Galiza arde outra vez, España quéimase enteira
Hai xa anos escribín que Galiza ardía indefensa en mans de pirómanos e especuladores do formigón e o eucalipto, e que a culpa non era da seca senón dun goberno que decidiu recortar en medios e lexislar á medida de quen especula co monte. Aquilo escribino despois de lembrar o verán de 2006, cando arderon case 100.000 hectáreas en uns 7.000 incendios e morreron catro persoas. Hoxe, en xullo de 2026, toca volver escribilo, porque o patrón non cambiou: só empeorou.
Os datos oficiais do Ministerio para a Transición Ecolóxica falan sós: xa se queimaron máis de 100.000 hectáreas dende o 1 de xaneiro, con 22 grandes incendios forestais cando a media da última década para estas datas é de apenas 9. E iso era antes de que ardese todo o que ardeu esta mesma semana. A día de hoxe, o propio ministerio eleva xa a 32 os grandes incendios forestais rexistrados no que vai de 2026, fronte a esa media histórica de 9. Non fai falta ser enxeñeiro forestal para entender o que significan esas cifras: non é unha mala racha, é un colapso sistémico que se repite, cada vez peor, cada verán.
Esta semana ardeu Madrid. Un incendio descontrolado obrigou a evacuar ou confinar a unhas 50.000 persoas en numerosas poboacións madrileñas, con outras 13.000 persoas afectadas na veciña Ávila, e unha superficie conxunta queimada que supera xa as 18.000 hectáreas, ata o punto de que o Goberno central tivo que declarar a emerxencia nacional e pedir axuda europea. En Almería morreron trece persoas e arderon 7.000 hectáreas; na Serra Norte de Guadalaxara o lume devorou 32.000 hectáreas, o segundo maior incendio rexistrado en España dende que hai datos. E mentres tanto o aire da capital do Estado tornouse irrespirable: a calidade do aire en Madrid caeu moi por debaixo dos niveis que recomenda a OMS, e as autoridades sanitarias piden á xente que evite saír á rúa e que use máscara se hai fume ou cinza.
E Galicza tampouco se libra. Os nosos montes volveron arder este verán, en Vimianzo e Laxe, en Lugo, cun dispositivo de nove helicópteros, oito avións, decenas de motobombas e decenas de brigadas mobilizadas para tentar conter o que as políticas de recorte levan anos empeorando. E o máis indignante: en vez de asumir que Galicia segue a ser a comunidade que concentra boa parte dos incendios de todo o Estado, o presidente da Xunta dedícase a presumir nas redes sociais de que «en situacións complexas, Galicia responde», coma se enviar brigadas galegas a apagar o lume en Madrid e Ávila fose un triunfo político e non a proba de que aquí, na casa, seguimos exportando un modelo de precariedade que non resolvemos.
E aquí toca dicir algo que xa denunciei en Neda e que vale para toda Galicia: cada verán chega a mesma carta ao buzón, asinada polo Concello, a Deputación ou a Xunta, dá igual, esixindo que limpemos as nosas parcelas baixo ameaza de multa. E de acordo, manter limpo o propio é unha obriga que non discuto. Pero, con que autoridade moral esixe limpeza unha Administración que non limpa o seu? Abonda con camiñar por calquera parroquia para velo: cunetas invadidas de toxo e silva, camiños públicos onde a maleza chega ata a metade da vía, terreos e casas abandonadas convertidas en foco de combustible, todo iso propiedade ou responsabilidade pública, sen que ninguén mova un dedo. A quen limpa, ameázano co boletín. A quen debería limpar e non limpa —a propia Administración—, non lle pasa nada. É moito máis barato enviar cartas certificadas que sostidas todo o ano o traballo real de prevención: cunetas, camiños, terreos públicos, persoal fixo.
E detrás desa hipocrisía institucional hai un problema aínda máis de fondo, que tampouco é casualidade nin fenómeno natural: o abandono do rural. Onde antes había vacas, prados segados e terras traballadas por familias que vivían delas, hoxe hai explotacións pechadas e parcelas que ninguén cultiva. A mellor prevención contra o lume sempre foi un rural vivo do traballo, non unha subvención nin unha carta ameazante. Cando o traballo desaparece do campo, o que queda non é natureza virxe, é abandono, e o abandono arde. Iso tampouco caeu do ceo: son décadas de políticas que exprimiron o pequeno produtor ata esgotalo e logo o deixaron á súa sorte.
Porque non nos enganemos: a propia Xunta fixou este ano un obxectivo de superficie queimada de máis de 29.000 hectáreas, case 10.000 máis có obxectivo do ano pasado, despois dun 2025 no que arderon case 119.000 hectáreas en Galicia. É dicir: o propio goberno galego xa asume, coma quen non quere a cousa, que vai arder máis monte ca nunca, e conviteo en obxectivo administrativo en lugar de emerxencia a combater de raíz. Véndennos coma gran novidade a incorporación de 42 brigadas máis da empresa pública Seaga, uns 168 efectivos, cando levamos dúas décadas de recortes, de cadros de persoal reducidos á mínima expresión e de brigadistas vocacionais que seguen sen convenio colectivo digno. Un parche de última hora non borra vinte anos de desmantelamento planificado.
O patrón de fondo segue a ser o mesmo que denunciei hai xa anos: a dereita entende o Estado coma unha empresa e os servizos públicos coma un negocio que hai que rendibilizar. Por iso cando toca investir en prevención, en brigadas profesionais todo o ano, nun corpo único e coordinado, o diñeiro nunca chega; pero cando toca privatizar a extinción, entregar concesións a empresas privadas ou recualificar solo queimado para o ladrillo e o eucalipto da industria papeleira, entón si que aparecen os medios e a vontade política. Os incendios non son un fenómeno natural inevitable: son a consecuencia directa dun modelo territorial ao servizo da especulación, sostido por un Estado que prefire declarar a emerxencia despois do desastre en vez de investir en evitalo antes.
E aquí non hai cores políticas que valgan coma coartada: dá igual que goberne o PP na Xunta ou que o Goberno central sexa da cor que sexa, porque o patrón de recortar no público e socializar o risco mentres se privatizan os beneficios é estrutural ao capitalismo, non dun partido concreto. O que cambia dun goberno a outro é o ritmo do desmantelamento, nunca a lóxica de fondo.
Mentres os montes galegos e a meseta arden, mentres miles de familias son desaloxadas das súas casas e traballadores forestais arriscan a vida por soldos precarios, a memoria histórica segue a ser a nosa mellor ferramenta de clase. Lembrar 2006, lembrar 2025, lembrar cada verán que se repite o mesmo guión, é a única forma de que non nos volvan vender a seca coma escusa. Non é o clima só, aínda que o cambio climático agrava cada ano a ferocidade do lume: é a desidia e o cálculo político de quen goberna para o capital e non para a xente que vive, traballa e arde nestes territorios.
André Abeledo Fernández

