A Cuba non deixan pasar nin as xiringas: o bloqueo xenocida cébase agora coa axuda humanitaria
Hai que dicilo con toda a claridade da que sexamos capaces, camaradas: cando un imperio impide que cheguen xiringas a un hospital, cando impide que cheguen alimentos e medicinas a un pobo, ese imperio deixou de disfrazar a súa crueldade. Espila.
Acábase de coñecer que decenas de contedores con axuda humanitaria destinada a Cuba permanecen retidos en portos do Caribe. Entre os casos denunciados hai dúas cargas saídas desde Cataluña e Madrid: unha con bens de primeira necesidade, outra con tres millóns e medio de xiringas destinadas a Santiago de Cuba. Ambas as dúas bloqueadas non por un tribunal, non por unha lei aprobada democraticamente en ningún parlamento do mundo, senón polo medo das navieiras ás represalias de Washington. Ese é o verdadeiro rostro do bloqueo: nin sequera fai falta que os EEUU movan un dedo directamente, abonda con que o terror extraterritorial das súas sancións paralice a empresas privadas de medio mundo para que a solidariedade quede secuestrada nun peirao.
E non é un caso illado, camaradas. As organizacións que o denuncian son claras: miles de contedores con medicamentos, alimentos e subministracións esenciais seguen varados na rexión. Miles. Mentres tanto, nos hospitais cubanos, as listas de espera cirúrxica acumúlanse, a mortalidade infantil medra, e unha xiringa —unha simple xiringa, camaradas, o obxecto máis humilde e elemental de toda a medicina— convértese en munición de guerra económica retida nun contedor por medo a unha sanción do Tesouro estadounidense.
Que quede gravado a lume: non é a ineficiencia do socialismo cubano o que impide que esa axuda chegue a Santiago de Cuba. É o imperialismo yanqui, coa súa maquinaria extraterritorial de sancións, extorsionando a navieiras europeas para que nin sequera se atrevan a transportar xiringas. Ese é o nivel de sadismo ao que chegou o bloqueo baixo a administración Trump: xa non abonda con asfixiar o comercio directo coa illa, agora esténdese o brazo do imperio para impedir que nin a caridade máis elemental chegue ao seu destino.
Grazas, Cuba socialista, polo teu exemplo de solidariedade e resistencia. Apoio a Cuba socialista e ao pobo cubano, á decisión firme dun pobo valente que se negou, hai máis de sesenta anos, a volver ser o patio traseiro dos Estados Unidos, nin o seu casino, nin o seu prostíbulo. Admiro a heroica resistencia dun pobo sometido ao bloqueo máis brutal e ilegal da historia contemporánea, un bloqueo que pisa ano tras ano todas as resolucións dos organismos internacionais, e que só conta coa complicidade dun réxime: o xenocida Estado de Israel.
Aplaudo a defensa que fai o pobo cubano da súa soberanía, pero tamén o seu exemplo internacionalista e solidario para cos pobos do mundo. Aí está o seu papel imprescindible na derrota do apartheid en Angola, unha vitoria que arrastrou consigo a independencia de Namibia e acelerou a fin do propio apartheid sudafricano. Aí están as súas incontables brigadas médicas, salvando vidas neste mesmo intre en recunchos do planeta que o capitalismo occidental decidiu abandonar á súa sorte.
Fidel Castro foi, en efecto, un tremendo ditador: o ditador que resistiu ao imperio máis armado e agresivo que coñeceu a humanidade co único respaldo do seu pobo; o ditador que invadiu o Terceiro Mundo con médicos e non con soldados; o ditador que abriu as súas universidades aos pobos oprimidos do planeta, e aí están os médicos saharauís para dar fe diso; o ditador que xamais permitiu que un só neno cubano durmise na rúa; o ditador da educación universal e gratuíta; o ditador que puxo a sanidade —dentista incluído— ao alcance de todos e sen custo ningún. Que barbaridade, camaradas, canto dano lle fixo Fidel ao capitalismo.
Cero por cento de analfabetismo. Cero desafiuzamentos. Cero desnutrición infantil. Un país sen fosas comúns nin cargas antidisturbios contra o seu propio pobo. Ese é o legado que Washington leva máis de sesenta anos intentando estrangular, e que agora, con Trump á fronte, recrudece até o extremo de bloquear xiringas doadas pola solidariedade catalá e madrileña.
Porque non nos enganemos: os Estados Unidos converteron o seu control sobre o sistema financeiro global nunha arma. Usan os mecanismos comerciais, as navieiras, os seguros, a banca internacional, como instrumentos de sometemento para quebrar o que resta das conquistas sociais cubanas. Xa non lles abonda con impedir o comercio directo coa illa: agora esténden o seu brazo extraterritorial até obrigar a empresas de terceiros países, nin sequera estadounidenses, a escoller entre o medo a Washington e a solidariedade cun pobo que agoniza baixo apagóns de vinte e dúas horas.
Fronte a este ataque brutal e inhumano contra a axuda humanitaria, resulta indispensable articular unha resposta política antiimperialista internacional en defensa do pobo cubano e dos dereitos humanos que están a ser pisados en Cuba, en Venezuela, en Palestina e no mundo enteiro. A solidariedade non pode quedar retida nun porto por medo a unha sanción. Esiximos a liberación inmediata de toda a axuda humanitaria varada no Caribe. Esiximos á comunidade internacional que deixe de normalizar esta práctica criminal.
Viva Cuba libre e socialista. Abaixo o bloqueo xenocida.
Até a vitoria sempre ✊
André Abeledo Fernández

