Votar a quen che destrúe a sanidade
Calquera que tentase nos últimos meses conseguir unha cita co seu médico de cabeceira en Galiza sabe do que falo. O SERGAS é un desastre, e non o digo desde a trincheira ideolóxica, dígoo desde a sala de espera.
Listas de espera para entrar nas listas de espera
Chamas ao centro de saúde e non hai oco. Así que acabas en urxencias, que rebentan precisamente porque a atención primaria non dá abasto. As probas e as operacións mídense en meses e, a miúdo, en anos. E cando a espera se pasa da raia, ofrécenche operarte nun hospital privado concertado, é dicir, con diñeiro público en mans de fondos de investimento, estranxeiros ou nacionais, que descubriron que enfermar é un negocio magnífico.
Os propios datos oficiais retratan o cadro: segundo as cifras do SERGAS, a espera media para unha intervención cirúrxica rondaba os 90 días ao peche do primeiro semestre de 2026. E esa é a lista «oficial», porque hai unha lista non estrutural, opaca e sen prazos garantidos que nin sequera aparece nas estatísticas. Mentres tanto, entidades de defensa da sanidade pública calculan que case a metade do gasto sanitario da Xunta acaba en mans privadas entre concertos, farmacia e material, e hai máis dun centenar de concellos sen pediatra. Todo isto con orzamentos récord. Vese que o diñeiro non falta; o que falta é vontade de que chegue a onde ten que chegar.
Xente que morre esperando
Detrás de cada media estatística hai unha persoa. Xente que morre porque a atención chega tarde ou non chega nunca. Faltan profesionais, faltan medios e o pouco que queda externalízase: os servizos de atención ao paciente e de xestión de citas están en mans de empresas privadas que cobran por xestionar a escaseza.
A saúde mental, o escándalo que ninguén quere mirar
Se a sanidade xeral está mal, a situación da saúde mental é unha vergoña. Faltan psiquiatras e psicólogos, e as consultas espázanse cada tres ou catro meses, aínda que, por moitas reclamacións que presentes, os prazos poden acabar alongándose ata un ano. Un ano é unha eternidade para quen o está pasando mal. Hai persoas que se afunden, que se autodestrúen e que chegan mesmo ao suicidio sen conseguir unha cita en psiquiatría. Non é unha fatalidade, é o resultado dunhas decisións políticas concretas: non contratar, non investir, derivar e mirar para outro lado.
As competencias non llas inventa ninguén
E aquí vén o que non remato de entender. A sanidade galega, como a doutras comunidades autónomas, moitas delas gobernadas polo Partido Popular, está neste estado. E todos, absolutamente todos, necesitamos a sanidade: por nós, polos nosos fillos, polos nosos pais, polos nosos avós e pola xente que queremos. Ninguén se libra. Entón, como é posible que alguén siga votando á dereita?
De verdade queda xente que non sabe que a sanidade, a educación ou as emerxencias están en mans dos gobernos autonómicos? Tan grande é a ignorancia? Porque non é un misterio nin un segredo de Estado: quen decide cantos médicos hai no teu centro de saúde, cantas camas se pechan no verán, cantas operacións se desvían a clínicas privadas e canto se paga por iso é o Goberno da túa comunidade. Chámase Xunta e leva moitos anos coas mesmas mans ao volante.
Unha cuestión de clase
Isto non vai de siglas, vai de clase. Quen ten diñeiro págase un seguro privado e sáltase a cola. Quen vive dun salario, dunha pensión ou dunha prestación non ten máis remedio que esperar. A sanidade pública é o patrimonio da clase traballadora, e cada euro que se desvía á privada é un euro que se lle quita a quen non ten outra porta á que chamar. Deixar que se degrade non é un descoido: é un modelo, o de converter un dereito nun negocio.
Hai alternativa, pero hai que exercela
Defender a sanidade pública comeza por non regalar o voto a quen a desmantela. E continúa na rúa, nos sindicatos e nas plataformas, esixindo cadros de persoal dignos, a internalización dos servizos externalizados, atención en saúde mental a tempo e un sistema 100 % público, universal e de calidade. Ninguén nos vai regalar nada. O que non se defende pérdese, e a sanidade pública galega leva demasiado tempo perdéndose.
Hai que votar sabendo o que nos xogamos. Vai a nosa saúde e, ás veces, a nosa vida.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

