A comedia das alturas: Yolanda Díaz rumbo a Xenebra mentres o precariado segue esperando.
Camarada, hai novas que non sorprenden pero que igualmente indignan. O Goberno de Pedro Sánchez oficializou a candidatura de Yolanda Díaz, vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, para dirixir a Organización Internacional do Traballo. Sánchez vendeuno como unha «honra» nas súas redes; ela mesma, desde Xenebra, falou en inglés e en francés sobre representar «ao Sur global e a toda a comunidade internacional». Bonitas palabras para quen, na casa, deixou case intacta a Reforma Laboral do PP.
A operación non é improvisada. Díaz protagonizou unha xira internacional por Estados Unidos, Senegal e China nas últimas semanas, reuníndose con responsables de boa parte dos 187 países membros do organismo antes de que o Goberno decidise propoñela oficialmente como candidata a directora xeral. A elección será en novembro, aínda que o mandato, se o consegue, non comezaría até outubro de 2027. Tempo de sobra, camaradas, para que esta operación de imaxe se coza a lume lento mentres aquí seguimos con salarios de miseria e contratos lixo.
Resulta case cómico —se non fose tan indignante— que quen aspira a presentarse como paladina do «traballo decente» no mundo fose, en España, a principal responsable de manter vivos os piares da Reforma Laboral de 2012: o despedimento libre e barato, a eliminación dos salarios de tramitación, a capacidade empresarial para impoñer condicións sen negociar con ninguén. Os artigos 41 e 82 do Estatuto dos Traballadores, que permiten ao empresariado modificar unilateralmente xornadas e salarios, seguen intactos. CCOO e UGT, fieis ao seu papel histórico de bombeiros do capital, asinaron unha vez máis «logros históricos» que non son senón retoques cosméticos a un edificio que segue en pé tal e como o deixou o rajoísmo.
E mentres tanto, o 30% da clase traballadora en condicións precarias, o desemprego xuvenil rozando a metade dos mozos e mozas, colas da fame e desafiuzamentos. Esa é a España real que Yolanda Díaz deixaría atrás para instalarse en Xenebra cun soldo que multiplica varias veces a súa retribución actual, máis os complementos de representación e vivenda que calquera traballador de Mercadona precisaría toda unha vida para gañar. A socialdemocracia sempre atopa a maneira de premiarse a si mesma mentres predica sacrificio aos de abaixo.
Non é casualidade que ela mesma advertise en Xenebra dunha «OIT en crise». Ten razón, aínda que non no sentido que ela cre: a crise da OIT é a crise de todo o sindicalismo institucional que renunciou á loita de clases para converterse en xestor do «diálogo social» coa patronal, ese eufemismo tan querido por quen fixo carreira negociando a derrota organizada da clase obreira.
Que Trump queira premiar a Infantino coa ONU e o PSOE premie a Yolanda Díaz coa OIT non é contradición: é o mesmo xogo das élites transnacionais repartíndose sillóns mentres o traballo real —o noso, o de cada día, o de quen carga paletas ou ficha quendas de noite— segue sen atopar quen o defenda de verdade.
André Abeledo Fernández

