Broncano acepta a chantaxe de Abascal e cárgase o seu programa
«Se nunha mesa hai un nazi e dez persoas que o respectan, nesa mesa hai once nazis». #LaRevuelta
O que xa sabiamos.
David Broncano demostrou o que xa sabemos: que non é xornalista. Pero tamén demostrou algo que algúns aínda non querían ver: que tampouco é un cómico valente. Véndese como o irreverente que se ri de todo e de todos, pero, á hora da verdade, cando tocaba plantarse, encolleuse.
A mentira da obriga.
Contáronnos que Broncano estaba obrigado a convidar a Abascal. É falso e, se o dixo el, mentiu. A Xunta Electoral Central obriga os informativos a dar a cada partido o tempo que lle corresponde, pero non os programas de entretemento. Xa o deixou claro en 2023, cando VOX quixo forzar El Hormiguero a entrevistar a Abascal: un programa de entretemento non pode someterse ás mesmas limitacións que os espazos de información electoral. Broncano convidou os candidatos porque quixo, fixo o anuncio co seu sorriso de sempre e agora quérennos vender que non había alternativa. Pódese dicir que non. Pódese aguantar o pulso, fronte a VOX e fronte á canle. O que non se pode é agocharse detrás dunha suposta obriga para tragar co que non se debe tragar.
E tampouco hai obriga ningunha de cambiar o formato nin o público do programa por convidar un político. Pedro Sánchez pasou por La Revuelta o 22 de outubro, en plena precampaña, e o programa foi o de sempre, co público de sempre. O presidente do Goberno non esixiu ningún casting. VOX si, segundo se publicou. Aí está a diferenza: non no programa, que foi igual para todos, senón en quen precisa que o aplaudan por contrato.
O casting do fachapobre.
Segundo se publicou, VOX negouse a acudir ante un público que consideraba hostil e esixiu elixir quen se sentaba nas bancadas. É dicir, o primeiro político que pisa o programa de Broncano e pide cambiar o público para que lle fagan de palmeiros. Un casting de fachapobres para aplaudirlle ao señorito. E o peor non é a esixencia do fascista, que é o que fai sempre: o peor é que o programa a aceptase. Cancélase a participación do público de sempre, grábase en «condicións distintas» e todos tan contentos. Iso non é neutralidade: é pregarse.
O público habitual xa estaba convidado, tiña a súa praza confirmada e forma parte do programa, participando activamente desde os primeiros minutos. Non é decorado: é parte do formato. Ao cambiar o público e o formato, fíxose un programa á medida do candidato da ultradereita, Santiago Abascal. Un trato de favor que non recibiu nin o presidente do Goberno nin ningún dos convidados que pasaran antes polo programa e que converte a suposta igualdade de trato nun traxe á medida.
Un público de casting, curiosamente, todo de VOX.
E o resultado foi o que cabía esperar. O público «de casting» resultou ser, curiosamente, todo de VOX e recibiu a Abascal ao berro de «presidente» e coa expresión «blanco y en botella es leche». Velaí o resultado: a televisión pública, o programa que presumía de irreverente, convertido nun mitin con claque e consigna racista incluídas. Iso non é froito da casualidade: é consecuencia de ceder a bancada. Quen regala o público regala o programa.
Covarde co público, covarde co micrófono.
Abascal, o que vai de valente polos mítines, non se atreve a sentar diante de xente que non pensa coma el. Esixe unha claque á medida. Ese é o patriota de peito inchado: precisa que o aplaudan por contrato. E Broncano, en lugar de lle dicir que, se quere sofá, veña co público que hai, ábrelle a porta e esténdelle a alfombra.
Que ninguén dea oído ao fascismo.
Que ninguén lle dea oído ao fascismo. Apaguemos a tele ou poñamos un documental de animais: calquera cousa nos resultará máis proveitosa que escoitar un ignorante de todo cuspir o seu odio, os seus bulos e as súas mentiras. O odio non se desactiva dándolle minutos de máxima audiencia e un plató con confeti. Combátese negándolle o altofalante e organizando a clase traballadora.
Para min rematou.
Nin sen público nin con público. Non volverei ver un programa no que Fachascal impón as súas condicións para soltar as súas parvadas e sementar o seu odio, froito da súa profunda ignorancia e da súa absoluta falta de empatía. Broncano, para min, rematou.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

