Balóns por cascallos: a ultradereita regala propaganda mentres Colombia enterra os seus mortos.
O presidente que reparte balóns e agradece xenocidas. Firmes coa Patria, ausentes co pobo pero obedientes cos seus amos.
Hai imaxes que non precisan comentario porque se explican soas, e logo hai imaxes que esixen ser explicadas precisamente porque quen as protagoniza pretende que non signifiquen nada. Un presidente lanzando balóns de fútbol co logo do seu partido a nenos que acaban de perder a súa casa, o seu colexio, quizais un familiar baixo os cascallos, non é un desliz de protocolo. É unha fotografía perfecta do lugar que a ultradereita reserva para os pobres: o de comparsa da súa propaganda, nunca o de suxeito de dereitos.
Un balón por un teito.
O 10 de agosto un terremoto de magnitude 7,4 sacudiu o occidente de Colombia. Máis de 280 mortos, miles de feridos, preto de 200 desaparecidos, barrios enteiros de Buenaventura e Chocó reducidos a cascallos. E seis días despois, mentres as familias seguían durmindo á intemperie e reclamando auga, alimentos e medicinas, o presidente Abelardo de la Espriella percorreu a zona repartindo balóns estampados co lema da súa campaña, «Firmes por la Patria», desde o interior dunha camioneta blindada, coma quen reparte caramelos nun mitin.
Non fai falla esaxerar nada: os propios veciños encargáronse de retratalo cunha precisión que ningún analista podería mellorar. «O que precisamos é teito, precisamos axuda normal, non balóns», dixo un deles, con esa claridade que só dá a necesidade. Outro pedíulle, cunha dignidade que a De la Espriella lle falta por completo, que puxese a man no corazón e trouxese materiais de construción. Mentres tanto, no hospital, había nenos que non tiñan nin para comer. Ese é o contraste: un logo político sobre un balón de coiro, fronte a un país que se esfarela.
O teatro do xenocidio.
E como toda ultradereita precisa lexitimarse ante os seus amos, De la Espriella non perdeu a ocasión de chamar por teléfono a Netanyahu para agradecerlle, coas palabras máis melosas posibles, o envío de «rescatistas» israelís. Oitenta e dous homes do exército que a propia Comisión Internacional Independente da ONU sinalou en 2025 por cometer xenocidio contra o pobo palestino en Gaza, presentados de súpeto coma anxos humanitarios en Cali.
A montaxe non tardou en esfarelarse: o portavoz das FDI, Roni Kaplan, meteuse nun burato completamente limpo, sen unha mota de po no uniforme, sen luvas, para contar ante a cámara que baixo os seus pés había dez cadáveres. Nin rastro de esforzo, nin rastro de traballo real, só a escenografía perfecta para o vídeo. O mesmo exército que non se ensucia as mans para bombardear Gaza e o sur do Líbano tampouco as ensucia para finxir que rescata en Colombia. É lavado de imaxe, puro e simple, ao servizo dun xenocidio que precisa desesperadamente fotografías bonitas.
E non foi casualidade nin improvisación. O goberno de De la Espriella xa rompera coa posición histórica da comunidade internacional para recoñecer a soberanía israelí sobre os Altos do Golán, territorio sirio ocupado desde 1967. Restableceu relacións que o propio Gustavo Petro cortara en 2024 en rexeitamento da masacre de Gaza. A traxedia do terremoto non foi máis ca a escusa perfecta para selar, con bágoas de crocodilo e rescatistas de cartón pedra, unha alianza que xa estaba decidida de antemán.
A mesma pandilla de sempre.
Abelardo de la Espriella non inventa nada novo: repite, con acento colombiano, o mesmo guión que xa coñecemos de memoria. É a foto de Milei aplaudindo recortes mentres os xubilados arxentinos fan cola nos comedores sociais. É Bolsonaro negando a pandemia mentres contaba os mortos coma danos colaterais. É Noboa militarizando o Ecuador mentres a pobreza medra. É Kast, que viaxou á propia investidura de De la Espriella coma aliado rexional, aplicando en Chile a mesma receita de man dura e desprezo social. É Fujimori e a súa herdanza autoritaria. E en Europa a mesma pandilla: Meloni, Abascal, Ayuso, Feijóo, todos eles dispostos a axeonllarse ante Washington e Tel Aviv con tal de manter os seus privilexios de clase.
Ningún deles ten vergonza porque a vergonza pertence a quen aínda sente algo polo pobo que di representar. Eles non representan a ninguén: obedecen. Obedecen a Trump, obedecen a Netanyahu, obedecen ao capital que os sostén, e a cambio reparten balóns de fútbol aos que quedaron sen casa.
O que a traxedia revela.
Un terremoto non crea as desigualdades, só as pon ao descuberto cunha crueza que ningún discurso pode disimular. Buenaventura e Chocó levan décadas sendo o patio traseiro dun Estado que nunca investiu o suficiente neles, cunha poboación maioritariamente afrodescendente e traballadora, a mesma que hoxe esixe, con toda a razón do mundo, que deixen de tratala coma escenario de campaña electoral permanente.
A solidariedade real non se fotografa limpa, non leva logo de partido, non precisa agradecer a xenocidas por teléfono. A solidariedade real chega coas mans sucias, constrúe, alimenta, cura, e non agarda aplausos nin cámaras. Iso é exactamente o que lle falta a De la Espriella e a toda a súa pandilla, e é exactamente o que o pobo colombiano, coa súa indignación nas rúas e nas redes, lle está esixindo a berros.
Até a vitoria sempre!.
André Abeledo Fernández

