Para o PP, enfermar semella ser un delito
Hai palabras que delatan unha maneira de entender o mundo. Cando desde a dereita se presenta o absentismo laboral como un dos grandes problemas do noso país e se propón que os traballadores e traballadoras de baixa sufran un maior castigo económico, a mensaxe é clara: a persoa enferma deixa de ser unha persoa para converterse nunha sospeita.
Dá a impresión de que para Alberto Núñez Feijóo quen enferma representa un problema que hai que combater, coma se a enfermidade fose unha falta e non unha desgraza. Coma se detrás de cada baixa médica houbese unha fraude e non un traballador ou unha traballadora que viu quebrar a súa saúde despois de anos levantando este país co seu esforzo.
A realidade, porén, é moi distinta. Quen está de baixa xa perde poder adquisitivo. Xa paga un prezo económico por enfermar. Ninguén escolle unha lesión, un cancro, unha depresión ou unha enfermidade dexenerativa para cobrar menos e vivir na incerteza. Só quen nunca tivo que afrontar unha baixa prolongada pode pensar un despropósito semellante.
Pero se preocupan as declaracións de Feijóo, aínda máis preocupantes son algunhas das políticas impulsadas polo Partido Popular en Galicia. Incentivar economicamente a quen reduza as baixas laborais ou acelere as altas médicas transmite unha mensaxe profundamente perigosa: que o criterio médico pode acabar condicionado por obxectivos económicos.
Os médicos e as médicas realizan un xuramento para protexer a saúde dos seus pacientes. A súa obriga é decidir con criterios clínicos, non con incentivos políticos nin orzamentarios. A saúde non pode converterse nunha variable contable nin a persoa traballadora enferma nun obstáculo para cadrar as contas dunha administración.
Cando un médico sente a presión de dar unha alta antes de tempo porque existe un incentivo económico para facelo, quen perde non é o sistema. Quen perde é o traballador ou a traballadora que terá que volver ao seu posto sen estar recuperado, poñendo en risco a súa saúde e, en moitos casos, agravando unha enfermidade que podería terse tratado axeitadamente.
Todo isto lembra inevitablemente a Rebelión na granxa, de George Orwell. O cabalo Boxer era o animal máis traballador da granxa. Nunca protestaba. Sempre repetía que traballaría máis duro. Entregou toda a súa forza e toda a súa vida ao benestar dos demais. Pero cando enfermou e deixou de ser útil, os porcos non lle amosaron agradecemento ningún. Enviárono ao matadoiro para sacar proveito mesmo dos seus últimos días.
A metáfora segue tendo unha forza extraordinaria. A persoa traballadora produce riqueza durante décadas, sacrifica tempo coa súa familia, desgasta o seu corpo e a súa saúde para que outros obteñan beneficios. Pero cando enferma, algúns xa non ven unha persoa, senón un custo.
A diferenza entre unha sociedade decente e outra profundamente inxusta mídese precisamente en como trata a quen máis o necesita. Defender unha persoa traballadora cando está sa é doado. O verdadeiramente importante é defendela cando enferma, cando xa non pode producir ao mesmo ritmo e cando necesita que a sociedade lle devolva unha parte de todo o que ela entregou.
A saúde non pode ser un privilexio reservado para quen poida permitila. A baixa médica non é un premio. É un dereito conquistado tras décadas de loita obreira.
E cómpre non esquecelo: calquera persoa traballadora pode converterse mañá nese compañeiro ou compañeira que hoxe algúns sinalan como un problema. Porque ninguén está a salvo dun accidente, dun cancro, dunha enfermidade mental ou dunha lesión incapacitante.
Por iso a resposta non pode ser castigar a quen enferma. A resposta debe ser protexela. Iso é humanidade. Iso é xustiza social. E iso é o que sempre defendeu o movemento obreiro fronte a quen só é capaz de ver balances onde debería ver persoas.
André Abeledo Fernández

