Se non podes sumar, polo menos non veñas estorbar
Nas eleccións autonómicas galegas de 2024, Sumar e Podemos xuntos, ou o que foran daquela, porque xa non se sabe nin como se chaman, non chegaron nin aos 34.000 votos. Un resultado irrelevante que demostra que non teñen tecido social, nin base, nin tirón na sociedade galega. E sábeno perfectamente, porque os datos están sobre a mesa.
Xenerosidade, si; pero con estratexia
Cando falan de xenerosidade, de frear o fascismo e de que o importante é parar a ultradereita, estou de acordo. Pero para iso fai falta unha estratexia que non se basee nos intereses dun partido ou dunha organización, senón nos da sociedade, da clase traballadora e da maioría social. E o interese desa maioría hoxe é moi concreto: que o 29 de novembro non saia das urnas un Goberno do PP e Vox.
Deixar de estorbar
En Galiza, para acadar ese obxectivo, o que hai que facer é deixar de estorbar, deixar de molestar e deixar de inventar siglas novas en cada elección, e menos aínda nestas. Hai que permitir que sexa o Bloque quen se presente en toda Galiza, porque é quen ten posibilidades reais, e pedir o voto para esa opción precisamente para frear o fascismo e esa ultradereita que din querer combater. Todo iso sen pensar nos intereses persoais, nos da propia organización nin nos do partido.
O discurso que se desmonta só
Porque din que isto está moi por riba das siglas, e é verdade. O que non é verdade é que o pensen de verdade. Cando inventas unha sigla nova, unha fronte ampla ou como lle queiras chamar, para te presentares a unhas eleccións sabendo que vas ser irrelevante e, peor aínda, que vas restar, que vas ser un estorbo e que lle vas dar máis posibilidades ao PP e a Vox de chegaren ao poder, aí desmóntase todo o teu discurso.
Non se pode presentar unha candidatura en Galiza, nin tampouco en Euskadi, sabendo que o resultado vai ser moi malo e que vai restar votos ás opcións que realmente poden frear a ultradereita, para despois vir dar leccións de nada.
Os mesmos de sempre, con outro nome
Estorbar e restar: eses non son a esquerda estatal nin a galega. Son os sinvergoñas de sempre, os mesmos que cambian de nome en cada elección, pero nunca de caras. Unha panda de caraduras que din unha cousa e fan outra, cada vez máis residuais en cada convocatoria electoral. Moito dicir que o importante é frear o fascismo, pero, en canto ven un escano e a posibilidade de vivir da política, esquécense da clase traballadora e dos seus verdadeiros problemas. Por iso non teñen a menor autoridade moral.
En Galiza, onde non representan nada máis ca unha resta e un signo negativo, o coherente, o útil, sería apartarse e pedir o voto para o BNG. Pero non se lle poden pedir peras ao ulmeiro, nin responsabilidade histórica aos oportunistas.
Concentrar o voto
Por iso, espero que os galegos e as galegas entendan que hai que concentrar o voto. Que en Galiza o útil, se es de esquerdas, é concentrar o voto no BNG e non deixarse enganar por ninguén, nin sequera por quen di o mesmo ca min e remata facendo xusto o contrario.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

