A TRAIZÓN É O MELLOR ALIADO DA ULTRADEREITA.
Hai quen se pregunta como é posible que un traballador vote a quen o explota. Hai quen finxe non entendelo. E hai quen sabemos perfectamente a resposta, porque a levamos denunciando anos: cando a esquerda traizoa, o fascismo avanza. Non é unha novidade histórica. É unha lei que se repite cunha puntualidade que espanta.
O voto dun traballador á dereita no Estado español non é ideolóxico na maioría dos casos. É un berro. Un berro de rabia, de desesperación, de alguén que se sente abandonado e que, cegado polo medo e a frustración, agarra a primeira man que se lle estende, aínda que esa man leve un puñal. É un voto suicida, si. É irracional, tamén. Pero é, sobre todo, o síntoma dun fracaso que non é do traballador, senón de quen debían representalo e o venderon.
Votar a quen quere quitarche os dereitos conquistados con décadas de loita obreira é un absurdo. Apoiar a quen goberna para os oligarcas, para as multinacionais, para os multimillonarios que os financian, é unha contradición que doe. Pero a clase traballadora non chega aí por casualidade nin por estupidez. Chega porque foi abandonada. Porque a socialdemocracia e a chamada esquerda instaláronse nos despachos do poder e desde alí lexislaron para quen lles paga, non para quen lles vota.
A ultradereita non crece porque sexa forte. Crece porque a traizón da falsa esquerda a alimenta. O fascismo non se fortalece no baleiro: fortalécese no desengano. Cada promesa incumprida é un ladrillo no muro do fascismo. Cada traballador que ve como os prezos soben, os salarios apodrecen e os políticos prosperan sorrindo ante as cámaras é un voto que se afasta da esquerda e un que se achega a quen explota o medo. E así, de Guatemala a Guatepeor, o pobo paga o prezo das traizóns alleas.
Non é o inimigo o que máis dano fai. É o traidor. E os traidores neste taboleiro teñen nome e apelidos: son as cúpulas sindicais vendidas á patronal que destrúen desde dentro o prestixio do sindicalismo e lle regalan á ultradereita o discurso antisindical. Son quen, acubillados baixo siglas de esquerda, defenden nos feitos os intereses dos mesmos poderes económicos que financian a Vox. Son quen reparten esmolas coa man esquerda mentres coa dereita asinan os acordos que perpetúan a miseria.
O triunfalismo en medio do sufrimento é unha ofensa. Anunciar vitorias mentres a clase traballadora non chega a fin de mes non é política de esquerdas: é cinismo de dereitas con etiqueta progresista. E ese cinismo, esa distancia abismal entre o discurso e a realidade, entre os despachos e os barrios, entre as rodas de prensa e os turnos de doce horas, é o adubo máis fértil que existe para que medre o fascismo.
A solución non é votar á dereita. Iso está claro. Pero tampouco é seguir votando a quen traizoa sen consecuencias, aplaudindo a quen promete e non cumpre, tolerando que se nos diga que as esmolas son todo a o que podemos aspirar. A solución é recuperar unha esquerda que sexa de verdade da clase traballadora, que fale o idioma dos que madrugan e sofren, que non se venda, que non se rinda, que non xestione o sistema senón que o transforme.
Mentres iso non ocorra, a ultradereita seguirá tendo o mellor argumento do mundo: a traizón de quen deberían ser a alternativa.
André Abeledo Fernández

