non é un fenómeno illado nin unha particularidade galega. É a expresión local dunha lóxica global: a mercantilización da vida humana. O capitalismo na súa fase máis depredadora non só explota o traballo das persoas, senón que tamén quere explotar a súa enfermidade, a súa vellez, a súa morte. A saúde convertida en negocio é a negación máis radical da dignidade humana. É a demostración de que para o poder económico e os seus xestores políticos, o ser humano non ten valor en si mesmo, senón só en tanto que produce e consume. Cando deixa de facelo, é un custo a eliminar.
Non hai forma de cualificar isto que non sexa chamalo polo seu nome: violencia económica contra o pobo. E a violencia económica é violencia. Tan real como a física. Tan letal como calquera outra. O traballador que acode enfermo ao seu posto porque non pode permitirse perder o salario e empeora ata a invalidez é unha vítima desa violencia. A persoa que non recibe o tratamento que necesita porque un médico ten incentivos económicos para prescribir menos é unha vítima desa violencia. As familias que se derrumban porque o sistema sanitario que debía protexelas as abandonou en nome do aforro son vítimas desa violencia.
Fronte a isto non cabe a resignación nin a queixa individual. Fronte a isto a única resposta digna é a que sempre foi: organización, mobilización e loita colectiva. Nas rúas. Nos centros de traballo. Sen pedir permiso e sen esperar que os mesmos que deseñaron este sistema veñan desmontalo. Os pluses da vergoña deben desaparecer. A sanidade pública debe defenderse como o que é: un ben común, un dereito conquistado con décadas de loita obreira, unha liña que non se pode cruzar.
Vanos a saúde niso. Vanos a vida.
André Abeledo Fernández

