Estados Unidos si paga os traidores, pero, cando xa non os necesita, desprézaos
María Corina Machado quéixase de que o Goberno de Donald Trump a exclúe das conversas sobre Venezuela. Di o refrán que Roma non paga traidores. Neste caso, non podemos dicir o mesmo: Estados Unidos si pagou os seus traidores, e pagounos moi ben.
Os traidores ben pagados
María Corina Machado, Guaidó, Leopoldo López… Toda esta xente recibiu moito diñeiro polo traballo que fixo para que Estados Unidos acabase controlando o petróleo venezolano. Simplemente, non cumpriron coas expectativas de Washington e agora xa non os necesitan. Despois de usalos, prescinden dos seus servizos. E ela non ten motivos para queixarse.
O Nobel da vergoña
Recibiu un Nobel totalmente inmerecido despois de pedir sancións, embargos, bloqueos, intervencións militares e sabotaxes contra o seu propio pobo, para que o pasase mal, para que morrese de fame ou por falta de atención médica e acabasen rendéndose. E, malia todo iso, concedéronlle o Nobel da Paz da vergoña. Diso non se recuperará, por moito que agora o Nobel intente premiar persoas que realmente o merezan.
Unha ferramenta, non unha lideresa
Quizais ela se creu o personaxe de lideresa, pero nunca o foi: era unha ferramenta de Estados Unidos. Agora que prescinden dela, protesta e patexa, despois de lle regalar a súa medalla a Donald Trump. Cría que Washington lle debía algo, cando en realidade é todo o contrario.
O desprezo cara a ela e cara á oposición venezolana é clarísimo. Normalmente, os vendepatrias son desprezados por todo o mundo, e chega un momento en que ninguén quere ter preto un traidor, nin sequera quen lle pagou por traizoar a súa patria. Tócalle o ostracismo político e a irrelevancia internacional, por moito Nobel que lle concedesen. Nin Trump nin Marco Rubio queren saber nada dela.
O único que importaba era o petróleo
A Estados Unidos, e tamén aos países occidentais, o único que lles interesaba era a riqueza de Venezuela: o seu petróleo. O pobo venezolano non lle importaba absolutamente a ninguén. Se durante un tempo se lles deu un trato especial e se lles concederon permisos de residencia por seren considerados perseguidos políticos, foi simplemente unha maneira de atacar o Goberno chavista.
Usados e desbotados
Unha vez que xa non os necesitan, os venezolanos son tratados en Estados Unidos como o peor do peor: perseguidos máis ca os de calquera outra nacionalidade e expulsados do país. En Europa tamén lles pecharon a billa, porque xa os utilizaron.
A oposición xa fixo o seu traballo, xa vendeu a súa patria e xa contribuíu a que Venezuela perdese a súa soberanía. E hoxe xa non lle importa a ninguén.
Até á vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

