Fidel Castro: semente de amenceres.

0

Fidel Castro: semente de amenceres.

Camaradas, esperteime cedo aquela mañá e ás seis xa sabía que Fidel Castro morrera. Invadiume unha certa melancolía, aínda que non fose noticia sorprendente: o Comandante xa tiña idade de se converter en semente de lenda. O primeiro que me saíu de dentro colgueino nas redes, algo simple e espontáneo, como saen as cousas cando o sentimento é sincero.

O 1 de xaneiro de 1959 triunfaba en Cuba unha das revolucións máis incribles da historia da humanidade. Foi, a pesar da súa violencia —como calquera revolución armada—, unha revolución chea dun certo romanticismo. Un puñado de valentes, apenas catorce supervivintes do desembarco do Granma, onde viaxaban menos dun cento, emboscados e masacrados polo exército nada máis pisar terra, conseguiu en poucos anos o que parecía imposible: derrotar completamente un exército moderno e arrincar a rendición incondicional dunha ditadura financiada polo país máis poderoso do planeta. Unha guerrilla escasa e mal armada que ía arrincándolle os seus propios fusís ao inimigo acabou dobregando un exército profesional.

Non foi un milagre. Foi o pobo. A maior parte dos soldados de Batista non tiña espírito combativo, e o pobo cubano, cando non apoiaba directamente os barbudos, como mínimo miraba con simpatía. Sen esa complicidade popular, sen a acción conxunta da guerrilla, o movemento obreiro e o campesiñado, aquel fito histórico tería sido imposible. Os pobos do mundo aprenderon daquela unha lección que os de arriba nunca esqueceron: pódese vencer militarmente un exército profesional cando a clase traballadora se organiza e combate unida. Desa lección nutríronse despois revolucións e guerrillas por toda América e por todo o mundo.

O legado que tanto doe ao capitalismo.

Fidel Castro foi, din, un tremendo ditador. Un tremendo ditador que invadiu con médicos o terceiro mundo en vez de con bombas. Un tremendo ditador que abriu as súas universidades a todos os pobos oprimidos —os médicos saharauís sábeno ben—. Un tremendo ditador que nunca permitiu que un só neno cubano durmise na rúa. Un tremendo ditador que deu educación universal e gratuíta a todo o seu pobo, cun 0% de analfabetismo. Un tremendo ditador que puxo a sanidade cubana entre as mellores do mundo, gratuíta ata o dentista. Que barbaridade, camaradas, canto dano lle fixo Fidel ao capitalismo.

Cuba é hoxe un país sen desafiuzamentos, sen desnutrición infantil, coas necesidades básicas de toda a súa poboación cubertas. Un país que soporta un embargo de máis de sesenta anos e que, aínda así, cumpre co seu deber internacionalista: exporta médicos, non armas. Un país sen fosas comúns, sen cargas de antidisturbios contra o seu propio pobo. Unha terrible ditadura, en efecto, a que investe en sanidade e educación en vez de en portaavións.

Angola, Namibia, Sudáfrica: o internacionalismo feito óso e sangue.

Cuba non se limitou a defender a súa soberanía. Converteuna en solidariedade activa cos pobos do mundo. O seu papel foi decisivo na derrota do apartheid en Angola, unha vitoria que arrastrou consigo a independencia de Namibia e acelerou a fin do propio apartheid en Sudáfrica. Foi o propio Nelson Mandela quen recoñeceu, persoal e publicamente, que grazas a Cuba Socialista caera o apartheid sudafricano. Non foi un xesto simbólico: foi sangue cubano derramado pola liberdade dun pobo que non era o seu. Iso, camaradas, é internacionalismo proletario, non propaganda.

Medio século de bloqueo e nin unha soa fosa común.

 VcNingún país soportou xamais un bloqueo económico como o que Estados Unidos impón a Cuba desde hai máis de sesenta anos, declarado ilegal ano tras ano en Nacións Unidas, que deixou a Washington na máis absoluta soidade internacional cun único apoio constante: o do xenocida réxime de Israel. O recrudecemento dese bloqueo criminal baixo o goberno de Donald Trump convérteo, sen esaxerar unha coma, nun bloqueo xenocida. Estados Unidos utiliza o seu control sobre o sistema financeiro global, os seus mecanismos comerciais e as súas sancións ilegais como armas para someter Cuba e quebrar o que queda das súas conquistas sociais.

Fronte a este ataque brutal e inhumano resulta indispensable articular unha resposta política antiimperialista internacional en defensa do pobo cubano e dos dereitos humanos que se pisan en Cuba, en Venezuela, en Palestina e no mundo enteiro.

Quen chora e quen celebra.

Comandante, os que quixeron matarte mil veces celebraron a túa partida coma se fose unha vitoria. Mediocre vitoria: fuches cando quixeches, sen pedir permiso, arroupado polo amor do teu pobo e chorado polos pobos do mundo enteiro, mentres a nós deixáchesnos arroupados por líderes de cartón pedra que se destinguen coa choiva e co tempo, eses mesmos elementos que aos líderes verdadeiros vos fan medrar.

Agora os medios de desinformación a nivel mundial comezarán, como sempre, unha nova campaña de difamación, de desprestixio, de satanización da túa persoa e do teu legado. De nada lles servirá, Comandante, porque o pobo nunca esquece a quen o quixo ben, e xa formas parte da memoria colectiva da clase obreira. Como lle dixeches a Oliver Stone: Cuba é unha pequena illa e unha gran revolución.

Camarada, volverás nacer cada mañá, en cada fábrica, en cada casa. Nacerás nas guerrillas e nas folgas. Naciches para ser millóns.

Até a vitoria sempre

 

André Abeledo Fernández

SIN COMENTARIOS

DEJA UN COMENTARIO (si eres fascista, oportunista, revisionista, liberal, maleducado, trol o extraterrestre, no pierdas tiempo; tu mensaje no se publicará)

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.