Sete millóns «non son nada»

Publicado:

Noticias populares

Sete millóns «non son nada»

 Alberto Núñez Feijóo foi a un podcast falar de vivenda e deixou unha frase que retrata toda unha clase social: sete millóns de euros, en España, «se iso non é nada». Falaba do ático de Chamberí que a empresa pública Planifica Madrid mercou o 14 de abril por 6,3 millóns de euros. Diñeiro público. Para a presidenta Ayuso.

 Un ático que non pode ser unha oficina.

 A versión oficial di que é un inmoble destinado a oficinas provisionais. Pero o planeamento urbanístico de Madrid só permite oficinas en determinadas plantas, como a baixa ou a primeira, e a planta ático queda fóra. É unha vivenda de luxo, con cualificación residencial. Ata o propio Feijóo tivo que admitir que Patrimonio debería explicar por que se mercou un ático que non pode utilizarse como oficina. E despois, diante do micrófono, escapóuselle que iso son cartos de peto.

A xustiza xa mira.

Esta mesma semana, o Tribunal de Contas acordou investigar a operación ao apreciar indicios dun gasto de 6,3 millóns de euros sen xustificación legal e un posible prexuízo para os fondos públicos. Unha compra sen memoria xustificativa e con sospeitas de sobreprezo. Ayuso, mentres tanto, preferiu non dar a cara e poñer o ático á venda.

Vivir sempre do diñeiro de todos.

Para entender por que sete millóns non son nada para Feijóo, hai que mirar de onde lle vén o soldo. Entrou como funcionario da Xunta en 1985 e, desde 1991, encadea cargos políticos: secretario xeral na Consellaría de Sanidade, presidente do Insalud, presidente de Correos, conselleiro, vicepresidente e, durante trece anos, presidente da Xunta. Hoxe lidera o PP. Toda a súa traxectoria profesional coñecida estivo vinculada a cargos remunerados cos impostos da cidadanía. Unha vida enteira cobrando da caixa común explica, quizais, que saiba contar millóns, pero non o que custa gañalos. Ese diñeiro non sae do seu esforzo. Sae do esforzo das traballadoras e dos traballadores deste país.

E non é o único do seu bando. Santiago Abascal encadea cargos públicos desde 1999 —concelleiro, asesor na Subdelegación do Goberno, parlamentario vasco e director da Axencia de Protección de Datos de Madrid— antes de fundar Vox, un partido que en 2025 recibiu uns 12 millóns de euros de financiamento público. É diñeiro do partido, non seu, pero segue a ser diñeiro de todos.

Currantes e «jetas»

O 16 de outubro, en Toledo, prometeu que durante toda a campaña non se dirixiría «aos jetas», senón só aos currantes. É o mesmo Feijóo que, en xullo, ante os empresarios vascos, chamou «cancro» ás baixas laborais, sostivo que todo absentismo por riba do 4 ou 5 % agocha unha enorme porcentaxe de fraude sen achegar un só dato e propuxo que quen está de baixa cobre menos. Divide o país entre «currantes» e «jetas», pon baixo sospeita a quen enferma e, ao mesmo tempo, parécelle unha miudeza un ático de luxo pagado por todos.

A aritmética da clase.

Fagamos contas, que aos de abaixo sempre nolas piden. Unha persoa que cobra mil euros ao mes en catorce pagas tardaría cincocentos anos en gañar sete millóns de euros. Cincocentos. Para quen se levanta ás cinco da mañá para repoñer, cobrar nunha caixa ou descargar un camión, esa cifra representa unha vida enteira e mais a dos seus bisnetos. Para Feijóo, non é nada.

Un problema, unha ferramenta menos.

Cando un país ten un problema grave, o normal é crear ferramentas para resolvelo: ministerios, plans e orzamentos. Feijóo fai o contrario. Anuncia que, se goberna, eliminará o Ministerio de Vivenda, cando a vivenda leva vinte e un meses consecutivos sendo o principal problema do país e, segundo o último barómetro do CIS, o 55,7 % da cidadanía sinala esta cuestión como tal. Anuncia tamén que eliminará o Ministerio de Igualdade, que, entre outras cousas, ten a responsabilidade de combater a violencia machista: decenas de mulleres asasinadas cada ano por homes que as consideraban da súa propiedade. Unha lacra que hai que erradicar dunha vez por todas.

Dous problemas, dúas ferramentas que se eliminan. Esa é a súa idea de gobernar: non resolver os problemas, senón desmontar o que serve para afrontalos. E, mentres tanto, sete millóns nun ático de luxo parécenlle unha miudeza. A vivenda non é unha prioridade para quen a ve como un negocio ou como un privilexio. Para a clase traballadora é o teito baixo o que vivimos, e cada vez cústanos máis pagalo.

Iso é a loita de clases: uns deciden que é «nada» e outros pagamos esa nada cos nosos impostos.

 

Até a vitoria sempre!

 

André Abeledo Fernández

DEJA UN COMENTARIO (si eres fascista, oportunista, revisionista, liberal, maleducado, trol o extraterrestre, no pierdas tiempo; tu mensaje no se publicará)

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Últimas noticias

Siete millones «no son nada»

Siete millones «no son nada» Alberto Núñez Feijóo fue a un pódcast a hablar de vivienda y dejó una frase...

Le puede interesar: