Palestina e o Sáhara: a mesma cadea, dous eslavóns.
Hai unha crise que ocupa portadas, minutos de telexornal, ruedas de prensa. E hai outra que leva medio século soterrada baixo o silencio cómplice de quen debería reparala. Un pobo desterrado no deserto, condenado a existir nas marxes da axenda internacional mentres a súa terra é saqueada por quen a ocupa coa bendición de Occidente.
Cada verán, cando a calor na hamada arxelina se volve insoportable, nenas e nenos saharauís cruzan o Mediterráneo para respirar, para curarse do que nos campamentos de Tinduf non ten cura posible. É a única tregua que lles regala un mundo que, o resto do ano, mira para outro lado. Ese xesto —tan pequeno, tan insuficiente— é tamén a medida exacta da nosa vergoña: seguimos tratando como caridade o que en realidade é unha débeda histórica e unha obriga legal.
Porque España non é unha espectadora inocente neste conflito. España é, segundo o dereito internacional, a potencia administradora de iure do Sáhara Occidental, un territorio que abandonou baixo os bombardeos de fósforo branco e a ocupación militar marroquí tras os Acordos Tripartitos de Madrid de 1975. Marrocos, por moito que insista, non é máis que a potencia ocupante: ningún Estado membro das Nacións Unidas recoñeceu a súa soberanía sobre esa terra. E porén, goberno tras goberno, PSOE e PP alternáronse na mesma sumisión ante o majzén marroquí, esquecendo cada promesa feita desde a oposición en canto chegan á Moncloa. A entrega de 1975 foi unha traizón criminal. A convalidación desa entrega en 2022, cando Pedro Sánchez respaldou o plan de autonomía marroquí a cambio de que Rabat xestionara a fronteira migratoria, foi unha segunda traizón, a enésima.
E esta historia, camaradas, non é un caso illado. É un calco.
A mesma lóxica colonial, distinto acento.
O que Marrocos executa no Sáhara Occidental é a réplica exacta do que Israel executa en Palestina. Dous muros: o de máis de dous mil quilómetros que separa o pobo saharauí da súa terra desde 1987, e o que fragmenta Cisxordania en checkpoints e colonias ilegais. Dúas ocupacións sostidas pola impunidade máis absoluta ante decenas de resolucións da ONU acumulando pó nos arquivos. Dous pobos sometidos a detencións arbitrarias, torturas, execucións extraxudiciais, mentres as grandes potencias arman, financian e protexen ao ocupante.
Cando un pobo vive baixo leis distintas segundo a súa orixe étnica, cando se lle nega a auga, a terra, a liberdade de movemento e o control dos seus propios recursos, ese sistema ten un nome: apartheid. Dixérono xuristas, relatores das Nacións Unidas, organizacións de dereitos humanos de prestixio internacional. Non é unha consigna. É unha descrición.
E o espolio, ademais, é política de Estado en ambos os casos. Mentres en Cisxordania se arrincan oliveiras para erguer colonias, no Sáhara os caladoiros máis ricos do Atlántico e os fosfatos do subsolo repártense entre empresas europeas coa bendición de Rabat —e coa complicidade activa dunha Unión Europea que asina acordos pesqueiros incluíndo augas saharauís, algo que o propio Tribunal de Xustiza da UE tivo que corrixir en repetidas ocasións. Os recursos do pobo saharauí deben ser xestionados polo pobo saharauí. O contrario é condenar á pobreza a quen loita pola súa independencia.
Un pobo que nunca se axeonllou.
Desde o alto o fogo de 1991, o pobo saharauí vive partido en dous: unha parte secuestrada, vixiada e reprimida no territorio ocupado; outra exiliada no deserto arxelino, sobrevivindo grazas á cooperación internacional mentres esa mesma cooperación se reduce ano tras ano. Máis de cincocentas persoas desaparecidas, fosas comúns, torturas, violacións, unha Intifada pacífica en 2005 respondida con asasinatos e xuízos sen garantías. E aínda así, a Fronte Polisario soubo sosterr un goberno no exilio, un exército, unhas institucións, o control dunha cuarta parte do territorio saharauí. Un pobo masacrado e abandonado que xamais se rendeu.
Non existe simetría posible entre o ocupante que dispón de tanques, muros e bombas de fósforo branco, e o pobo que resiste ao seu propio borrado. A resistencia fronte á ocupación colonial é un dereito recoñecido polo dereito internacional —fóino en Alxeria, en Vietnam, en Sudáfrica, e éo hoxe en Palestina e no Sáhara.
A autodeterminación non se negocia.
O dereito dos pobos a decidir o seu propio destino está na Carta das Nacións Unidas, no Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos, en decenas de resolucións da Asemblea Xeral. Non hai «contexto xeopolítico» que o anule. Os saharauís levan medio século agardando o referendo que a ONU lles prometeu e que Marrocos, co respaldo de Occidente, bloquea sistematicamente. Os palestinos levan décadas esixindo o mesmo. En ambos os casos, o poder responde igual: dilatar, criminalizar, chamar terrorismo a quen se nega a desaparecer.
Como comunistas, como internacionalistas, como clase traballadora, non podemos ser cómplices dese silencio. A liberdade dun pobo non se subasta ao mellor postor imperialista. Palestina libre, Sáhara libre: non son consignas baleiras, son a medida de se de verdade cremos na xustiza e na dignidade de todos os pobos do mundo.
Desde Galiza, a nosa obriga é sinalar aos traidores de sempre, romper o bloqueo informativo e poñérmonos, ombro con ombro, xunto á Fronte Polisario e xunto a Palestina. Iso, e ningunha outra cousa, é o internacionalismo.
Até a vitória sempre!
André Abeledo Fernández

