Guerra híbrida? Falemos entón dos Estados Unidos e Israel
Camaradas:
A Unión Europea fala de «guerra híbrida» rusa. Alemaña e España, obedientes coma sempre aos amos de Bruxelas e Washington, repiten o mantra sen ruborizarse. E un pregúntase, coa paciencia que dá ter pasado dezaoito anos tras un mostrador, aturando xefes e políticos da mesma calaña: de que falan exactamente?
¿Guerra híbrida, din?
Refírense ao secuestro de mandatarios de países soberanos, aos magnicidios planificados en despachos de Langley, aos bloqueos xenocidas que levan décadas asfixiando Cuba e Venezuela? Falan das sancións criminais que matan máis ca as bombas, das guerras ilegais que arrasaron Iraq, Libia e Siria? Refírense ao terrorismo de Estado, ás ameazas constantes de intervención militar, aos aranceis impostos por Trump coma se o mundo fose o seu patio traseiro?
Falan estes mandatarios vendepatrias do desprezo absoluto pola legalidade internacional, polos dereitos humanos e polas institucións que eles mesmos pisotean cando non lles convén? Denuncian acaso o uso sistemático das redes sociais e dos grandes medios para sementar odio, racismo, xenofobia e mentiras, buscando sempre un cabeza de turco que tape os seus propios crimes? Están a falar da espionaxe a países «aliados», como quedou probado coa NSA, ou do uso perverso da migración para desestabilizar fronteiras cando lles interesa?
A hipocrisía non ten límite
Non, camaradas, non creo que sexa iso o que entenden por guerra híbrida. Porque, se fose así, estarían a sinalar os Estados Unidos e Israel, non Rusia.
A hipocrisía dos lacaios do imperio, dos lambecús do sionismo internacional, dos servos do trumpismo e dos vendepatrias que gobernan Europa non coñece límites. Xa non lles queda dignidade. Nin patriotismo. Nin sentido común. Nin sequera sentido do ridículo.
Mentres Gaza é arrasada con bombas pagadas e fabricadas en Occidente, mentres Cuba resiste un bloqueo que a ONU condena ano tras ano case por unanimidade, mentres Venezuela sofre o saqueo dos seus recursos baixo ameaza permanente, os mesmos que calan ante eses crimes ráchanse as vestiduras falando de Rusia.
É a vella fórmula do imperio: acusar o adversario daquilo que un mesmo comete a diario, con total impunidade.
A clase traballadora non pode deixarse enganar por este relato. Detrás da expresión «guerra híbrida» agóchase a necesidade de xustificar o rearmamento europeo, de preparar a opinión pública para novos recortes sociais disfrazados de «gasto en defensa» e de desviar a atención dunha crise que eles mesmos contribúen a provocar coa súa submisión ao capital financeiro e a Washington.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

