Marrocos, Israel, Estados Unidos: o verdadeiro rostro dunha traxedia anunciada
Volve ocorrer. Volve repetirse, coma se fose un guión xa escrito de antemán, unha traxedia que xa coñecemos de sobra. Máis de corenta mil persoas intentando cruzar de Marrocos a Ceuta. Vinte e oito mortos, até agora. Familias enteiras, nenos pequenos, menores non acompañados, mozos e mozas sen nada que perder, xogándose a vida por terra e por mar. E mentres tanto, aquí, en Europa, seguimos co mesmo teatro de sempre: finxir sorpresa, finxir que non sabemos por que pasa isto, finxir que non ten explicación.
Pois si que a ten. E xa vai sendo hora de dicila sen medias tintas.
Unha fronteira que se abre cando convén.
Marrocos é unha ditadura. Un réxime sátrapa, cun rei que vive máis en París ca no seu propio país, rodeado dunha corte de corrupción e privilexio mentres o seu pobo malvive sen horizonte nin esperanza. E ese réxime, cada vez que precisa algo de Europa —cartos, silencio, complicidade—, utiliza o seu propio pobo coma arma arroxadiza. Abre a fronteira. Péchaa. Vólvea abrir. Todo segundo a súa conveniencia.
Que ninguén se engane: se Marrocos non o permitise, non pasarían familias con nenos pequenos, non cruzarían menores sós, non o faría ninguén. Sabémolo porque xa o fixo antes. Fáio porque a Unión Europea lle paga por «controlar» as fronteiras, e Marrocos, unha vez cobrado o primeiro chantaxe, sempre pide máis. E controla esas fronteiras, segundo denunciaron organizacións de dereitos humanos, cunha brutalidade que debería avergoñarnos a todos: autobuses levando persoas saharauís ao deserto para abandonalas alí, á súa sorte.
Fuxir da miseria non é un delito.
E que fai ese pobo marroquí? Foxe. Foxe dunha ditadura, dunha sociedade sen futuro, da pobreza, crendo —con razón— que en Europa terá unha vida mellor. E quen non faría o mesmo?
Acaso os nosos avós non cruzaron o océano cara a América co pouco que levaban enriba, fuxindo tamén da miseria? Acaso non emigraron despois a Alemaña e a Suíza buscando o que aquí se lles negaba? Algúns dirán que a Suíza foron con papeis. Pode ser. Pero a América non foron con papeis: foron con fame e coa determinación de non morrer na pobreza. É exactamente o mesmo que fai hoxe o pobo marroquí. A miseria non entende de fronteiras nin de séculos.
Un réxime ao servizo de Israel e Estados Unidos.
E aquí está o que case ninguén se atreve a dicir en voz alta: a ditadura marroquí non está soa nisto. Está sostida, protexida e utilizada por Estados Unidos e por Israel. Por moito que o pobo marroquí sinta como propia a causa palestina, o seu goberno sempre estivo do lado de Israel e de Washington. Abonda con mirar como coloniza o Sáhara Occidental: colonos, un muro, represión, un pobo enteiro condenado ao exilio nos campamentos do deserto arxelino. É, punto por punto, unha copia do modelo de ocupación israelita.
Este é o réxime que non respecta os dereitos da súa propia cidadanía, sostido pola corrupción, cun rei que prefire París, con figuras coma Felipe González mercando mansións no seu contorno —supoño que alí se sentirá máis cómodo—. Este é o réxime ao que a Unión Europea lle paga e lle paga, e que aínda así sempre pide máis por facer o que é, sinxelamente, a súa obriga. Este é o réxime que chantaxeou a España para que recoñecese o Sáhara como marroquí: unha baixada de pantalóns vergonzosa. E este é o réxime que Trump e Netanyahu poden utilizar, cando o precisen, para presionar a Europa e a España.
Covardes dun lado e do outro.
E o máis lamentable é que nin o propio goberno se atreve a chamar as cousas polo seu nome. Todo o contrario: sumisión. E dende a dereita, que tanto presume de patriotismo, a vendepatria é total: non só non sinalan o que está ocorrendo, senón que redobran o sometemento a Estados Unidos, a Trump, a Netanyahu, a Israel e, por extensión, á monarquía sátrapa de Marrocos, que nos chantaxea e nos ataca coa inmigración cada vez que lle convén.
Sinalemos os verdadeiros culpables.
Non lle botemos a culpa ao máis débil. Non lle botemos a culpa a quen foxe da pobreza. Botémosllela a quen converte o seu propio pobo en pobre. A quen trata a súa cidadanía coma mercadoría de negociación. A quen a usa coma arma de chantaxe contra outros gobernos.
Culpa ao goberno de Marrocos. Culpa a Israel. Culpa a Estados Unidos.
Teñamos, dunha vez, o valor de sinalar os verdadeiros responsables, e deixemos de ser tan covardes e tan mentireiros coma para culpar a quen máis sofre en todo este drama. Aquí as grandes vítimas son o pobo marroquí e quen intenta fuxir desa ditadura. E tamén o somos nós, cidadanía europea convertida en refén dun chantaxe permanente.
O verdadeiro culpable, seguramente, está agora mesmo en París: o rei de Marrocos.
André Abeledo Fernández

