Trump afúndese nos Estados Unidos e aquí queren vendernos o trumpismo como futuro
O trumpismo afúndese na súa propia casa
Faltan poucas semanas para as eleccións de medio mandato nos Estados Unidos e o panorama para Donald Trump é, como mínimo, vertixinoso. As enquisas levan meses dicindo o mesmo: a súa aprobación ronda o 37-39 %, o rexeitamento á súa xestión alcanza máximos desde que se formula esta pregunta e os demócratas aventaxan os republicanos na papeleta xenérica entre 6 e 9 puntos, segundo a sondaxe. Mesmo en estados que Trump gañou con folgura en 2024, como Texas, Ohio, Alasca ou Iowa, hai unha batalla aberta.
E o máis elocuente: os propios candidatos republicanos comezan a marcar distancias con el. Saben que o seu nome xa resta máis do que suma. Cando o presidente lles pide que voten «como se el estivese na papeleta», moitos dos seus pensan o contrario: canto máis lonxe del, mellor.
Un fracaso no económico e no social
Trump prometeu prosperidade, emprego e prezos máis baixos. O que chegou é outra cousa: a inflación, o emprego e a sanidade encabezan as preocupacións da xente, e é precisamente neses ámbitos onde a súa aprobación é máis baixa. Os republicanos perderon mesmo a súa vella vantaxe como «mellor partido para a economía». No ámbito social, o balance é un retroceso de dereitos, unha persecución sistemática das persoas migrantes e un país cada vez máis crispado e desigual.
A isto súmase o peor: as guerras. Guerras comerciais, guerras sociais e guerras reais que sempre pagan os mesmos: a clase traballadora. Non é só que non mellore a vida da xente, senón que, ademais, a empeora.
E mentres tanto, aquí, á contramán
Neste panorama, co trumpismo perdendo terreo na súa propia casa, resulta que aquí, no Estado español, quen bebe desa mesma fonte perfílase para gañar as eleccións. En serio? Parece que imos sempre a destempo, sen mirar cara a onde sopran os ventos da historia. Cando o modelo fracasa alí onde naceu, aquí hai quen nolo quere vender como o futuro.
É unha mágoa que, como pobo, nos falte esa visión global: a capacidade de entender o que ocorre ao noso redor e o que está en xogo no ámbito xeopolítico.
Os que se axeonllaron
Feijóo, Abascal e Ayuso fixéronlle a ola a Trump e a Netanyahu, sobre quen pesa unha orde de detención internacional, mentres calaban ante as agresións que chegaban desde o Washington trumpista e desde o Israel xenocida. Pregáronse e axeonlláronse ante uns poderes fácticos que tentaron impoñerse pola forza. Iso ten un nome: vendepatrias.
Trump pasará á historia como un dos peores presidentes dos Estados Unidos e como un dos mandatarios máis ridículos do noso tempo, xunto con outros como Milei e con quen aspira a imitalos aquí. E, cando o proxecto se esgota, tamén caen os que se apoiaron nel.
Espertar a tempo
Que non nos pase o de sempre. Que non demos o paso de apoiar a quen estivo unha e outra vez en mans de Trump e Netanyahu. O trumpismo non serve, non vale: non mellora a vida da xente, senón que a destrúe. Oxalá espertemos a tempo e vexamos onde estamos.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

