Venezuela: a sementeira de Chávez, a lealdade de Maduro e o secuestro de Estado que non imos esquecer
Hai feitos que a propaganda mediática occidental quere converter en anécdota e que, porén, son a clave para entender o século que vivimos. Na madrugada do 3 de xaneiro de 2026, forzas estadounidenses irromperon en Caracas, bombardearon obxectivos militares e civís en varios estados do país, e levaron pola forza ao presidente lexítimo de Venezuela, Nicolás Maduro Moros, e á súa esposa Cilia Flores. Chamárono «operación». Nós chamámolo polo seu nome: secuestro de Estado, acto de guerra, crime contra a soberanía dun pobo.
O espertar dun pobo non se secuestra.
Para entender o que está en xogo hoxe hai que remontarse a 1999, cando Hugo Chávez Frías chegou á presidencia e puxo fin ao entreguismo da IV República, ese período no que as multinacionais saqueaban o petróleo venezolano mentres o pobo se afundía na miseria. Chávez non foi un xestor máis do sistema: foi o catalizador da dignidade de toda América Latina. Transformou o Estado burgués para poñer os recursos naturais ao servizo das maiorías, e as Misións Sociais en educación, saúde e vivenda demostraron, con datos certificados por organismos como a CEPAL e o PNUD, que outra distribución da riqueza era posible. Devolveu o protagonismo político á clase obreira, converteu a democracia representativa en democracia participativa e protagónica, e demostrou que o socialismo non é unha utopía afastada senón unha necesidade urxente para a emancipación dos pobos. Ese atrevemento —poñer o petróleo ao servizo do pobo e non de Wall Street— é o que Washington nunca perdoou nin perdoará.
Nicolás Maduro asumiu a condución do proceso bolivariano no momento máis difícil, cando a dereita internacional e os seus peóns internos xa auguraban a fin inmediata da revolución. Non contaban coa súa lealdade nin coa súa temperanza obreira. Maduro sostivo o legado do comandante fronte a unha guerra multiforme, asimétrica e criminal: bloqueo económico, sabotaxe financeira, intentos de maxinicidio, sancións ilegais, e agora o secuestro máis descarado do século XXI. A súa fidelidade ao proxecto bolivariano non foi retórica: demostrouse na resistencia diaria de todo un pobo baixo asedio, e na súa capacidade de sosteren a paz social e a unidade cívico-militar fronte ao imperio máis poderoso do planeta.
Sancións, asedio e piratería internacional.
O que os medios corporativos chaman «crise venezolana» é, en realidade, o resultado directo dun bloqueo económico criminal. As sancións unilaterais impostas por Estados Unidos e a Unión Europea son delitos de lesa humanidade, deseñados para asfixiar a economía do país e forzar un cambio de réxime pola vía da fame. E cando o bloqueo non abonda, o imperio recorre directamente ao secuestro e á pillaxe: aí está o caso do diplomático Alex Saab, secuestrado ilegalmente polo goberno estadounidense polo único «delito» de conseguir alimentos e medicinas para o pobo venezolano saltándose o bloqueo. Aí está o roubo do ouro venezolano depositado en Londres, retido polo Banco de Inglaterra contra toda legalidade. Aí está o embargo de CITGO, empresa propiedade do pobo venezolano, repartida entre acredores coma se dun botín se tratase. Cada un destes episodios desmente a fábula da «preocupación democrática» e confirma o que xa sabiamos: o verdadeiro interese da oposición golpista e dos seus amos estranxeiros sempre foi a pillaxe dos recursos da nación.
A traxedia que os medios queren apagar.
E non podemos esquecer, camaradas, que a isto todo se suma unha traxedia que os grandes medios prefiren silenciar: Venezuela sufriu dous terríbeis terremotos que deixaron a milleiros de familias sen teito, en medio dunha crise humanitaria que non naceu da natureza, senón do bloqueo e das sancións coas que Estados Unidos e os seus satélites mamporreiros o torturaron durante anos. Un país ao que se lle conxelaron os activos, ao que se lle impide vender o seu propio petróleo con normalidade, ao que se lle asfixia o acceso aos medicamentos, chega a calquera emerxencia coas mans atadas por decisión allea. Iso non é fatalidade: é un crime con nome e apelidos. E non podemos permitir que ese sufrimento se apague no silencio mediático, coma se un pobo golpeado pola terra e polo imperio ao mesmo tempo non merecese sequera ser noticia.
Venezuela segue secuestrada, ademais, por un goberno agresor, sen honra, sen principios e sen a mínima empatía: o de Donald Trump, que desde que asumiu de novo a presidencia trouxo sufrimento e morte alí onde puxo a man, e que hoxe exhibe coma trofeo militar ao presidente lexítimo dun pobo que xa sofre abondo cos seus mortos, os seus cascallos e o seu bloqueo.
O crime que occidente chama operación.
A madrugada do 3 de xaneiro deixouno todo claro. Cento cincuenta avións despegando desde vinte bases, semanas de preparación, explosións en Caracas, La Guaira, Miranda e Aragua, o maior complexo militar do país en chamas. Decenas de militares venezolanos e trinta e dous cubanos mortos en combate, segundo recoñeceu o propio goberno de La Habana. Maduro e Cilia Flores sacados dun búnker fortificado e trasladados primeiro a un buque de guerra estadounidense e despois a Nova York. Donald Trump, no seu propio resort de Mar-a-Lago, cualificou a operación como unha das demostracións «máis impresionantes» do poder militar norteamericano en toda a súa historia. Que un xefe de Estado presuma así de ter secuestrado a outro xefe de Estado di máis sobre a natureza do imperio que mil análises académicas.
Ante o xuíz, Maduro mantívose firme: non son culpable, son un home decente, sigo sendo o presidente do meu país. E engadiu o que xa é unha consigna de dignidade revolucionaria: son un prisioneiro de guerra. Así fala un revolucionario. Así fala un home que sabe que non está ante un tribunal de xustiza, senón ante o tribunal do Imperio.
O verdadeiro obxectivo: o petróleo, sempre o petróleo.
Non nos enganemos. Nunca foi a democracia, nunca foron os dereitos humanos, nunca foi o narcotráfico. Trump dixo sen disfrace ningún: Estados Unidos vai «controlar» Venezuela até unha transición á súa medida, e ese mesmo fin de semana reuniuse cos xefes das principais petroleiras na Casa Branca. Falou de explotar o petróleo venezolano «durante moito máis» tempo do que ninguén imaxinaba, de reconstruír o país «dun xeito moi rendible», de que o diñeiro do petróleo entregado polo goberno interino «será controlado por min, como presidente dos Estados Unidos». Que alguén explique en que se diferenza iso do colonialismo máis descarado dos séculos XIX e XX. Baixo presión de Washington, a Asemblea Nacional xa aprobou unha reforma da Lei de Hidrocarburos que abre a porta ás privadas e liquida a participación maioritaria de PDVSA. En menos dun mes, o Imperio desmontou con helicópteros e presión de mercado o que Chávez construíu co suor e a conciencia dun pobo enteiro.
O circo de Manhattan continúa.
E mentres o pobo venezolano conta os seus mortos, reconstrúe o que o bloqueo e os terremotos derrubaron, e ve como o seu petróleo cambia de mans, no Tribunal Federal de Manhattan séguese representando a mesma farsa: Maduro e Cilia Flores comparecendo ante o xuíz Alvin Hellerstein, un maxistrado que sostén, audiencia tras audiencia, unha ficción xurídica que xa se derruba polo seu propio peso. A acusación estrela, a do suposto liderado do «Cartel de los Soles», cae a anacos agora que sabemos que naceu en despachos da CIA e non en ningunha organización criminal venezolana. A OFAC bloquea os fondos que pagarían á súa defensa. Recluído no Centro de Detención Metropolitano de Brooklyn, o mesmo cárcere de capos narcos e terroristas condenados, illado a maior parte do día, con dereito a quince minutos de chamada supervisada coa súa familia. Isto non é un xuízo. É tortura institucional con selo de tribunal federal, a continuación por outros medios do mesmo secuestro que comezou cos helicópteros do 3 de xaneiro.
Curiosa ditadura, a de Venezuela.
Dicían que Venezuela era unha ditadura. Curiosa ditadura onde o pobo votaba máis que en calquera outro país do mundo, onde a oposición se presentaba a eleccións, tiña medios privados, daba ruedas de prensa, pedía sancións contra o seu propio pobo e chamaba abertamente á intervención militar estranxeira. Nunha ditadura de verdade esa oposición estaría morta, en fosas comúns ou no exilio. En Venezuela dedicábase a pedir que o imperio bombardease a súa propia capital. E agora esa mesma oposición aplaude o secuestro do seu presidente e a entrega do petróleo venezolano ás multinacionais yanquis. Que cada quen saque as súas propias conclusións sobre quen amaba Venezuela e quen a vendeu.
A débeda da esquerda de verdade.
E aquí toca falar claro, camaradas, porque non me refiro á esquerda de salón nin aos progres de despacho que aplauden a Venezuela cando toca posar e a abandonan cando toca loitar. Temos coa Revolución Bolivariana unha débeda que non saldamos: décadas resistindo un cerco deseñado para dobregala, e a resposta de boa parte da esquerda institucional foi o silencio cómodo ou a equidistancia covarde entre verdugo e vítima. Manteño unha lealdade inquebrantable ao legado de Hugo Chávez e ao presidente lexítimo de Venezuela, Nicolás Maduro, que segue secuestrado polo goberno terrorista do trumpismo.
Non pasarán.
A detención, o illamento e a coacción dun mandatario electo é a máxima expresión do fascismo internacional administrado polo gran capital. A batalla de Caracas é a batalla de toda a clase traballadora internacional. Onte foi Iraq, foi Libia, foi Siria. Hoxe é Venezuela. Mañá pode ser calquera pobo que decida que os seus recursos son seus e non de Wall Street.
Esiximos a fin do bloqueo. Esiximos a devolución do ouro venezolano retido en Londres. Esiximos a liberdade de Alex Saab e de todo diplomático secuestrado por facer o que o seu pobo necesitaba. Esiximos a liberación inmediata de Nicolás Maduro e Cilia Flores. A democracia en Venezuela será bolivariana ou non será.
¡Non pasarán!
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

