Infantino para a ONU: o símbolo definitivo da subordinación ao poder estadounidense.
A soa posibilidade de que Donald Trump impulse a Gianni Infantino como próximo secretario xeral das Nacións Unidas retrata mellor ca mil discursos o estado das institucións internacionais. Non se trata unicamente dunha filtración publicada por varios medios internacionais e que, até o momento, non foi desmentida nin pola Casa Branca nin pola propia FIFA. Trátase do que representa politicamente esa posibilidade.
Gianni Infantino converteu a FIFA nunha organización rodeada de polémicas. O seu mandato estivo marcado por acusacións de favoritismo, por unha crecente politización do fútbol e por unha proximidade con Donald Trump que, durante o Mundial de 2026, deixou de ser unha simple impresión para converterse nunha evidencia ante os ollos de millóns de persoas. A controversia pola revogación da sanción a un xogador estadounidense tras a intervención de Trump alimentou aínda máis as dúbidas sobre a independencia da FIFA. A iso hai que sumar as denuncias, repetidas desde federacións e confederacións de medio mundo, dun trato de favor sistemático cara aos intereses de Washington na organización do propio Mundial, desde o reparto de sedes até as facilidades comerciais. Un dirixente sinalado por iso mesmo resulta, canto menos, incompatible con presidir un organismo que debería representar o equilibrio entre todos os pobos do planeta.
Agora ese mesmo dirixente aparece como posíbel candidato para dirixir a ONU. Se finalmente esa operación chegase a materializarse, non sería unha simple substitución de nomes. Sería a confirmación de que as institucións internacionais deixaron de gardar sequera as aparencias de independencia fronte ás grandes potencias.
A ONU atravesa desde hai anos unha profunda crise de credibilidade. A súa incapacidade para impedir guerras, facer cumprir o dereito internacional ou garantir que as resolucións aprobadas sexan respectadas debilitou enormemente a súa autoridade moral. Cada vez máis cidadáns contemplan como o dereito internacional parece aplicarse cun rasoiro distinto segundo quen sexa o aliado e quen sexa o adversario de Washington.
Todo isto abre un debate que xa non pode seguir evitándose. Debe seguir estando a sede das Nacións Unidas nos Estados Unidos? Pode unha organización que aspira a representar toda a comunidade internacional manter a súa independencia cando depende do país que a acolle e que, ademais, utiliza a súa enorme influencia política e diplomática para defender prioritariamente os seus propios intereses?
Abonda repasar os últimos meses para entender que non se trata dunha sospeita abstracta, senón dunha acumulación de feitos que deberían bastar para que calquera organismo internacional serio se plantexase a súa relación de dependencia con Washington.
Aí está o respaldo incondicional de Trump a Netanyahu, malia que sobre este último pesa unha orde do tribunal internacional por crimes de lesa humanidade. Aí está o apoio sostido a Israel nos seus ataques contra o Líbano e Palestina, e a guerra ilegal contra Irán, unha escalada que empurrou boa parte do planeta cara a unha crise económica e enerxética cuxas consecuencias pagan, coma sempre, os pobos e non quen decide as guerras. Aí está o secuestro militar do presidente lexítimo de Venezuela, Nicolás Maduro, sacado á forza da súa residencia en Caracas e trasladado a un cárcere de Nova York, onde o seu xuízo se foi adiando reiteradamente mentres Trump alardea abertamente de se apropiar do petróleo venezolano. A propia defensa de Maduro insiste na ilegalidade desa operación e sostén que un xefe de Estado estranxeiro non pode ser xulgado por tribunais estadounidenses. Aí está a persecución sistemática dos migrantes e os abusos de ICE, que xa se saldaron con varias mortes no curso das súas actuacións. Aí están, mesmo, as trabas postas á entrada de estranxeiros en solo estadounidense durante unha competición internacional coma o propio Mundial de fútbol, proba de que nin un acontecemento desa magnitude escapa á lóxica do control migratorio máis agresivo.
Ningún destes feitos é anecdótico. Xuntos debuxan o perfil dunha potencia que impón a súa lei por riba do dereito internacional e que, ao mesmo tempo, alberga no seu territorio a sede do organismo chamado a facer respectar ese dereito. Esa contradición, sostida ano tras ano, é a que corroe por dentro a credibilidade das Nacións Unidas.
Non se trata dunha cuestión simbólica. É unha cuestión de credibilidade. Porque cando as institucións deixan de parecer neutrais, deixan tamén de ser percibidas como árbitros lexítimos.
Que sexa precisamente Donald Trump quen pretenda impulsar a Gianni Infantino para dirixir as Nacións Unidas resulta profundamente significativo. Ambos representan unha forma de entender o poder baseada na personalización do liderado, a utilización política das institucións e a confusión entre os intereses particulares e os intereses xerais.
A ONU precisa recuperar independencia, prestixio e lexitimidade. E esa recuperación pasa, tamén, por preguntarse se a súa sede pode seguir estando no país que con maior descaro utiliza o seu poder para saltar as normas que di defender. Se acaba convertíndose noutro escenario máis das loitas de poder de Washington, terá deixado de cumprir a función para a que foi creada. E se algún día un dirixente cuxa xestión ao fronte da FIFA foi obxecto de tantas controversias remata ocupando a máxima responsabilidade das Nacións Unidas, moitos cidadáns concluirán que a degradación das institucións internacionais alcanzou un punto do que será moi difícil regresar.
André Abeledo Fernández

