Mercadona: cando a conciliación molesta aos beneficios
Hai empresas que falan constantemente de conciliación e hai empresas que a destrúen cada día. Mercadona pertence ao segundo grupo.
Mentres a compañía presume de responsabilidade social e de ser un exemplo de éxito empresarial, milleiros de traballadoras e traballadores viven sometidos a horarios variables que fan imposible organizar unha vida familiar digna. A realidade desmonta toda a propaganda.
Porque a conciliación non consiste en encher folletos de boas palabras. A conciliación consiste en poder coidar dun fillo, atender unha persoa dependente, acudir a unha cita médica ou, simplemente, saber cando vas traballar a semana seguinte. E iso, en Mercadona, segue sendo un luxo do que a maioría da plantilla carece.
Os distintos gobernos levan décadas enchendo discursos coa palabra conciliación mentres permiten que as grandes empresas baleiren ese dereito de todo contido. Lexislan para a foto, pero cando toca escoller entre as familias traballadoras e os beneficios empresariais, sempre acaba gañando o mesmo.
Mercadona representa perfectamente ese modelo laboral. Unha empresa que decide cando traballa cada persoa, que modifica horarios segundo as necesidades comerciais e que converte a vida da súa plantilla nun quebracabezas permanente.
Véndennos como un enorme avance librar dous días á semana. O que non contan é o prezo. Xornadas máis longas, flexibilidade absoluta para a empresa e dispoñibilidade permanente da persoa traballadora. Entrégase tempo de vida a cambio dunha falsa sensación de mellora.
Non hai conciliación cando cada mes cambia o horario. Non hai conciliación cando cada día pode comezar e rematar a unha hora distinta. Non hai conciliación cando toda a organización dunha familia depende das previsións de venda dunha tenda.
Especialmente grave resulta o tratamento ás persoas que solicitan redución de xornada para coidar dos seus fillos ou de familiares dependentes. Un dereito conquistado tras décadas de loita sindical queda sometido ás famosas grellas horarias pactadas polos sindicatos dóciles á dirección. En lugar de protexer a quen coida, protéxese a conta de resultados.
Iso non é conciliación.
Iso é utilizar a conciliación como propaganda mentres se destrúe na práctica.
Resulta aínda máis indignante que algúns sindicatos pretendan presentar este modelo como un éxito. Un sindicato nace para defender á clase traballadora fronte ao poder da empresa, non para converterse no departamento de comunicación da dirección. Quen asina retrocesos laborais para garantir a paz social deixa de representar ás traballadoras e traballadores e pasa a representar os intereses da empresa.
Mercadona presume continuamente de patriotismo, de ser unha empresa moi española e de contribuír ao progreso do país. Pero cando chega o momento de escoller entre garantir horarios dignos ou aumentar beneficios, nunca existen dúbidas sobre cal é a prioridade.
Porque o patriotismo empresarial remata exactamente onde comezan os beneficios.
A verdadeira patria da clase traballadora non son os balances económicos das grandes empresas. A verdadeira patria son as familias que precisan tempo para vivir, para coidar e para educar os seus fillos con dignidade.
Mentres Mercadona siga considerando o tempo das súas traballadoras e traballadores unha mercadoría ao servizo do beneficio económico, toda a súa propaganda sobre conciliación, responsabilidade social e compromiso coas persoas non será máis ca iso: propaganda.
E os dereitos laborais seguirán sendo o prezo que algúns están dispostos a facer pagar á clase traballadora para que unha minoría continúe acumulando beneficios millonarios.
André Abeledo Fernández

