Cartas con ameazas non apagan os incendios
Cada verán repítese o mesmo ritual. Chega a vaga de calor, chegan os primeiros lumes e, case ao mesmo tempo, miles de veciños atopamos na caixa do correo unha carta da Administración. Concello, Deputación, Xunta: tanto ten quen a asine. O contido é sempre o mesmo: hai que limpar as parcelas privadas e, se non o facemos, haberá multas.
Ata aquí, conforme. Manter limpos os terreos é unha responsabilidade que debemos asumir. A prevención dos incendios é unha tarefa colectiva e cada propietario ten que cumprir coa súa parte. Niso non hai discusión posible.
Pero hai unha pregunta que a carta nunca responde: con que autoridade moral esixe limpeza unha Administración que non limpa o que é seu?
Porque basta con dar un paseo polo concello de Neda para comprobalo. Non fai falta ningún informe técnico nin grandes estudos, só abrir os ollos. Hai cunetas onde a herba, as silvas e os toxos invaden practicamente a estrada. Hai camiños —en O Roxal, en Anca, en Viladonelle e noutras parroquias— onde a maleza chega ao medio da vía. Hai terreos públicos completamente abandonados. Hai casas baleiras convertidas en focos de sucidade e vexetación sen que ningunha administración mova un dedo. Ao carón do polideportivo medran silvas e toxos ata o punto de que un balón que cae alí practicamente desaparece.
E mentres esa é a imaxe que ofrece o espazo público, aos veciños chéganos unha carta ameazándonos con multas. A quen limpa, ameázano. A quen debería limpar e non limpa, a ninguén lle pasa nada.
É moi doado aparentar que se fai algo enviando cartas certificadas. O difícil —e o que realmente evita os incendios— é o traballo de todo o ano: as cunetas, os camiños, os terreos públicos.
Porque a prevención non pode consistir en trasladar toda a responsabilidade á cidadanía mentres a Administración fai o mínimo indispensable coa súa parte. Consiste en manter limpas as propiedades públicas, conservar as cunetas, actuar os doce meses e non só en xullo, e ter medios humanos e materiais suficientes. E cando arde, e sempre arde, non son as cartas as que quedan sen resposta: son as vidas, as casas e os montes dos mesmos veciños aos que antes se lles esixira o boletín.
Pero hai un problema aínda máis profundo detrás disto.
Cando eu era neno, o rural era outra cousa. En case todas as casas había vacas, ovellas, galiñas ou algún outro animal. As leiras cultivábanse, os prados segábanse, o monte aproveitábase. Os campos estaban traballados porque había familias que vivían deles, non porque houbese unha subvención ou unha carta que o esixise.
A mellor prevención contra os incendios era un rural vivo do traballo.
Hoxe, pola contra, cada vez hai máis terras abandonadas, máis explotacións que pechan e menos xente que pode gañar a vida no sector primario. Onde antes había prados, agora medran silvas. Onde antes pastaba o gando, agora acumúlase combustible para o seguinte incendio. E iso non caeu do ceo: son décadas de políticas que non garantiron un futuro digno ao pequeno produtor, que deixaron que o campo se espremese até esgotalo e logo se abandonase á súa sorte. Cando o traballo desaparece do rural, o que queda non é natureza virxe: é abandono, e o abandono arde.
Despois, cando chegan os incendios, parece que toda a culpa é dos veciños que non limparon a leira.
Non. A veciñanza ten obrigas, pero as administracións tamén, e as súas pesan máis, porque son elas as que teñen os medios, o orzamento e a responsabilidade de planificar.
Resulta inaceptable que quen non mantén limpas as súas propias propiedades pretenda dar leccións aos demais. Resulta inaceptable que quen deixa as cunetas cheas de maleza sexa o primeiro en enviar cartas ameazando con sancións. A autoridade para esixir nace do exemplo, non do selo dun boletín oficial.
E o máis preocupante é que isto se repite ano tras ano. Cambian os gobernos, cambian os responsables políticos, pero o modelo é sempre o mesmo: moita propaganda, moitas cartas, moitas ameazas e pouca prevención real. Porque hai quen administra un concello, unha deputación ou unha comunidade autónoma coma se fose unha empresa privada, onde o obxectivo é aforrar gasto e non prestar servizo. Pero unha administración pública non existe para aforrar á conta dos servizos públicos. Existe para servir á xente que a sostén cos seus impostos.
Se de verdade queremos reducir os incendios, hai que facer moito máis que enviar cartas. Hai que investir na prevención os doce meses do ano, manter limpos os espazos públicos, reforzar os servizos forestais con persoal fixo e non só en campaña, e apostar por un rural vivo, traballado, que volva ser a mellor barreira contra o lume.
Porque as cartas con ameazas poden encher os buzóns.
Pero nunca apagarán un incendio.
André Abeledo Fernández

